-O seu libro títulase Do idilio á diáspora. O da diáspora está claro, pero... a que se refire Vde. con "idilio"?

-Con "idilio" quero facer fincapé nun dos factores que definen as procuras da arte rexionalista nos primeiros anos do s. XX -en artistas como Sotomayor ou Sobrino-, creadores que traballan no contexto dunha Galiza en plena crise, cun activo movemento agrarista que loita contra o foro. Estes pintores responden a esta situación cunha arte que idealiza e enfeita o popular, evitando os trazos máis conflitivos e tensos. En certo senso, funcionan como sedantes ideolóxicos no canto de asumiren o conflito. Galiza nesta arte é un locus amoenus, cheo de festas e fermosas raparigas aldeás. Evítase calquera temática que poida presentar a modernidade, creando un país ideal e inmaculado.

-Por que elixiu concretamente as figuras de Castelao e Seoane como un a xeito de "principio e fin" deste percorrido artístico que leva a cabo?

-Porque Castelao supón un punto de inflexión fundamental, a ruptura con este modelo rexionalista; en concreto, desde a elaboración do album Nós (1916), no que insire a temática social desde unha perspectiva crítica. Seoane, punto final do traballo, conleva a reformulación, desde o exilio, do que fora o movemento renovador d'Os Novos (Maside, Torres, Souto, Colmeiro, Laxeiro€) -fundamental na evolución da nosa arte- desde perspectivas que dialogan coa modernidade internacional. Coido que con el se completa e supera todo un vieiro polo que camiñou a nosa arte durante décadas.

-Se hai algo do que renegan non escasos artistas, é do de poñerlle cancelas á súa obra; son os artistas que, por exemplo, prefiren dicir "pintura ou obra dun pintor galego" en lugar da "pintura galega". Así e todo, Vde. defende que houbo durante o século pasado nin máis nin menos que un "proceso de construción dunha estética nacional". Cales serían as características, xa que logo, desa "estética nacional galega"?

-Non é que o defenda eu, é que o defendían eles nos seus textos e nas súas obras, como fan Castelao, Maside, Colmeiro ou Seoane. É un proceso artístico ligado de vez á construción da cultura galega no sentido global, coa lingua e a literatura como outros elementos definidores. Obviamente non sempre a arte responde aos mesmo presupostos, mais o certo é que os factores de identidade e sociais foron no noso caso ben relevantes. A cultura galega, desde as Irmandades da Fala (1916), elabora un proxecto rexenerador desde a perspectiva nacional e cun forte compromiso social; neste ámbito cómpre entendermos a pintura galega desde esta época. Alén diso, este discurso non é alleo ao que se produce noutros lugares de Europa -coas súas singularidades- e en América, no contexto dos chamados "realismos de entreguerras". A procura de raíces no pasado propio, como fonte de modernidade, vía primitivista, é unha das receitas. No caso galego é a inspiración na arte popular e medieval, en especial a escultura esgrevia e granítica do noso románico e barroco.

-O compromiso político, sobre todo co estalido da Guerra Civil, non foi só propio dos artistas galegos. En calquera caso, houbo unha plástica galega comprometida con sinais de identidade propias, diferentes das que fixeron outros artistas españois?

A obra de guerra de Colmeiro, Souto, Seoane ou Castelao, importantísma mesmo desde unha perspectiva extra galega, mantén trazos de identidade -velaí Atila en Galicia ou Galicia mártir-, evidentemente cunha expresión máis tensa, produto das circunstancias e dos temas tratados. Iso non implica que non se sitúe noutro xogo de influencias, que tamén se sinala no libro, como por exemplo a herdanza do Goya dos Desastres de la guerra, un modelo permanente na arte de guerra do bando republicano.

-Se efectivamente houbo arte comprometida con características propias ante o feito da Guerra Civil, tamén a houbo durante o exilio. Cales serían entón as caracteristicas que definirían a plástica galega d diáspora?

-Na plástica galega do exilio hai un proceso evolutivo. Por unha banda, nun primeiro momento, o social e crítico ten unha importancia sobranceira, desde unha perspectiva antifascista -nunca totalmente abandonada-; logo agroma a "saudade" do país deixado atrás, como se pode ver na obra de Colmeiro ou Seoane; ao tempo, tamén se produce unha adaptación ao contexto americano: o Granell e Botello caribeños, a Maruja Mallo das cabezas de negras€

-Que lle debeu no seu día o movemento Atlántica a todo este período artístico ao que dedica este libro?

-Atlántica reivindica a herdanza d'Os Novos, mesmo organizando unha gran mostra de Laxeiro a comezos dos 80, en Vigo. Reivindica esa tradición renovadora e conecta cos primitivismos que foron fonte común de influencias. Por exemplo, a obra de Reimundo Patiño, os seus trazos sígnicos prehistóricos, ten unha estreita ligazón co discurso teórico e práctico de Seoane.

-E que lle deben a Atlántica os artistas galegos cuxa obra comezou a darse a coñecer nestes inicios do século XXI?

-Máis que de Atlántica, eu falaría xenericamente da pintura que nace nos 80 en Galiza. Nesa altura o proceso seguido na nosa plástica é homologábel ao que se produce tamén noutros contextos internacionais -os neoexpresionismos-, polo tanto acho que se insire na modernidade deses anos. Ora ben; como é normal, as novas xeracións procuran puntos de vista diferentes e non sempre teñen que coincidir os modelos co inmediatamente anterior nin co máis achegado xeograficamente.

-E xa para rematar, unha pregunta que ten que ver coa súa faceta de crítico: Cre Vde. que institucións como o MARCO e mais o CGAC están a cumprir as expectativas polas que foron creadas ou habería que reformularse, ou reflexionar,sobre a política que se segue en ambos os centros?

-"Reflexionar" sempre é ben recomendábel; e máis, tal como veñen os tempos. Coido que ambos os centros cumpriron -e cumpren- un papel moi importante no noso tecido cultural. O CGAC foi, e é, vítima das coxunturas políticas. Para min, o CGAC debería propender para un modelo de centro aberto aos proxectos internacionais e ao tempo cunha forte implicación na relectura do noso pasado máis inmediato e do noso presente desde unha perspectiva galega. É evidente que a este último aspecto semella que renunciou. O MARCO, menos suxeito a abalos e devalos, precisaría maior orzamento, o que favorecería unha necesaria reformulación dos seus proxectos expositivos.