Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O tema do amor e a muller medieval (II)

Traballos e ocio da muller cortesá. // Arquivo do autor

A muller cortesá representa, pois, con todos os seus matices, o ideal cabaleiresco da época mais todo isto semella un artificio idealista pois no seu trasfondo subxace non só o amor ideal e platónico por unha dama aristocrática, senón que o feito de ser casada e representante do dominio ou do poder, levaba a situacións de namoramento de facto e mesmo de infidelidades conxugais reflectidas nas cantigas con alusións pexorativas ao seu marido.

As situacións sentimentais poden aparecer así, cheas de complicacións como a existencia de dous amantes, o rexeitamento dun deles, a divulgación de secretos amorosos...

O marco de liberdade e as características do amor nesta época habían contribuir en moito a isto, sendo así que o chamado amor cortés, máis propio da poesía occitana, tamén tivese como finalidade a unión física dos amantes (joí). Nas cantigas de amor galegas, a muller vai alcanzar, asemade, un certo grao de idealización, aínda que a estrutura social de parentesco existente na Galicia desta época, apunta mellor cara un certo igualitarismo no estatus social.

Nas cantigas de amigo non só minguan xa os aspectos espirituais da amiga (a puella), a moza ímponse sobre a dómina/dama, e a coita é o sentimento predominante, senón que mesmo por veces, aparece desproveída de toda consideración no que semella a antesala das cantigas de escarnho ou maldicer nas que non se salvan de críticas e pullas, tanto se son cortesás ou relixiosas.

Porén, a poesía galega deste tempo trata e analiza temas como o do desengano amoroso, por veces exultante, melancólico, bucólico ou escéptico nas súas variantes cortesás e campesiñas e por veces escandaloso, insultante, promiscuo, marxinal ou hipócrita, nas variantes de escarnio e de maldizer.

Non son moitas as fontes nas que poder elucidarmos a situación das mulleres galegas nestas datas, se acaso intuila a través dos cantigueiros, das mandas e prohibicións eclesiásticas, da iconografía que nos legaron os textos ou dos traballos de pescuda realizados sobre esta época.

A grandes rasgos pódese dicir que a muller nestes tempos estaba apreixada polas disposicións legais e polas eclesiásticas que a facían herdeira do pecado de Eva. Porén, o periodo medieval é demasiado longo como para pensar que en todo el se dese esta situación. A muller cortesá levaría unha vida fácil e de luxo, reservada só para os privilexiados do entorno do poder feudal e a muller relixiosa gozaría na súa reclusión cenobial do contacto co entorno divino.

A costura, o fiado, o cosido, o bordado, tanxer instrumentos, cantar, danzar, xogar ao xadrez, pasear a pé ou a cabalo, asistir aos oficios relixiosos, cumprir coas obrigas conxugais e de pro-tocolo, etc., ocuparían boa parte do tempo da muller nobre ou cortesá. Este acceso das mulleres á cultura poético-musical da época había dar tamén a figura das xograresas, cuxa existencia non se detecta en Galicia pero que foron defendidas no seu oficio por algúns trobeiros.

Por frente disto, desenvolveríase o mundo dos vilaos no que a muller vilá, casada ou solteira, se ocuparía dunha numerosa prole e atendería ao home, á casa e á facenda, ademáis de colaborar nos labores do campo (semente, sega, recolleita, vendima...) durante a primavera e o verán.

O contacto entre o nobre, prendado dunha pastora ou campesiña idealizadas (tomado da antiguidade clásica e dos salmos) tamén vai ser un tema recorrente dun subxénero das cantigas que recibe o nome de pastorela. A atmósfera de liberdade, a participación das mulleres nas repoboacións, os numerosos exércitos mobilizados e, sobre todo, o Camiño de Santiago, habían botar ás rúas, pousadas ou acampamentos, a unha manchea de mulleres que se gañaban a vida practicando a venda (acibecheiras, cereiras, medalleiras, cuncheiras ...) ou o troco, o engano ou o barraganismo (amancebamento con cregos) que tantas discusións e tanto esforzo lle custaría á Igrexa para erradicalo.

Outros oficios exercidos por mulleres, relacionados tamén co fluxo peregrinatorio ou viaxeiro, eran os de hospitaleiras ou criadas de servir nas albergarías e pousadas dos camiños.

Tentando crebarlle o voto de castidade aos peregrinos ou buscando unha parte da soldada ou botin dos milites (soldados), xorde unha pléade de loucas mulleres (prostitutas) e soldadeiras (de soldo e soldado) cuxa actitude se xustificaba (e así o admitia o estamento relixioso) de igual xeito que o do mercenario.

A mesma Igrexa consideraba que facían mal exercendo este traballo só por pracer ou enganando coa súa falsa apariencia ao se adubiaren e enfeitaren en demasía.

Porén, desde o estamento eclesiástico non se vía tan mal que cobrasen por el, pois segundo xustificaban, ademais de preocuparse polo traballo tamén poderían redimirse algún día.

Compartir el artículo

stats