"Non vou facer nada nin dicir nada", afirma Xosé Luis Méndez Ferrín ao respecto do ocorrido no pleno do pasado sábado da Real Academia Galega (RAG). Nel, o grupo de académicos formado por Xosé Luis Axeitos, Chus Pato, Manuel González, Euloxio Ruibal, Paco Fernández Rei, Darío Xohán Cabana, Xosé Luis Regueira e Manuel Rivas, incluira na orde do día o seguinte punto: "Solicitude de reincorporación de Xosé Luís Méndez Ferrín á relación de actuais académicos de número".

Un punto do plenario que non se debatiu con normalidade e que, como explican nunha carta os propoñentes que asistiron ao pleno (todos agás Manuel Rivas e Xosé Luis Regueira), "en vez de discutir a proposta da orde do día, algúns membros da executiva e outros académicos trataron de derivar o contido do punto e sometar a votación non a corrección solicitada, senón algo que non figuraba na orde do día: enviarlle unha carta a X.L. Méndez Ferrín cominándoo a aclarar se seguía mantendo a súa decisión de dimisión ou non, para poder iniciar o proceso da súa exclusión como académico de número, prevista no Regulamento para aqueles casos de non participación nas actividades académicas".

"Dado que esa pregunta non figuraba na orde do día, e ante a imposibilidade de reconducir o sentido da proposta, no momento en que se repartiron as papeletas de votación os académicos presentes propoñentes da introdución do punto na orde do día, decidiron retirarse e non participar nunha votación que consideramos sen efectos legais por non responder a ningún punto da orde do día", salientan ademais na súa carta, publicada onte coa intención de aclarar a situación, non para alimentar desputas. Este procedemento pode concluir coa expulsión de Ferrín.

"Son cousas que pasan alí, eu xa estou fóra delas", asegura Ferrín, que cando deixou o cargo de presidente da institución, tamén presentara a súa dimisión como académico, mais o pleno da Academia a rexeitara naquel momento. Polo tanto, Ferrín continúa a ser membro de número da RAG. Pese a que o seu nome non figura en ningures na web da institución; nin na lista de académicos oficial. "Eu non sabía que estaba eliminado da páxina da Academia", dixo a FARO onte o escritor afincado en Vigo.

"Igual me mandaron unha carta pero a min non me chegou nada, tiven noticia polos medios", explicou Ferrín, que tampouco coñecía a orde do día do pleno do sábado. O escritor leva cinco anos sen realizar ningunha actividade como membro da RAG pero o seu non é un caso illado. "Queremos que se lle aplique o mesmo tratamento que se lle deu a outros casos de académicos que presentaron a súa dimisión formal ante o Plenario, pero que non lles foi aceptada, e que figuraron como membros numerarios ata o día da súa morte (como se pode comprobar na web da RAG en casos coma os de Monseñor Araúxo ou Jenaro Marinhas del Valle)", sinalan os académicos na súa carta.

"Esperamos que esta situación se resolva con sensatez e sen crispacións", din na misiva na que tamén se mostran "desexosos dun diálogo construtivo" que transmita á sociedade a idea de que a RAG é unha institución fiable. Do contrario, vacticinan que se reabrirán feridas no seo da Academia.