O vindeiro venres remata o prazo de presentación de obras ó certame literario de verán "Refréscate cos libros", que organiza a Concellería de Cultura de Marín por segundo ano consecutivo. Este concurso literario ten por obxectivo promover as habilidades no eido da narrativa en galego entre o alumnado de Primaria dos colexios de Marín, como recordou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez.

O tema a desenvolver nesta nova edición estará relacionado cos libros e o verán, e os traballos deberán ter unha extensión máxima de dúas páxinas, escritos en galego por unha soa cara. Os traballos presentados deberán ser orixinais, inéditos e que non foran premiados en ningún outro concurso literario.

Premios

Establécense tres categorías a tres modalidades, para o Primeiro, Segundo e Terceiro ciclo. Os premios de tódolos gañadores consistirán en cheques para mercar libros de texto correspondentes ao curso escolar 2014-2015.

Todos os traballos deberán ser enviados ou entregados no Museo Municipal, antes das 13.00 horas do vindeiro 13 de xuño.

O xurado estará formado polos membros integrantes do xurado do premio XIII Premio de Narración Curta, ou os que nomee o Concello de Marín, e o fallo publicarase o 20 de xuño.

A entrega dos premios, que nalgún caso poderá declararse deserto, será o día 21 de xuño no mesmo Museo Manuel Torres.

Centros de ensino

Cada centro educativo de Marín que desexe participar poderá facer unha preselección dos traballos a presentar.

As obras deberán presentarse con nomes e apelidos, idade, curso e centro docente, teléfono de contacto; todo isto, nun sobre pechado no que se fará constar un lema que tamén encabezará os traballos.

"Animamos a participar neste segundo certame, que potenciará, sen lugar a dúbida, a aprendizaxe da expresión escrita e oral da nosa lingua", indicou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez Gómez.