Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Entroido de Darbo recupera a súa historia

O grupo Lembranzas da Ría recolle coa colaboración veciñal bailes do antigo carnaval da parroquia e actuará o domingo no Seixo

As damas: Maricarme González, Nanda Fernández, Carmen Rial e Pilar Pérez. Os galáns, José Luis Fernández, Carlos Coya, Tomas Prieto e Lucho Fernández. Ano 1969. // Cedida Lembranzas da Ría

O interese da Asociación Lembranzas da Ría polo Entroido de Darbo remóntase ás orixes do propio grupo (1984-85), cando dirixido por Xosé Menduíña Bastón aprenderon varios bailes da man da informante Albertina Rial Fernández. Esas pezas formaron parte do repertorio da agrupación durante moitos anos, aínda que non como danzas de entroido senón como bailes "de solto". Nos últimos tempos Lembranzas da Ría ten recuperado esa labor de recollida e logrou xuntar a varias persoas que bailaron ata finais da década de 1960 e principios da de 1970. "Estes veciños contaron como era o entroido por aquela época, como ían vestidos, que tocaban, cal era o percorrido... e puideron ensinarnos as danzas en diversas xuntanzas que fixemos con eles", explica o actual director de Lembranzas da Ría, Manolo Cobas.

Grazas a esa labor de recompilación e con algunhas imaxes da época este domingo vaise poder recuperar unha tradición que levaba preto de 50 anos no esquecemento. Vai ser cunha representación deses bailes diante da antigua escola do lugar de Seixo, que era onde tradicionalmente se facía o Entroido, a partir das cinco da tarde. Segundo os informantes e veciños que logrou reunir Lembranzas da Ría, antigamente a parroquia de Darbo integrábase no Entroido do Hío. En Darbo comezaban na xornada do domingo, cun pasarrúas polos barrios da parroquia ata chegar ao lugar de Seixo, onde se facía o baile de damas e galáns.

Alí bailábase unha xota e unha muiñeira como inicio do entroido. "Pola noite trasladábase o baile ao baixo dunha casa ou á adega dalgún veciño onde tamén había palco para os músicos. Estaba feito de madeira, adornado con mimosas e xestas igual que o que estaba ao aire libre para cantar os 'Vivas' e facer a festa", explica Manolo Cobas. Despois, no luns e martes de carnaval os veciños de Darbo participaban no percorrido tradicional polas aldeas do Hío.

O traballo de recuperación feito por Lembranzas da Ría tamén lle permitiu coñecer cal era a vestimenta que empregaban os participantes nestas danzas. "Era fundamentalmente branca: as damas ían con refaixos e camisas de cor branca, un mandil de veludo negro adornado, se se podía, con pedrería, un mantón de seda sobre os ombreiros e un sombreiro de palla adornado con flores e fitas de cores", explican desde a agrupación. Pola súa banda, os galáns ían vestidos cun pantalón e unha camisa de cor branca, un mantón de cachemir cruzado, unha cinta de raso ou seda na cintura e un sombreiro negro adornado con plumas e fitas de cores. "Na xornada do martes as damas cambiaban o refaixo por unha saia estampada, e os galáns mudaban o pantalón branco por un negro, e as veces cruzaban outro mantón a maiores do cachemir que soía ser unha touca de neno", continúa explicando Manolo Cobas.

Para poder bailar facía falla música e grupos de gaiteiros. A investigación realizada por Lembranzas da Ría xunto cos veciños permitiu constatar que, entre outros, en Darbo tocaron Os Peruchos de Castrelos, Os Tranquilos de San Xoán do Monte de Lavadores e Os Parrulos de Cabral, todos de Vigo. Pero tamén estaban outras agrupacións como Os Airiños de Castelo, de San Pedro, da propia parroquia.

Agradecementos

Este traballo de recompilación poderá verse este domingo no lugar do Seixo e desde Lembranzas da Ría destacan que en boa parte será posible grazas aos bailadores e bailadoras que bailaron entre os anos 60 e 70 e que volveron a xunar para a recuperación deste Entroido. Son Pablo Sueira Mariño, Alfonso Fontán Piñeiro, Ángel Piñeiro González "Tinito", Camilo,Pilar Pérez, Josefa Rial Rial,Lina Gallego Villar, Maricarme González Santos, Ruca Rial Fernández e Albertina Rial Fernández.

Compartir el artículo

stats