Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O desafío matemático da Galiciencia reta aos escolares galegos

Tecnópole lanza "Atrévete coas matemáticas!" en varias fases que se desenvolverán ata o mes de novembro

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole adianta de novo este ano o comezo da celebración da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, co lanzamento dun desafío matemático que se desenvolverá en varias etapas ata o mes de novembro. "Atrévete coas matemáticas!" está aberto a escolares de Secundaria e Bacharelato de Galicia e constará de varias fases eliminatorias con probas a distancia, que culminarán nunha final presencial durante a Galiciencia, en Ourense.

Ata o 22 de abril, os participantes deberán realizar unha fotografía ou un vídeo sobre un número ou unha secuencia matemática famosa. Os que superen esta fase terán de prazo ata o 13 de maio para enviar a gravación en vídeo dun flexágono -obxecto plano con forma de polígono creado mediante o pregue dunha peza de papel que, debidamente dobrada, permite mostrar máis caras ao manipulala- construído por eles mesmos. Quen demostre máis habilidade nesta proba poderá enviar ata o 3 de xuño o resultado do último reto a distancia: a creación dun anamorfismo, a distorsión dunha imaxe utilizando métodos matemáticos e ópticos para crear no observador a ilusión dun efecto perspectiva.

Os gañadores dos sucesivos retos anteriores decidiranse a votación dos centros escolares galegos, que serán invitados a valorar as probas, e do público en xeral a través da web de Galiciencia (www.galiciencia.es).

Durante a última xornada de Galiciencia, que contará co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar a proba final, de carácter presencial, que enfrontará os cinco equipos mellor puntuados na fase anterior. Esta iniciativa responde á vontade de Tecnópole de estender as actividades de divulgación científica ligadas a Galiciencia.

Compartir el artículo

stats