Cambiadores de bebés só no servizo de mulleres, portadas de revistas e reportaxes fotográficas de mulleres retocadas con Photoshop, as letras das cancións do 'reggaeton', por exemplo, entradas de discoteca máis baratas para as mozas, anuncios de emprego do tipo: "Búscase camareira: imprescindible moito peito"... Ana Torres Jack, licenciada en Psicoloxía e orientadora educativa, describe no seu novo libro moitas situacións, tan establecidas na sociedade que ás veces é difícil percatarse de que agachan mensaxes con prexuízos de xénero, que deixan ver as rutinas de desigualdade instaladas dende hai moito tempo.

"Máis aló do azul e do rosa", así se titula o seu libro no ámbito da didáctica, reúne dende frases a exemplos para concienciar da necesidade de avanzar cara unha maior igualdade. Inclúe "micromachismos na vida cotiá", como novelas e películas co estereotipo "moza torpe desvalida" e "mozo forte protector" (citando a '50 sombras de Grey' e 'Crepúsculo'), por exemplo. Nas relacións de parella tamén describe comportamentos que non se basean na igualdade: "tomar decisións importantes sen contar con ela, controlar o seu diñeiro, monopolizar o sofá e o mando, controlar os seus horarios ou citas, poñer pégas a que saia ou se relacione coa súa familia ou amizades...".

A obra, publicada por Galaxia, pretende contribuír a educar en igualdade, dende a infancia, na familia e na escola. Tamén busca "previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia".

Falamos con Ana Torres Jack:

-Cando os nenos empezan na escola xa levan uns conceptos previos de desigualdade de xénero?

-Cando un neno, ou unha nena, chega á escola aos 3 anos faino cunha mochiliña ás súas costas chea de experiencias intensas polas que xa teñen unha idea máis ou menos clara do que a sociedade espera deles en función do seu sexo. A nivel familiar as súas vivencias foron (sutilmente) diferentes: as expectativas, as esixencias, as palabras, o ton de voz e mesmo a demostración de afecto por parte dos pais e nais non son iguais para os nenos que para as nenas. A decoración do dormitorio, a vestimenta, os adornos persoais, os xogos e os xoguetes tamén son distintos e están perfectamente axustados aos clichés masculinos e femininos (elas máis coquetas e delicadas, eles máis activos e fortes).

-Faise ben a educación en igualdade nas aulas?

-Eu creo que dende as aulas faise cada vez mellor, aínda que seguen a coarse micromachismos ou machismos directamente. Por exemplo: nos libros de texto, onde tiñan que aparecer máis personaxes femininos (científicas, escritoras, artistas...) Nos patios de recreo, onde monopolizan o espazo os cativos que xogan ao fútbol (só en contadísimas ocasións hai presenza de nenas) e o resto apáñase como pode no espazo que lles queda... Nestes días previos ao Entroido nas casas recibimos circulares do colexio do tipo: "Os alumnos de 2º de Primaria virán o venres disfrazados de futbolist@s e animador@s". Por moita arroba que se lle poña xa se sabe como van ser as eleccións, non?

-Falas no libro dos perigos da sobreprotección dos pais e os nenos funcionan por imitación.

-Dende logo que si. A aprendizaxe do que se vive, do que se ve e experimenta é o que deixa a pegada máis forte nas conexións cerebrais que se forman na infancia. Pero no caso da repartición de tarefas domésticas entre todos os membros da familia, ademais de ofrecer un bo modelo, é cuestión de acordar normas, establecer rutinas e formar hábitos nos fillos e nas fillas. E se non se cumpre o pactado, establecer consecuencias. A ninguén lle gusta fregar! Pero se queremos que todos os membros da familia (incluida mamá!) dispoñan de tempo de lecer... pois non hai máis remedio que asumir o reparto equitativo de responsabilidades.