O certame "Ben veñas, maio!" cumpre este ano 25 anos dende unha primeira edición que comezou cun concurso de narración curta e banda deseñada. Na actualidade, permite a participación en sete modalidades: fotografía, poesía, teatro, música, curtametraxes e as citadas narración curta e banda deseñada.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Normalización Lingüística para promover o uso do galego entre a xente nova. O concelleiro Alberto Oubiña e o coordinador deste ano do certame, o profesor da Xunqueira II Jorge Potel, presentaron o programa de 2018.

Poden participar alumnos dos IES públicos de Pontevedra, que deberán entregar as súas propostas antes do 20 de abril. A entrega de premios terá lugar o 12 de maio nun evento no Pazo da Cultura.

As bases establecen que no certame de fotografía se recollan imaxes que representen o uso anómalo ou curioso da lingua galega en espazos públicos. No que respecta á de banda deseñada, no tema deberá reflexionarse sobre o uso e valoración das linguas; só poderá ser en branco e negro.

En canto ao certame de narración curta, a temática será libre e a historia deberá ter unha extensión mínima de dous folios e máxima de seis. Pola súa banda, o de poesía deberá ter como moito 30 versos. En ambos casos deberán enviarse ao enderezo bvenasmaio@gmail.com.

A semana teatral desenolverase entre o 9 e o 11 de maio no Teatro Principal. Os grupos disporán dun vale de 70 euros para a compra dematerial a utilizar na peza.

As curtometraxes non poden exceder os 5 minutos de duración, mentres que os textos das cancións da modalidade musical teñen que ser entregados con antelación.

Os premios de "Ben veñas, maio!" serán de entre 75 e 400 euros, en función da modalidade.

A finalidade última e fomentar o uso dunha lingua que, tal e como aseguraron Potel e Oubiña "é preocupante" entre as novas xeracións.