Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novas voces na poesía galega

Bulen novos versos en Galicia

Falan as voces dunha nova etapa na lírica na Comunidade, a xeración coas influenzas máis dispares que segue coa tradición baixo a mirada de autoras clave como Rosalía

"A poesía está vivindo un momento de emerxencia frente a uns anos no que semellaba un pouco apagada, pero dende a época de Rosalía a poesía galega viviu moi bos momentos. É claramente o xénero que tivo mellores representantes literarios, incluso se nos remitimos aos trovadores da Idade Media. Creo que o momento da miña xeración confirma que a poesía é o grande xénero da literatura galega", argumenta Gonzalo Hermo (Taragoña, 1987), que foi galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven no ano 2015 por "Celebración", publicado pola editorial galega Apiario.

O nacemento de editoriais especializadas na lírica como poden ser Apiario e Chan da Pólvora, confirma esa necesidade de tratar á poesía dun xeito distinto. A primeira, fundada polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás, ultima unha antoloxía de dezaoito autores novos (os maiores están nos trinta) que se chamará "No seu despregar" con poetas que publican en papel por primeira vez e outros xa cos seus poemarios.

No caso de Chan da Pólvora, o director Antón Lopo di que o seu obxectivo é "recuperar un ADN que se estaba diluíndo e recuperar a poesía como potencia económica e de creación de discurso". A "colección de cabeceira" desta editorial estreouna Antón Blanco (Carril, 1996) con "A oseira". "A min cóstame falar de xeración porque creo que temos uns puntos de creación diferentes e somos moi distintos pero coñecémonos todos, eso sí", apunta Blanco, quen, ademais de tremendamente ledo, síntese un tanto violento coa saída do seu primer poemario. "Unha vez que se publica o libro xa non é teu, marchou, non tes o control de quen o está lendo. Ti es un estranxeiro ante el", di.

Falar ou non de xeración pode ser prematuro. Alba Cid (Ourense, 1989) cre que existen unhas "coordenadas de emerxencia" dunha serie de novos poetas que se coñecen entre sí por compartires espazos en festivais, recitais ou no papel, tanto en revistas como Dorna ou Grial, como en antoloxías. "O que nos debería unir son determinadas experiencias e que todos vivimos o acceso a internet, algo que nos abriu a un montón de influenzas", engade.

"Levo tempo tentando pechar un libro. Vexo que hai unha liña que separa aos creadores que teñen un libro individual dos que non o teñen e que continúas a ser inédita por moito que fagas antes de ter un libro propio. Así que o meu horizonte é ese libro", asegura Cid.

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) publicou o seu primeiro poemario, "Os fillos da fame" (Xerais), co que obtivo o Premio Johán Carballeira de Poesía o ano pasado. "O ter publicado en papel supuxo un pulo moi grande, parece que temos moi asumido que a través das redes sociais se chega moito máis lonxe pero, en cambio, teño claro que cheguei a moita máis xente de golpe co libro e foi moi sorprendente", asegura Ramos. "Creo que a maioría dos poetas novos temos como meta publicar en papel, é un privilexio", salienta.

Os premios veñen de conseguir que Espiral Maior publique o primeiro poemario de Miriam Ferradáns (Bueu, 1982), "Dos nomes de fume", Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé deste ano. "Son poemas de corte bastante intimista sobre a morte e o tratamento que desta fan nas familias", conta Ferradáns, que este ano fixo 'doblete' xa que tamén gañou o Premio Francisco Añón con "Desabitar na casa", un libro que terá unha edición especial que chegará a bibliotecas e institucións. "Publicar dous libros á vez vai a ser algo curiosamente caótico, procurarei resolvelo da forma máis divertida", destaca a autora.

"Galicia sempre foi un país de poetas, non é que agora haxa máis. Teño sentimentos encontrados, non sei se somos máis ou que de repente facemos máis ruído", reflexiona Lara Dopazo (Marín, 1985), gañadora do Premio de Poesía Francisco Añón con "Ovella", que nesta edición foi xurado do Pérez Parallé. "Todo o que publiquei ata o momento foi a través de premios, escribir para min é unha afición de armario para dentro", apunta a xornalista.

Antía Otero (A Estrada, 1982) que codirixe Apiario, publica a próxima semana "O cuarto das abellas" en Xerais. "Na contra do libro escribe Fran P. Lorenzo que hai unha emprega da linguaxe como un acto de risco, e concordo con iso porque tiven que medirme moito coa linguaxe nel, fun consciente da caixa de resonancia que teñen moitas palabras que empregamos, sobre todo cando falamos de cuestións do ámbito perdido, porque non quería que o rural se vencellase á melancolía", revela a autora, que tamén percibiu un cambio na súa escrita co paso do tempo: "Os meus tempos de escrita agora alongáronse moito entre libro e libro, cos anos preciso máis tempo de reflexión".

"Hai unhas dimensións de destrución cultural gravísimas, os datos de publicación de libros en galego no ano pasado indican que se reduciu un 40%", di Marcos Abalde (Vigo, 1982), quen fai fincapé en que "hai grandes poetas novos pero se non teñen un apoio institucional a súa presenza pública é mínima". Abalde gañou o Premio Manuel Lueiro Rey este ano con "Exhumación" (Xerais).

Para Alejandro Salse (Vigo, 1991) a poesía comezou "como unha cousa íntima" e tempo despois enviou os seus poemas a unha editorial nova, LeTour1987, que buscaba traballos de xente descoñecida. "Isto chamoume a atención e lles enviei uns poemas para saber qué lle parecían e grazas ao seu interés surxiu 'Estación en curva', co que estou moi contento", manifesta Salse.

Lucía Novas (Bueu, 1979) percibe que hai unha tendencia dende finais dos oitenta que segue ata hoxe. "Eu estou por idade nunha xeración e por publicación quizá noutra, nunca fun moi constante escribindo", di. "A verdade é que sempre escribín para mín, é un aspecto máis da miña vida, non é algo prioritario", recoñece Novas, que traballa nun novo poemario e publicou "Neve" no ano 2011.

"Os tempos na poesía galega están cambiando, por unha parte está a edición tradicional e por outro están reiventándose os modos de facer achegar á xente a poesía. Isto demostra que está moi viva, podería ter quedado fóra deste ritmo áxil e ahí está", explica Oriana Méndez (Vigo, 1984). "O que precede a caída é branco" (Espiral Maior), gañador do certame de Poesía Concello de Carral, é o último libro da filóloga viguesa.

Compartir el artículo

stats