O programa "Ribeiras", que amosa cada domingo na TVG (16.30 horas) as historias das xentes que traballan nas vilas mariñeiras galegas, visitará hoxe un mar de pensamentos en calma, un mar sereno que permite a reflexión, a contemplación tranquila dos acontecementos da vida. "Ribeiras" atopará esta serenidade, que tamén sabe ser apaixonada e sentimental, na Illa de Arousa, Bueu e Carril.

Ollada serena é a que ten o bateeiro Julián, pero non exenta de paixón, sobre todo ao mirar a súa vila, a Illa de Arousa. É un home que sabe ser dos seus, amar o traballo e a terra onde naceu, que marca fondamente o seu carácter.

Na ribeira de Bueu naceu Mónica, que coida con cariño dos homes e mulleres que a diario cruzan a ría de Vigo, xa que patronea o transporte que une a cidade olívica e Moaña. Esta muller, que non só se encarga do rumbo firme da embarcación, senón tamén de gardar as ilusións dos pasaxeiros, mira o seu traballo e o mar co pouso de serenidade que deixa aprender o oficio paso a paso.

"Ribeiras" tamén se achegará esta tarde a Carril, onde case todo xira arredor da ameixa, un produto que vai máis alá da súa significación económica, xa que ten unha simboloxía identitaria e a maioría das xentes desta vila teñen algunha relación con el. A Dani non lle chega con traballar coa ameixa na lonxa e ten un viveiro para o consumo propio, desde onde contempla o seu labor coa serenidade que dá sentirse nunha contorna de xentes coñecidas, nun mundo moi familiar e de amizade.

"Ribeiras" é unha produción encargada por TVG a Producións Celta, empresa de produción que pertence conxuntamente aos xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, e que está dirixida por X. H. Rivadulla.