Dende o ano 2014 ata agora, a fotógrafa Eva Díez leva retratando por España, Italia e Portugal casas abandoadas ás que dá un toque de esperanza iluminándoas por dentro e fotografándoas no lusco e fusco. O fin, "leva-la sensación de vida a unha casa" sen xente. O proxecto, de nome Renacer, ten botado raíces -á súa maneira- en Italia, en concreto, na rexión do Venetto. Alí, creouse unha residencia artística, precisamente, a partir do proxecto da artista galega para que creadores de todo o mundo viaxen ata alí e traballen sobre a habitabilidade co gallo de recuperar parte desa memoria e riqueza patrimonial.

Eva Díez explicaba onte que viaxou ata o Véneto cunha bolsa do Mueso de Arte Contemporánea Unión Fenosa e foi naquela rexión onde se decatou de que o abandono de vivendas era enorme.

Algunhas das cosas que fotografou alí poden verse na exposición Renacer que se amosa dende hoxe (inauguración ás 20.00 horas) e ata finais de mes na sala 2 de Afundación de Vigo (Velázquez Moreno, 18-20), dentro do Outono Fotográfico, xa que este traballo levou o III Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.

Na presentación ós medios onte, explicaba que o proxecto conecta coa "resiliencia, entendendo as casas como o ánimo do ser humano por rexurdir, por seguir adiante".

Díez -que ten exposto en PhotoEspaña e recibiu premios LUX - lembrou como a primeira casa que fotografei foi "terrible. Estaba en Oia. Cheguei soa cun xerador enorme, fíxose de noite, facía vento e movíanse as ramas e parecía que había pantasmas", rememoraba onte entre risos.

Sobre a orixe do proxecto, lembrou como lle veu á mente un día que conducía por Pontevedra, vendo un edificio coa luz apagada e outro coa luz acesa pensando que neste último "había vida, había alguén". De aí, que nas súas fotos-cadros "a luz sexa a vida, a protagonista da foto nese lugar morto. É unha luz cálida que nos recorda a calor do fogar e, por iso, xa invita a entrar", engadiu.

O director do Outono Fotográfico, Xosé Lois, resaltou que en Renacer, "danse factores xenuinos como o voyeurismo; a historia da arte e aspectos sociolóxicos e máis psicolóxicos". Pola súa parte, Vítor Neves, o comisario, sinalou que "había moita expectación para que esta exposición chegase a esta cidade, xa que Eva é de aquí". Finalmente, Marité Cores, coordinadora da área Cultural de AFundación, destacou que a mostra chega a Vigo tras un periplo por vilas de España e mesmo Brasil.