A primavera adoita ser tempo para moitas bandas de rock sacaren novos traballos. Pensando nos festivais do verán, os grupos galegos presentan disco novo para contar nas decisións dos programadores. No FARO DA CULTURA xa demos conta hai unhas semanas da presentación de Vaise Armar, a nova entrega dos Zënzar, pero non só os de Cerceda traen novidades baixo o brazo neste comezo do 2012. Varias das formacións senlleiras do rock do país tamén teñen disco novo.

E se falamos de rock do país, temos que falar de Ruxe Ruxe. A formación compostelá, -con epicentro emocional e loxístico en Aríns-, sacou disco en marzo e precisamente así, Rock do país, titúlase o primeiro corte do traballo. Para o propio álbum optaron por un nome máis longo, Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras, e para apresentalo ao vivo, -o 31 de marzo-, escolleron unha completamente ateigada Sala Capitol, en Compostela, con máis de setecentas persoas no interior e varias ducias tentando en balde conseguir unha entrada na porta. Na sétima entrega discográfica dos seus dezaseis anos de historia, os Ruxe Ruxe volven ofrecer as dúas facianas que veñen marcando a súa andaina, senón desde o comezo si nos últimos tres ou catro discos. Unha máis punk, con forte arrecendo aos Clash, que ademais adoita ser a que abre os traballos, como pasou con Comercial no álbum homónimo ou con Moi Punk en Na fura de diante. Tamén é así no novo disco, e Rock do País, malia non ser tan evidente a pegada dos de Strummer, cae sen dúbida nesa vertente, como tamén o fai a fermosa Cancións Macarras, que reúne todos os ingredientes dun bo tema de rock: comezo furioso, retrouso dos que se ensarillan inconscientemente na nosa cabeciña e tamén riffs ben guapos, que deixan porén espazo unicamente para o baixo e a voz cando a letra suxerente o fai preciso. E aínda que haxa repunantes que non o entendan, co engadido imprescindíbel da gaita. E é que estamos a falar de rock do país.

No tocante a outra faciana dos Ruxe, esa máis acougada, -sen deixar de ser roqueira-, que ten a Los Enemigos como referente, está presente tamén en moitos dos dezasete temas. A destacar "Adiante"ou "Noite de Alimarias", nesta vertente máis calma que protagonizaba o fantástico LP Xigantes de 2008.

Outra formación con novo disco publicado nas últimas semanas é O Sonoro Maxín. A banda ourensá foi até Euskal Herria para gravar a súa estrea nos estudios de Kaki Arkarazo. E para a presentación escolleron o Café Cultural Auriense, na súa cidade. O Sonoro Maxín deu tres concertos no local nunha fin de semana, e tamén colgou o cartaz de "Non hai billetes" nas tres citas. Destacable o directo que ofreceron para crianzas, co Auriense cheo de nenas e nenos de todas as idades gozando coa música do grupo.

Despois de cinco anos de andaina polos escenarios, cunha das propostas máis festeiras do rock galego, o combo decidiu plasmar nun disco os temas que levan paseado polo país nestes anos. Así, quen escoita o disco e xa seguía a traxectoria da formación atopará temas como "Paxaro amigo" ou "A rúa do perigo" que xa lle son ben coñecidas. Pero o traballo ten moito máis, con varias composicións novas e un son cru que non quere engadir nada ao que ofrece o directo da banda. Porén, o resultado é excepcional. É un disco deses que engancha desde a primeira escoita pero non deixa de facelo cando xa o tes escoitado un cento de veces. Ritmos latinos, -coa cumbia como referencia senlleira-, e unhas letras que transmiten moitas veces ese sentimento que o Manu Chao deu en chamar "malegría" hai un tempo. A fusión entre os ritmos "tradicionais" das verbenas galegas e o rock segue a ser o sinal de identidade da banda. Tamén se mantén o toque persoal que sabe destilar o mellor desta música de verbena e acaba por engadir a dose de calidade que permite falar sen dúbida dun dos mellores traballos do ano.

Para alén dos Ruxe, o Sonoro ou Zënzar, moitas outras bandas de rock galego teñen novo disco. Camarada Nimoy presentaron hai uns días o seu EP de estrea. Música americana dos 60 interpretada con solvencia por unha banda nova mais formada por músicos experimentados en formacións como Trem Fantasma, Foggy Mental Breakdown ou Transilvanians.

Tamén Terbutalina, a banda muradá que co seu gastropunk está a revolucionar o panorama do rock do galego, sacou disco. Hostias para todos é unha posta de punk rock contundente, o seu nome non engana, que como a maioría do resto de discos citados, está dispoñible de balde na rede.

Saíndo un chisco do paraugas do rock, a novidade sobranceira é A pior, terceiro disco do Projecto Mourente. Pop electrónico que esconde verdadeiras alfaias no seu interior, con letras que entre a retranca, a denuncia social e a introspección danlle a variedade a un traballo máis guitarreiro ca os anteriores mais aínda fondamente pop.

No eido do jazz, o selo Azos Jazz achegou tamén nos últimos meses algunha proposta interesante, como a estrea do pianista redondelán Alberto Vilas co seu quinteto, Experianza. E a listaxe sería interminábel, aínda sen tocar o mundo folk e tradicional, onde Galiza é unha potencia a nivel mundial, o que dá boa mostra da saúde das nosas músicas.