O obradoiro de empoderamento feminino "Quérete a ti mesma", baseado na metodoloxía "coaching", pecha unha xeira de case cinco meses, na que pasou por todas as parroquias de Ponte Caldelas. A cita final é mañán, a partir das 17.00 horas, no Centro Cultural.

A actividade, organizada polo Concello de Ponte Caldelas, concibiuse coa idea pioneira de levar estas novidosas ferramentas de autoaxuda ás mulleres do municipio, cunha especial atención ás do rural. Un traballo preventivo co que se tenta colaborar ao fortalecemento interior para afrontar os problemas da vida ou simplemente vivila sen complexos.

Ao longo das sucesivas paradas, preto de 200 mulleres participaron nunhas sesións que contaron sempre cun enfoque moi lúdico e que, sucesivamente, foi provocando que varias das asistentes se reengancharan ás convocatorias, case sempre en xornadas de venres. Asistiron tamén uns 25 homes, pois as sesións, aínda que cun enfoque feminino, eran abertas.

Os adestradores utilizaron unha metodoloxía grupal para axudar á busca de preguntas e respostas útiles para o goce das relacións persoais, do lecer e a saúde. Sesións enfocadas en sentar as bases para iniciar camiños nos eidos da formación e a autoaxuda. Tempo para axudar a rachar o que se coñece como os teitos de cristal e cemento, que son as barreiras invisibles e os clichés que impiden que as mulleres desenvolvan todo o seu potencial nos eidos familiar e profesional.