A Real Academia Galega celebra na súa sede en A Coruña este martes, ás 19.30 horas, a derradeira mesa de debate do ciclo "No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos", unha das iniciativas organizadas pola institución co gallo do centenario da fundación das Irmandades da Fala. O encontro, baixo o título "Novos vieiros para a narrativa", contará coa participación do escritor vigués Ramón Nicolás, Camiño Noia e Dolores Vilavedra. A académica Fina Casalderrey actuará como moderadora deste coloquio con entrada libre ata completar aforo.

O crítico literario Ramón Nicolás exporá o relatorio "Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas", a catedrática da Universidade de Vigo Camiño Noia falará da narrativa oral e costumista na época das Irmandades e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra profundará nas coleccións de narrativa breve, deténdose no caso de "Lar".

O ciclo "No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos" profunda nas producións literaria, xornalística e editorial galegas desenvolvidas polas Irmandades da Fala, que experimentaron grazas a elas un importante avance, e tamén nas biografías e obras de varios persoeiros que tiveron un papel destacado neste proxecto. O programa, que conta coa colaboración de máis dunha trintena de especialistas, foi inaugurado na Coruña o pasado mes de xuño cunha conferencia do académico Xosé Ramón Barreiro. Tras pasar por Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Ferrol, Lugo e Vigo, volve este martes para ser clausurado á cidade onde se fundou, o 18 de maio de 1916, a primeira agrupación irmandiña. A iniciativa conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A Real Academia Galega é ademais coorganizadora, da man da Deputación da Coruña e do Museo do Pobo Galego, da exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!". Esta mostra que divulga o herdo das Irmandades da Fala pode verse ata o 27 de decembro no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, cidade á que chegou o pasado día 2 despois de percorrer as principais localidades galegas, como Vigo, onde estivo na Fundación Barrié.