Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Labor estrea Escola de Música

O colexio vigués acolle un concerto para presentar o proxecto do seu Centro Creativo Musical

O grupo que protagonizou o concerto.

O CCMUS ou Centro Creativo Musical é unha escola que funciona baixo o Centro Creativo Galego, e que ofrece formación de múltiples disciplinas artísticas como música, danza e artes plásticas e gráficas. Este ano comeza a súa andaina no Colexio Labor de Vigo e para presentar este novo proxecto, celebrouse no patio do colexio un concerto a cargo de mestres e alumnos da escola ao que asistiron os alumnos e as súas familias. A escola, que funciona dende este mes de novembro, ofrecerá seus servizos a persoas de calquera idade sexan ou non alumnos ou familiares do centro. esta escola ofrece disciplinas como música, artes e danza.

Música

No Centro Creativo Musical actúase de forma diferente aos conservatorios oficiais, pois aposta por un sistema innovador utilizado en Centro e Norte de Europa (Finlandia, Holanda...). Nun mesmo día de clase impártense instrumento, linguaxe musical e música de conxunto. Isto permite maximizar o tempo asistindo un único día a clase, obtendo mellores resultados cas as escolas oficiais de música e a aprendizaxe realízase de forma natural e divertida.

"No CCMUS preparamos os alumnos para obter certificados de validez internacional, como é o da Royal School Music. Así mesmo, tamén os preparamos para as probas de ingreso dos Conservatorios Oficiais de Música. Con este tipo de certificados os seus estudos serán aceptados en calquera país, elemento moi importante para a formación e a cualificación profesional", asegura Javier Saborido, director do colexio.

"No Centro Creativo Musical impartimos todos os estilos de música fundamentais: Clásico, Jazz, e Folk. Mención especial merece a nosa escola Rock! Que lanzamos este ano e que apunta ser todo un boom... Saca a Rock&Roll Star que levas dentro! Con clases de Guitarra Eléctrica, Baixo Eléctrico, Canto, Batería, Teclados e a dirección artística e musical de grupos", enfatiza Saborido.

Ademais das aulas de instrumento, no CCMUS impártese unha actividade especial para bebés, a Estimulación Sonora Temperá. Unha actividade que consiste na realización de exercicios auditivos dirixidos a captar a atención do bebé, para desenvolver a súa psicomotricidade e capacidade auditiva. Estes exercicios axudan tamén a aumentar o sentido da música no bebé, elemento que será de grande axuda cando comece a tocar un instrumento. A Estimulación Sonora Temperá está recomendada para bebés de 0 a tres anos.

Danza

Respecto á Danza Clásica (Ballet) ou Contemporánea, actúase do mesmo xeito e tamén preparan ós alumnos para os exames da Royal School of Dancing, xa que continúa coa mesma filosofía de alcanzar certificados de carácter internacional.

Ademais da danza, a escola ofrece tamén clases de Hip Hop, para os máis atrevidos a mover o esqueleto disfrutando da música máis actual e divertida. As danzas urbanas son tendencia, e é unha forma moi saudable de facer deporte, onde peques e maiores se divirten creando coreografías.

Artes e Fotografía

As clases de Fotografía están dirixidas a afeccionados, tanto adultos coma nenos, sen coñecementos ou con coñecementos básicos. O obxectivo principal do curso é que o alumno poida expresarse mediante a captura de imaxes empregando unha cámara dixital réflex e a posterior edición nun ordenador. Os alumnos coñecerán tamén a historia da fotografía, os autores e os seus diferentes xéneros, conseguindo así desenvolver o seu propio percorrido expresivo.

As clases de Fotografía para nenos teñen moito éxito e os nenos superan expectativas, creando imaxes incribles e manexándose coma case calquera fotógrafo profesional.

Akademus: Escola de Artistas

Akademus é unha actividade que vén cargada de imaxinación e creatividade, mesturando as artes e o teatro. "En Akademus construímos unha máquina do tempo onde os nenos viaxan por todas as épocas e civilizacións da humanidade, dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea.

Mesturando o xogo coas Artes Plásticas, a Literatura, a Música e o Teatro descubrimos como se desenvolveron as diferentes culturas, os seus costumes, a linguaxe e a escritura. Unha vez situados no contexto histórico, experimentamos cos seus procesos creativos, as súas técnicas artísticas para comprender de primeira man a evolución da Historia da Arte", sinala Saborido.

A filosofía do CCMUS

Javier Saborido, por último, suliña que "máis alá dos certificados e as cualificacións, o importante é que os alumnos se divirtan creando, xogando, tocando. O fundamental é a creatividade e que esa creatividade se transmita. É por iso que somos unha escola de artes. Somos artísticos e queremos que os alumnos se empapen da nosa filosofía facendo que todas as actividades sexan de carácter transversal. Todos os nosos alumnos saberán de primeira man como funcionan as demais disciplinas artísticas e así poden ter criterio propio para decidir e continuar creando".

Compartir el artículo

stats