O BNG propón que se realice un estudio de xénero para analizar o papel das mulleres na información da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) co obxectivo de desenvolver unha liña de traballo que contribúa á "promoción da súa visibilidade e audibilidade". A voceira de Xuventude, Medio Ambiente e Igualdade do BNG, Ana Pontón, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que solicita a valoración do director da CRTVG sobre a presenza das mulleres como protagonistas da información na compañía e a súa previsión de promover o papel dos medios como un "elemento favorable na loita pola igualdade".

A deputada nacionalista alude a algunhas investigacións sobre a representación de xénero nos informativos que, aínda que non están feitos en Galicia, son "ilustrativos dunha tendencia do papel secundarizado" que ocupan as mulleres nas noticias. Estes informes sitúan nun 15% as mulleres mencionadas con nome propio en radio fronte ao 85% dos homes; cifra que en televisión aumenta ata o 21%. Deste total, o 8% das mulleres nomeadas en radio aparecen en calidade de esposa, nai ou filla; mentres que este dato descende ao 0,5% nos varóns. A estatística feminina en televisión increméntase ata o 12,3% fronte ao 1,3% masculino. Pontón recorda que, nos meses de xaneiro e marzo, a cifra de mulleres entrevistadas no informativo "Bos días' situábase nun 30% e en febreiro nun 14%.