Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As novas ondas

Os filmes galegos de Cineuropa

Eloy Domínguez: Jet Lag.

O Panorama Galicia de Cineuropa adoita ser un bo indicador do estado de saúde da creación cinematográfica galega e, sobre todo, do que se deu en chamar Novo Cinema Galego. E este ano non é excepción. Jet Lag, de Eloy Domínguez Serén, que se presentou no Festival de Sevilla; A viaxe de Leslie, de Marcos Nine, que estivo na Seminci de Valladolid ouEncallados e A viaxe dos Chévere, de Alfonso Zarauza, son algúns dos filmes integrados nesta sección da mostra de cinema compostelá, como El Arca de Noé, de David Valero e Adán Aliaga, -tamén seleccionado para a Seminci e para Sevilla-, o work in progress de O lugar dos avós, de Víctor Hugo Seoane, videocreacións de Olalla Castro e as videocartas Galiza-Berlín, de Ana Seijo, Sandra Martínez, Adriana P. Villanueva e Sabela Pernas.

En Cineuropa proxectouse, ademais, Las altas presiones de Ángel Santos, -que competiu en Busan (Corea do Sur) e gañou o premio da sección "Las Nuevas Olas" do Festival de Sevilla-, e en Docs-Cineuropa Uxío Funes, o inventor da lúa, de Enrique Otero. Son menos filmes que outros anos. "É que é un feito: prodúcense menos películas, e probablemente o ano que vén haberá menos", explica o programador do Panorama Galicia, Martin Pawley. Os recortes, -as axudas da Xunta ao fomento de novos talentos pasaron de 400.000 euros no 2009 a 145.000 este ano-, dificultan o desenvolvemento de novos proxectos.

Mais, -indica Pawley-, "o Novo Cinema Galego non vai morrer. Moitos autores están consolidados e outros vanse sumando". Cando a etiqueta comezaba a soar, no 2010, "había varios proxectos cociñándose. Foi o ano de Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, que gañou Cannes? Ao principio houbo un escepticismo alto. Agora falar de Novo Cinema Galego xa é un lugar común", engade. Pawley encárgase da sección de cine galego de Cineuropa desde o 2010, pouco despois de que coa fin do goberno bipartito fose desmantelada a Axencia Audiovisual Galega, que baixo da dirección de Manolo González creara as axudas que impulsaron a moitos dos novos cineastas do país.

O Panorama Galicia foi seguindo a pista de moitos destes creadores. Este ano recuncan nesta sección de Cineuropa Marcos Nine, Ángel Santos ou Eloy Domínguez Serén. A novidade é Olalla Castro, que fora premiada co Xuventude Crea 2012 por Arrevoa os meus cabelos. "A obriga dun festival é rastrexar, apostar por xente nova. Ás veces acertas e ás veces non, pero tes que intentalo", subliña Pawley. Marcos Nine presenta mañá en Cineuropa A viaxe de Leslie, unha película que conta a historia posible da vida do actor Leslie Howard a partir de imaxes dos seus propios filmes. "A Historia é un relato máis ou menos idealizado construído a partir do esquecido, e parte del é ficción, relato, sempre cuestionable", subliña Nine.

En Las altas presiones, de Ángel Santos, un mozo volve a Galicia nun momento de crise persoal para buscar localizacións para un filme. De fondo sitúanse as ruínas dunha paisaxe industrial. "Quería falar de como esas crises laborais que se fan máis patentes na clase obreira podían afectar a alguén que desenvolve un traballo de carácter artístico nun sector eminentemente burgués como é o do cinema", indica o director. En Encallados, Alfonso Zarauza apunta, baixo unha louca historia de tres amigos á busca de guión para facer unha película sobre o Prestige, a como é un país que non foi quen de realizar unha boa ficción cinematográfica sobre unha das peores catástrofes ecolóxicas da historia. Coa impotencia ten tamén que ver El arca de Noé, de Adán Aliaga e David Valero, na que, no medio da falta de expectativas da crise, dous amigos tentan mudar a súa vida inventando unha máquina que os tire da precariedade vital.

Retrato do traballo nocturno

Compartir el artículo

stats