Cando se vén de cumprir o 50 cabodano de Ramón Cabanillas, Ediciós Xerais, nun volume de máis de mil páxinas, vén de publicar a Poesía galega completa do escritor cambadés. A edición correu a cargo do profesor Xosé María Dobarro e mais do escritor e profesor Xosé Ramón Pena, coordinador de FARO DA CULTURA, con quen mantivemos a seguinte conversa.

–Que aporta, con relación ás anteriores edicións da Obra Completa de Cabanillas, esta nova Poesía galega completa?

–En primeiro lugar, cómpre subliñar que tanto Xosé María Dobarro come eu mesmo, somos debedores agradecidos do grande esforzo que no seu día levaron a cabo Carballo Calero, Fernández del Riego ou Alonso Montero. Canto á nosa aportación, dicir, en primeiro lugar, que apuntamos, para practicamente todos os textos, a primeira aparición dos mesmos en libros ou publicacións periódicas: algo que nos permite establecer unha cronoloxía adecuada e, a partir de aí, unha análise evolutiva da poesía de Cabanillas. Doutra parte, engadimos un certo número de poemas que nunca foran recollidos en forma de libro. Finalmente, matizar que, se ben que respectando sempre a métrica e o galego orixinal do autor, facemos unha edición que aproxime Cabanillas aos lectores actuais.

–Imaxino que se tratou dun labor por veces complidado, dado que Cabanillas moveu moitos poemas dun libro para outro, non?

–Trátase de algo que aconteceu sobre todo cos tres primeiros poemarios: No desterro, Vento mareiro e Da Terra asoballada, pero que ten lugar no conxunto da obra. De aí a insistencia en establecermos unha Táboa de Correspondencias, que tamén figura na nosa edición, e en determinar a cronoloxía inicial de cada composición. Polo demais, unha parte esencial da lírica de Cabanillas foi publicada en revistas, xornais…

–E como se presenta, entón, esa evolución da súa obra lírica?

–Cabanillas mostra con toda nitideza o fluír das, digamos, necesidades estéticas do galeguismo ao longo da súa obra; trasladou aos versos as preocupacións, en materia artístico-literaria, dos dirixentes das Irmandades da Fala, singularmente de Antón Villar Ponte e Vicente Risco. Isto non quere dicir de ningún xeito que escribise ao ditado de ninguén. Pero si é certo que estamos diante dun poeta, por así dicilo, "ortodoxo". Isto determina que privilexiase no seu labor as liñas temático-estéticas que máis lle interesaban ao nacionalismo nacente e tamén aínda ao movemento agrario liderado por Basilio Álvarez con quen mantivo unha forte relación de amizade.

–E que eran?

–Esencialmente, a denuncia das condicións de vida das clases populares, o intimismo saudosista e mais a exaltación mítico-patriótica de Galicia.

–Estamos, polo tanto, diante dun poeta máis ben tradicional?

–Eu creo que Cabanillas, con Manuel-Antonio, é o gran renovador da lírica galega do século XX, anterior á Guerra Civil. Evidentemente, a diferenza de Manuel-Antonio, Cabanillas bebe e recolle a tradición do XIX: Rosalía, Curros e Pondal. Pero, como xa sinalou no seu día o propio Villar Ponte, ten moito de seu. Por así dicilo, estamos diante dun modernismo á galega ou, mellor, diante dun "novecentismo" de noso que Cabanillas foi elaborando ao longo da súa produción. Hai algún crítico que fala dunha suposta ausencia de "poética propia" por parte de Cabanillas e, na miña estima, nada máis lonxe da realidade. O que fai grande a Cabanillas é que cando lemos versos seus, sabemos sempre que son del; existe un "estilo Cabanillas", unha forma de dicir, unha adxectivación, unha fraseoloxía inconfundibles.

–Di vostede que é un dos nosos "grandes"…

–Eu diría que, conxuntamente con Manuel-Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro e Méndez Ferrín, forma parte dos "cinco magníficos" da nosa lírica contemporánea.

–Pero non pensa que, a día de hoxe, se trata de alguén con tintes moi conservadores? Segundo algún dos seus biógrafos, a partir da chegada da II República houbo un distanciamento con respecto ao galeguismo…

–Cabanillas foi sempre cristián e cristián católico, diso non hai a menor dúbida. Agora ben, o seu cristianismo era un cristianismo cunha forte raíz social. Tal e como Basilio Álvarez e o agrarismo que este dirixía, e como unha parte tamén das Irmandades, o pensamento de Cabanillas está próximo ás preocupacións sociais de papas como León XIII ou Bieito XV, a través de encíclicas como Rerum novarum. É dicir; o seu modelo social é o dunha democracia labrega e cristiá. O que acontece é que semellante cristianismo social foi absolutamente minoritario nunha España dominada polo nacional-catolicismo integrista cuxa peor versión é o acontecido na Guerra Civil e no franquismo. Coas tensións da II República, o modelo que defendía Cabanillas quedou afogado entre ese nacional-catolicismo, dunha banda, e o ascenso, doutra, do laicismo republicado e mais do marxismo. De feito, foi o drama que Cabanillas, e outras xentes destacadas, tiveron que vivir. En termos actuais, diríamos que o seu pensamento era de centro-dereita, pero dun centro-dereita claramente afastado do fascismo e mais da ditadura franquista.