A feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal, está este ano de celebración. Son xa dez edicións como escaparate da cultura galega. Os vindeiros días 1, 2 e 3 de decembro o Pazo da Cultura de Pontevedra volverá acoller as propostas chegadas dende distintos puntos da xeografía galega.

A cita cultural "consolidada", e que involucra a preto de 15.000 persoas, entre empresas, institucións e público, chega este ano con importantes novidades e co reto de ser "unha feira máis inclusiva, integradora, confortábel e sen barreiras arquitectónicas, sonoras e visuais".

A principal é que se incrementa o número de espazos nos que terán lugar as actividades, que pasan a ser cinco: o Foro, o Libro, a Carpa, o Infantil e Familiar e a derradeira incorporación, a Arte Contemporánea. A organización considerou que a arte debería pasar a formar parte de xeito natural da feira, polo que decidiu habilitar un espazo específico para ela.

Non será o único que se incremente nesta edición, xa que o número de expositores aumentarán un 26 por cento respecto ao ano pasado, ao pasar de 101 a 128.

Nesta ocasión recibíronse 238 propostas de actividades, aínda que finalmente poranse en marcha 127, que se repartirán entre as diferentes zonas.

A X edición suporá un interesante achegamento á cultura portuguesa, xa que o país veciño será o invitado. A decisión supón unha seria aposta por parte da organización por establecer relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas. As propostas lusas visibilizaranse a tr´ves de encontros, conversas, presentacións e espectáculos co apoio da Secretaría de Estado da Cultura e a Direção Regional de Cultura do Norte e o Instituto Camões.

Os nenos tamén terán un importante protagonismo cun programa específico para toda a familia. Así mesmo, o Culturgal contará cunha Bebeteca deseñada para os pequenos de ata dous anos, pero tamén para os de ata catro anos.

Editoriais, distribuidoras, compañías de artes escénicas, empresas produtoras, artesanos e consultorías son a alma dunha feira que xa é un espazo no que amosar e vender cultura galega.

Asimismo, os asistentes poderán votar aos tres aspirantes ao Premio do Público: Play-Doc de Tui, Portal das Palabras ou FIOT Carballo.

A presentación tivo lugar onte no Pazo da Cultura. Participaron o presidente da Fundación Culturgal, Manuel Bragado, e o director da feira, Xosé Aldea. Por parte da Xunta, Anxo Lorenzo; da Deputación, Xosé Lea, e do Concello, Carmen Fouces.

Tanto a Deputación como a Xunta contarán con stands propios, mentres que o Concello estará presente en varias actividades no Foro e no espazo de Arte Contemporánea.

As entradas ao Culturgal, "simbólicas", son de 2 euros para os adultos e de 1 para os nenos. Os menores de 3 anos non pagan.