A Televisión de Galicia emite hoxe, ás 16.15 horas, o percorrido polas ribeiras de Galicia, para contar a vida das xentes que viven e traballan nas vilas mariñeiras, nos portos e peiraos, na quinta entrega do programa "Ribeiras".

Nos portos de Sada e Fisterra coñeceremos a historias de Manolo Presas, mestre e patrón do "Ana María II", un barco que traballa no cerco, e de Sefa Insua e Fran Insua, un matrimonio que dende o seu restaurante "O Fragón" en Fisterra, ofrecen os mellores produtos do mar.

Para coñecer a historia de Manolo e o mar é preciso remontarse a súa infancia e as súas vivencias no barrio da Tenencia, barrio mariñeiro de Sada, onde a súa historia persoal foise forxando entre amigos que máis tarde converteríanse nos seus compañeiros máis prezados de traballo. Con Manolo, coñeceremos tamén qué supón ser un home nobre, un home de mar, que foi aprendendo o oficio dos vellos mariñeiros.

En Fisterra, Fran e Sefa ensinaranos o recuncho onde os sonos son posibles, o restaurante "O Fragón", o cal Fran abriu xunto ao seu irmán e no cal Sefa leva a cabo o seu bo facer na cociña.

Fran e Sefa son moi conscientes de que o mar é o motor de movemento do pobo, e dan fé delo con todas as súas accións. Coñecen e defenden o traballo dos mariñeiros coma algo fundamental, polo que veremos a Fran traballando con tesón na busca de ese anaco de mar auténtico na lonxa, a "despensa" do restaurante, consciente de que coidar e mimar o produto é coidar aos seus clientes, aos mariñeiros, e en definitiva, ao mar.

Sefa, pola súa parte, demostrará as súas grandes dotes como cociñeira mariña, o cal non pode ser doutro xeito ao ler os poemas de Alexandre Nerium, poeta fisterrá que a inspira coas súas palabras cheas de salitre e vento.

"Ribeiras" é unha produción encargada por TVG a Producións Celta, empresa de produción audiovisual que pertence conxuntamente aos xornais FARO DE VIGO e "La Opinión de A Coruña", do grupo Editorial Prensa Ibérica, con duración de 55 minutos e emisión semanal, que está dirixido e presentado por X. H. Rivadulla Corcón.