Marcos Pereiro: "Non hai mellor sitio que Galicia para facer rir"

O actor participa na obra de teatro "O tolleito de Inishmaan", que se poderá ver de balde no auditorio do municipio ourensán de Vilamarín o venres 14 de xullo

09.07.2017 | 04:56
O actor e humorista Marcos Pereiro. // Ainé producións

Marcos Pereiro achegarase a Vilamarín o vindeiro venres 14 de xullo. Virá para representar "O tolleito de Inishmaan". Esta obra pechará as trixésimas xornadas de teatro do municipio ourensán, que darán comezo mañá dende as 22.30 horas no auditorio da vila.

Cun ton festivo coma el mesmo, admite ser un amante de Ourense, sobre todo da súa noite. Amais, conta os seus inicios no mundo apaixoante da arte e a súa relación con outro gran humorista como é Xosé Antonio Touriñán, "os dous de sempre".

-A súa descrición de Twitter pon: "Mido 1,90, ollos azuis e moreno de pel e pelo. Musculoso cos abdominais ben marcados. O que máis aprecio na vida é a sinceridade". Moito cambiou!

-Iso é completamente como pon aí e eu adoro completamente a sinceridade (risas). Nalgún momento fun así, pero fun a menos.

-Di que non lle gusta falar de vostede mesmo, por iso opta por sacar fotos.

-Estudei Fotografía artística na escola Pablo Picasso da Coruña. Son os estudos que teño, é unha cousa que nunca abandonei. Fai un ano e pico, decidín amosar o que fago en marcospereiropics.com.

-Imaxínoo na vida real igual ca enriba dun escenario.

-Non me parezo en nada, son completamente distinto na vida diaria. Son máis tranquilo do que parece. Tendo a ser tímido, pero é unha característica da xente da arte.

-É curioso. Todos os actores din o mesmo.

-Ao mellor é unha maneira de expresalo todo. Creo que ten que ver co contraste entre o que fas en escena e como es na vida diaria, porque realmente non es así.

-Fala tamén de que é unha persoa moi reservada.

-O feito de subir a un escenario non ten que ver coa vida privada. Iso déixase a un lado.

-Cando empezou a facer rir á xente?

-Antes dos doce anos. No meu primeiro ano de instituto, xa lle pedira á profesora de Galego se podiamos facer unha obra de teatro nas súas horas. Ten un pouco que ver con non querer estudar moito (risas).

-Como coñeceu o seu colega "de sempre", Xosé Touriñán?

-Foi no colexio Tarrío, de Culleredo. El era un ano maior ca min e xogabamos ao balonmán xuntos. Eu era o bo e el aínda lle daba (risas).

-E aí empezou todo.

-Despois montamos un grupo de teatro no instituto e para o ano seguinte entrou el. Poderíase dicir que foi a primeira vez que actuamos xuntos, diso fará dezaseis ou dezasete anos.

-Fan vida xuntos ou soamente sobre os escenarios?

-Vivimos xuntos e temos fillos e parellas en común, esas cousas (risas). Facemos vida xuntos e divertímonos, somos amigos e temos sociedades compartidas.

-Adoita facer monólogos, que tema nunca tocaría nun deles?

-(Silencio) Pois todas aquelas cousas coas que non faría rir. Moitas veces, falamos do que son os límites do humor, pois todo aquilo que pasa de aí non fai gracia.

-É fan do humor negro?

-O humor negro encántame, eh, pero tes que ver que hai cousas que non fan gracia.

-Deixou Alemaña con oito anos, alí habería máis motivos para facer rir á xente?

-Mirando a día de hoxe, pois quizais si. Pero, seguramente que se vivise en Alemaña habería motivos para rirnos de todo o que hai aquí. Os alemáns teñen pinta de ser moi serios, pero hai moitos anos que non vou aló. "Mucha" e "Nucha" non serían posibles en Alemaña, serían "Muchen" e "Nuchen" (risas). Dígoche unha cousa: mellor sitio que Galicia para facer rir non o hai.

-Se non viñese a Ourense a facer teatro, que o traería ata aquí?

-Un montón de cousas. Fun fai pouco a facer un curso de fotografía con Jota Barros. Podo ir a Ourense, como non, a tomar as augas á Chavasqueira. Amais, son moi fanático do Bar Orellas e do Pingallo (risas). Tamén son fan de calquera cafetería, encántame Ourense. Teño moi bos recordos da cidade, pero nunca de día, sempre son recordos nocturnos.

-Que lle falta á interpretación galega?

-Faltan cartos para poder facer series que duren seis meses como están agora facendo con "Fariña". A día de hoxe, están gravándose aquí en Galicia "Fariña" e "Vivir sen permiso", as dúas de ámbito nacional. É que, polo resto, temos todo: os mellores técnicos, os mellores actores, as mellores paisaxes, sábense facer as cousas,etc. Unha serie en Ourense, ti imaxínate.

-E de noite.

-E no Orellas, e despois nas termas, e non che digo máis ingredientes. Cagamos por "Juego de Tronos" (risas). "Fuera de Tronos" ímoslle chamar á serie (risas).

-"O tolleito de Inishmaan" vai sobre un mozo cunha minusvalía que quere ser amado coma o resto. Que ten a obra de especial?

-Ten de especial que, a pesar de estar ambientada en Irlanda e nunha illa, podería ser perfectamente un rapaz que está tolleito alí ao lado do Pazo de Vilamarín. Os espectadores van chorar, pero, sobre todo, van rir. Dende a primeira escena, a xente vai rir, pero, nalgún momento, vai ter ganas de chorar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine