A TVG volta a convidar ós seus espectadores a seguir un capítulo máis do programa "Ribeiras de salitre" que, nesta ocasión, parará en Cambados para facer un retrato das xentes do seu porto no que se contabilizan 600 mariñeiros. A emisión comezará mañá ás 15.30 horas.

Considerado un dos portos máis antigos de Galicia, nel traballan embarcacións do marisqueo a flote, o rastro da vieira, o boliche, o bou de vara, o cerco e artes menores.

"En Cambados, atopamos xentes con verdadeira alma mariña, como Loli González, que agora vende peixe na praza de abastos de Cambados, pero antes foi mariñeira , ía ao mar ao arte do rastro para coller a ameixa. Loli defende o papel da muller no mar, sendo ela un claro exemplo", explica o equipo do programa.

Outra voz será a de Ruperto Costa, o patrón maior, que traballa co rastro na procura da ameixa. Con el, sairán ó mar e saber del que esta é a Confraría máis antiga de Galicia. Da súa man, os espectadores coñecerán como naceron as confrarías galegas.

Desta vez, será Celsa García quen cociñe uns berberechos cun toque persoal. Mentres prepare o prato, comentará o que supón para ela ser mariscadora.

"Ribeiras de salitre" tamén descubrirá como a treixadura ademais dunha uva é un grupo de música tradicional, un dos grupos de maior puxanza dentro das formacións de música tradicional. "Treixadura" leva moitos anos recuperando pezas do repertorio popular e traéndoas á actualidade, e no porto de San Tomé vainos a interpretar algunhas das súas pezas.