Ao igual que no 2003, o Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a festa do 15 aniversario de Fía na Roca. Todo está preparado para gravar en directo, alí, a partir das 21.00 horas, o DVD “Quince maios”.

O grupo segue a experimentar, a dar reviravoltas con Sonia Lebedynski á voz da súas interpretacións e desta entrevista.

Luar na Lubre e Milladoiro xa pasan abondo dos 15 anos que cumpren vostedes, cousa difícil cumprilos, nonsí?

Grazas a toda a xente que pasou e grazas aos que estamos hoxe, Fía na Roca é o que é hoxe. Esta celebración é especial porque celebramos 15 anos xuntos, algo moi complicado nos grupos porque o complicado non é tocar nin cantar senon ser amigos e continuar xuntos.

Por que gravar un DVD dun directo polos 15 anos?

Xa celebraramos os dez anos do grupo en directo. Desta volta, que mellor maneira que estar en Compostela e gravar un dvd en directo, pensado para mostrar á xente o directo que fai o grupo totalmente natural e que pode ver calquera persoa en calquera lugar. O que queremos é plasmar a identidadetan singular do grupo. Ademais, terá varios extras como a actuación no Festival de Ortigueira o día 12.

¿Para cando estará á venda?

Aínda non hai data fixada, porque dependemos un pouco da axenda, de cando gravemos os recursos, as entrevistas dos extras. Supoño que estará para o primeiro trimestre do ano.

Volta a Ortigueira onde levaban sen tocar sete anos, Contentos, supoño.

Si, porque Ortigueira, para todos os membros do grupo ten un significado especial xa que sempre formamos parte do festival como público ou como grupo; é o máximo expoñente, por iso, é moi importante estar nel.

¿Haberá xira nutrida para celebrar os 15 anos?

Tras Ortigueira, tocaremos na Carballeira de Zas o día 2 de agosto, pero antes estaremos de xira por Sudamérica o 19 xullo, en Arxentina, Uruguai e Brasil.

Van chamados polos centros galegos...

Non en todos o sitios. Por exemplo, en Uruguai, imos estar no Teatro Solís que é o máis emblemático de Montevideo. En Brasil, actuaremos porque nos viron na web e gustoulles.

Imaxino que terán unas ganas tolas de marchar.

É a nosa primeira xira por Sudamérica e é un sitio ao que tiñamos moitas ganas de ir, porque sabiamos de compañeiros que a música galega ten moi boa acollida. Todos os anos temos saídas fóra de Galicia. O anterior, por exemplo, estiveramos en Alemania e na Bretaña francesa. Sudamérica é o que nos queda por conquistar.