O lema do Culturgal 2016 é "Cultura, comunidade e futuro". O obxectivo é facer homenaxe á idea de "irmandade" ao celebrarse o centenario das Irmandades da Fala, asegura o presidente da organización, Manuel Bragado. Nesta liña téntase representar a idea do "traballo cultural comunitario e compartido", unha das finalidades principais da feira Culturgal. Nela conséguense reunir expoñentes dos sectores literarios, musical, audiovisual e teatral, entre outros.

Espazo transversal

Culturgal configúrase como un espazo transversal entre os diversos produtos e servizos culturais destinados a un público moi variado. "Isto non é unha feira do libro, nin de artes escénicas, nin do audiovisual, senón dun conglomerado de todos estes servizos", explica Bragado.

As xornadas profesionais terán un papel clrave nesta edición, polo que terán un día propio completo. "Son a base para dar a coñecer as industrias culturais" , puntualiza Bragado. Esta é unha liña "moi importante" dentro da feira e nela profundizarase nesta edición e nas dos próximos anos.

Todos estes sectores comparten tanto os públicos como as programacións, por iso a organización resalta que é importante tamén compartir para crear unha comunidade de traballo e así construír o futuro das industrias culturais en Galicia.