O porto de Barallobre, na ría de Ferrol, é a zona de Galicia onde máis ostra salvaxe se colle, xa que ao longo do ano se acadan as 50 tonelada, contando o marisqueo a pé e a flote. O equipo do programa da TVG Pescadores de historias, achégase hoxe ata alí para probar estes famosos moluscos. A ostra empezou a explotarse de xeito planificado en 2005 e agora representa o terceiro recurso de maior volume que se captura nesta confraría, só superado pola ameixa babosa e a fina, polo que é sen dúbida un recurso moi representativo do ser deste porto.

Da importancia deste molusco falará Joam Luís Ferreiro, que é o biólogo da confraría e, polo tanto, quen se encarga da elaboración dos plans de explotación deste recurso, e Manuel Bañobre, un mariscador con moita experiencia, que explicará que a escaseza doutras especies fai que a ostra sexa o recurso que lles está "salvando" a vida aos mariscadores da zona. X. H. Rivadulla Corcón conversará con Virginia Souto, a presidenta das mariscadoras a pé, que contará como á hora de traballar a ostra é moito máis doada de coller que a ameixa ou o berberecho. Pepa López, membro da asociación Festa Mariñeira, vai descubrir aos espectadores unha forma curiosa de cociñar as ostras: fritas.

Partido de pretemporada

Por outra banda, a TVG ofrecerá, a partir das 20.30 horas, o partido de pretemporada entre o F. C. Porto e o R. C. Deportivo. O equipo branco e azul xogará o seu encontro máis forte do calendario preparatorio da temporada 2017-2018, e previo ao Trofeo Teresa Herrera, que ofrecerán tamén en directo os medios públicos galegos o próximo sábado.

Ademais, o espazo Aquí hai praia visitará a praia do Orzán, na Coruña, en forma de cuncha e bastante frecuentada, xa que está ao pé do paseo marítimo da cidade e é apta para practicar todo tipo de deportes. Desde A Coruña, Aquí hai praia viaxará ata a Mariña lucense, cara á praia de Llas, en Foz, veciña da Rapadoira e conectada por un paseo marítimo de catro quilómetros de lonxitude.