O libro "Historia da Literatura Galega III" sae á luz no centenario do movemento das Irmandades da Fala. Xa no turno de preguntas, un dos asistentes interpelou a Pena sobre qué análise faría da actualidade en referencia á época irmandiña. "¿Fomos cara diante ou cara atrás nestes cen anos?", dixo.

Xosé Ramón Pena mostrouse positivo: "Eu son optimista histórico porque se non o fora pensaría que a miña vida non vale para nada. A historia non vai en liña recta, fai uns debuxos rarísimos e é normal que nos preocupemos. Agora estamos preocupados pola nosa língua, o noso idioma, a nosa cultura... Cando ves que xente nova está participando de atrocidades, levando símbolos nazis... un se pregunta qué está a pasar. O que pasa é que o universo ten unha forza tendente á harmonía pero tamén tendente ao caos".

O autor confesou ser fan da Guerra das Galaxias e engadiu: "A pesar de todo un ten que estar do lado da forza e pensar que vencerá". "Temos que facer un esforzo de fe. Como profesor xubilado, creo que os profes de historia teñen unha tarefa de militancia na verdade moi importante, non se poden converter en burócratas. Hai que tomar partido pola verdade e pola xustiza, e polas verdades da historia, porque iso é o único que nos pode facer libres", asegurou Pena, que ata fai pouco era o decano dos mestres de Lingua e Literatura Galega e mestre no instituto Santa Irene de Vigo.

"O optimismo deberá de funcionar. A pesar de todo hai moitos máis seguidores dos Rolling Stones que de Franco", ironizou coa complicidade do público asistente ao coloquio.