A Cidade da Cultura de Santiago despide esta semana a sexta edición do "Atardecer no Gaiás" e farao ao ritmo de tres bandas galegas e unha homenaxe a David Bowie. Con estas tres últimas citas, o Gaiás ponlle punto e final a 22 sesións de música e cine ao aire libre.

"Atardecer no Gaiás" comezará a despedirse hoxe coa proxección, por primeira vez en Galicia en pantalla xigante, da película de ciencia ficción "The man who fell to earth" (O home que veu das estrelas) protagonizada por Bowie no papel de extraterrestre. O filme irá precedido dunha sesión DJ temática a cargo de Bigote Mix, nunha homenaxe ao músico recentemente falecido.

Mañá subirase ao escenario da praza central Diola, banda-laboratorio xurdida das cinzas de Unicornibot. E, xunto eles, Kill Kill! presentará o seu álbum debut: "Reacciones a distancia", no que collen o post-hardcore e o indie rock noventeiro e o pasan polo filtro do pop.

A despedida chegará o sábado coa actuación das dúas finalistas do certame Xuventude Crea 2015 e a banda viguesa The Soul Jacket. O pop alternativo de Diariodeverano seguiralle Fripp & Kitte e os seus sons crepusculares do oeste americano e melodías soul e folk. O fin de festa virá da man do rock de The Soul Jacket cos temas do seu último disco "Black Cotton Limited".