Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

García Teijeiro: "Un libro de poesía na habitación de cada neno"

O Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil anima a ler poemas aos alumnos dos colexios que participan no concurso FARO DA ESCOLA l O escritor presenta a Martiño, o seu animado moneco lector

O escritor Fran Alonso, cos alumnos do colexio Eduardo Pondal trala súa charla.

"En cada mesa de noite, en cada andel da habitación dun neno debe haber un libro de poesía". Este foi o reto que o escritor Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) presentou onte aos alumnos de 4º, 5º e 6º cursos de Educación Primaria do CEIP de Cedeira o do CPR Plurilingüe Vigo, ambolos dous do concello de Redondela.

García Teijeiro, actual Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, arrancou onte as súas visitas aos centros educativos que participan na terceira edición do concurso xornalístico FARO DA ESCOLA, unha iniciativa do diario decano que conta co patrocinio da empresa de transportes Vitrasa-Avanza, o grupo de distribución Vegalsa-Eroski e a Deputación de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

A primeira cita do escritor foi cos alumnos do colexio público de Cedeira que participan na elaboracion do seu xornal escolar para o concurso de FARO. A biblioteca do centro foi o escenario da charla, cuias paredes e pizarras estaban cheas de carteis e murais sobre Antonio García Teijeiro y de debuxos dos escolares sobre palabras e poemas do autor. Antonio faloulles do seu pasado como profesor e tamén como porteiro dos equipos profesionais de balonmán Academia Octavio e Teucro. Unha faceta que aproveitou para animar aos alumnos a conxugar deporte e literatura: "son dúas actividades moi compatibles. Eu cando xogaba aproveitaba as viaxes do equipo para ler; nunca parei de ler".

O escritor suliñou os seus inicios na lectura e na poesía e a influencia que nel e na súa traxectoria tiveron poetas como Rafael Alberti, Manuel María, Federico García Lorca ou Rosalía de Castro. Así, aproveitou para preguntarlles aos escolares cal imaxinaban que era a principal cualidade para poder escribir poesía. Sucedéronse as propostas (imaxinación, corazón, amor, ...) ata que unha alumna deu coa clave: LER.

A animación a lectura foi unha constante na charla cos escolares de Cedeira e do colexio Vigo aos que animou a ter na súa habitación, na súa mesiña de noite ou no andel un libro de poesía. "Si ledes cada día un poema na vosa casa e outro no colexio, vades a ler máis de setecentas poesías ao ano. Mirade si é importante adicarlle uns minutos á poesía". E fixo dous xogos cos escolares. Propúsolles que adiviñaran cal era a súa palabra preferida e, de novo, xurdiron moitisímas dos escolares:_poesía, poema, amor, lectura, corazón, mar, imaxinación, vida... "Non, non, non", descartaba Antonio, ata que, ante a falta de acerto, desvelou cal era a súa, que non era outra que: a propia PALABRA. "Vale para todo: comunicarse, escribir, cantar,..." O mesmo lles ocurreu aos escolares do colexio Vigo que tampouco foron quen de acertar.

A sorpresa de Martiño

E ainda houbo tempo para a sorpresa do día. Antonio García Teijeiro anunciou aos alumnos dos dous colexios da xira que tiña que presentarlles a un novo amigo que o acompaña nas súas visitas. E sacou unha caixa da súa mochila e do seu interior colleu un moneco que animou coa súa man. "Este é Maaaaaaarrrrrrrtiño", presentouno Antonio. Unha marioneta feita nun pobo de Toledo e que representa a un mariñeiro que anima aos nenos e mozos a ler. E dito e feito, Martiño axudado polo escritor empezou a ler poesías do libro "Poemar o mar", o segundo da triloxía de García Teijeiro sobre o mar e polo cal foi galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil deste ano. Pero Martiño creceuse ante o seu público escolar e atreveuse tamén a cantar poemas do libro, axudado polos seus novos amigos.

Enfin, unha mañán de luns cargada de poesía, de divertimento e de sorrisos co único obxectivo de adicarlle un pouco máis de tempo á poesía e á literatura. Ler da vida.

Nas vindeiras semanas, o poeta e escritor visitará aos alumnos dos centros CEIP de Chans-Bembrive, o CPR Neuropsicopedagóxico O Pelouro de Caldelas de Tui, o CPR Plurilingüe Divino Salvador de Coruxo, o CEEPR Juan María de Nigrán, o CEIP Rubiáns de Vilagarcía, o CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía, o CEIP do Carballal de Marín e o CEIP San Martiño de Salcedo, Pontevedra.

Compartir el artículo

stats