Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (VIII)

Simalveira, o CITEAMOR, as lecturas dramatizadas ou o paso por Cangas de Franco Passatore centran esta nova entrega

A representación de "Os cravos de prata", de Simalveira.De esq. á dta: Mª Carmen Santos, Uxío López, Margarita Portela, Seso Portela, Victoria Martínez, Andrea Mandado. // Xico Peña

Teatro amador en Meiro. Vai ser Rosa E. Gantes, a directora do grupo Simalveira, quen nos conte en primeira persoa os motivos e circunstancias que deron lugar ao feliz nacemento do grupo de teatro e asemade o seu proceso evolutivo:

"Ten sido unha tradición no noso país, que ao abeiro dunha asociación cultural, emerxese como actividade o teatro amador. Foi este o caso do grupo de teatro Simalveira ,nado no ano 1999 no marco da Asociación Socio-Cultural Deportiva e Xuvenil de Meiro. Estaba eu de mestra na Escola Unitaria desta aldea e a partir dunha colaboración mutua, xurdiu a idea de iniciar unha actividade teatral. Empezamos cun obradoiro nos locais da escola e houbo unha nutrida participación de persoas de todas as idades. Despois desta experiencia, fórmase o grupo de teatro do que asumo a dirección e co que inicio a preparación da primeira montaxe, contando coa participación de 13 actores e actrices. O texto escollido foi 'Os cravos de prata' do dramaturgo húngaro Nicolás Bela, na versión galega de Francisco Pillado, unha obra de humor negro contextualizada no rural. A obra pre-estreouse na Casa da Aldea de Meiro, con boa acollida por parte da veciñanza. Estreouse no ano 2000, na Casa de Cultura de Bueu e aínda foi representada no Café-Teatro do Real (Moaña) e en Portugal nun intercambio co grupo de Teatro Amador de Chafé (Viana).

A segunda montaxe titulouse "Noites de lixo" e estaba formada por tres pezas curtas que escribín para a ocasión: 'Divertimento', 'Encontro' e 'Sálvese quen poida'. A estas engadimos 'Namorados', unha adaptación do conto 'Lixo' de Luís Fernando Veríssimo . Todas tiñan como fío condutor a problemática xerada polo lixo na sociedade actual e algunhas delas estiveron inspiradas en acontecementos reais como, por exemplo, a ameaza de instalación dunha futura empacadora na zona.

Esta montaxe, feita máis "á medida", permitiu afondar nas dotes interpretativas de cada quen. Estreámola no 2001 e durante este ano e o seguinte actuamos na Casa da Aldea e na Casa da Cultura de Bueu, na Casa do Pobo de Beluso, no 1º Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo organizado pola Cepa de Cangas e no Centro Social de Poio dentro do 2º Circuito de Teatro Afeccionado deste concello. No ano 2003 retomamos unha versión reducida e participamos no 'Concerto Expansivo' organizado por Burla Negra no Aturuxo de Bueu, para denunciar o desastre do afundimento do Prestige.

Xa no 2004 estreamos no Centro Social do Mar de Bueu, 'Ledaiñas pola morte do Meco' de Vidal Bolaño, unha obra máis coral e na que investimos máis esforzo e tempo de preparación, alén de encargarnos da elaboración das carrozas e da escenografía. Representámola tamén no auditorio de Cangas dentro do 2º CITEAMOR (2004) no Teatro Principal de Pontevedra dentro das Noites Abertas (2005)e na Casa do Pobo de Beluso (2006).

Con esta obra remataría o ciclo do grupo de adultos do Teatro Simalveira. Aínda en 2008, dous ex - alumnos piden a miña colaboración para montar unha obriña de teatro. A partir dos testemuños e anécdotas sobre as "visitas" que os xabarís facían ás leiras de Meiro, escribín unha historia para monifates inspirada nos ocorrentes enxeños que inventaran para espantar a estes animais. A obra, titulada 'O Tranqui pasou por Meiro' ( publicada no nº 7 da revista "A Lingua do Corvo") foi estreada no X Encontro-Degustación do Millo Corvo (2008). Os monifates foron elaborados e manipulados por Ismael Pastoriza, Bruno López, Sara Padín e Carla Pereira.

Esta foi a última montaxe do grupo Simalveira. Atrás quedaba unha experiencia na que xentes amadoras do teatro compartimos entusiasmo e traballo, nunha convivencia interxeneracional moi enriquecedora".

Franco Passatore e o Gato con Botas. No verán de 1998 tivemos a sorte que estivese en Cangas Franco Passatore mestre de teatro, dramaturgo, actor e director de recoñecido prestixio en Europa. Convidado pola Concellería de Cultura e Mocidade e a Concellería de Muller e Ensino do Concello de Cangas organizou un obradoiro teatral multidisciplinar ( recitación, cabezudos, atrezzo, música, escenografía e vestiario) moi concorrido que tivo como remate a montaxe da célebre historia do "Gato con Botas", que el mesmo dirixíu tendo como colaboradora a súa dona Meme Bel Prete. Aínda que as opinións acerca da moral deste conto son diversas pois o comportamento do gato protagonista durante toda a acción válese de numerosos enredos e artimañas para servir ao seu dono,o obxectivo de Franco foi sinxelo: montar un espectáculo que divertise ao público e aos actores.

Na representación -ao aire libre no patio do Colexio Público Nazaret- actuaron: Belén Nogueira, Paula Rodríguez, Emma Chapela, Vanessa Prieto, Merchi Fernández, Ricardo Soage, Xurxo García, Alberto Casqueiro, Alexandra Abalo, Emma Amy, Brais Fernández,María Lagoa, María Boubeta, María González,Tamara Fernández, Xoán C.Riobó e Raúl Lago.

A escenografía foi obra de Lucía González; o vestiario de Ana Santos; o atrezzo de Gonzalo Ferrero; a tradución italiano/galego foi de Adrián Carballo; a música de Carlos Graña; os cabezudos realizáronos Bene Tielas e Bernardo Carpente e Paco Alfaro foi o técnico de luces e son. Necesaria foi tamén a implicación dos técnicos do Concello: Estanislao Graña, Juan José Pérez e Merchi Lorenzo. Toda unha experiencia de intenso traballo, convivencia e resultados óptimos que deixou pegada nas persoas que participaron.

Polo demais a estadía de Franco Passatore por Galiza supuxo que un grupo de profesoras e profesores - maiormente do Morrazo- con moita afección polo teatro se decidisen traballar durante meses nun obradoiro sobre "A doncela guerreira " de Rafael Dieste que rematou nun espectáculo representado no IESP "Luís Seoane" de Pontevedra. O obradoiro estivo organizado polos centros de Formación do Profesorado de Vigo e Pontevedra e nel participaron Coral Rivas, Rosa Estévez, Pilar G.Gracia, Xosé F. Dalama, Mari Carme Comesaña, Elisa Nogueira, Antón Lamapereira, Xulia Fernández, Luís Antonio Martínez e Augusto Suárez.

Ciclos de Teatro Amador. Tal e como imos lendo nestas xa extensas Crónicas do Teatro no Morrazo, as persoas "amadoras" ou "afectadas" polo teatro son aquí moitas e de moi diversa condición. E precisan de escenarios nos que mostrar o seu traballo sendo os Ciclos e Mostras a mellor ocasión para facelo.

É o caso Mostra de Teatro do Ensino Secundario do que xa falamos (Faro, edición Morrazo 16 xullo 2017) ou destas dúas iniciativas que agora reseño.

A primeira foi un Programa de Teatro Non Profesional que se desenvolveu durante decembro de 1997 e xaneiro de 1998 en Moaña no que participaron dez grupos de teatro da comarca: Aurín, Ancoradouro, Kaos, Lirilampo, Teatro dos Pícaros, Avresno, Asociación de Mulleres de Moaña, Axóuxere, Colexio Eduardo Pondal e Títeres Cabuxa. Esta programación presentada no Auditorio do Centro Sociocultural Daniel Castelao de Quintela e organizada polo Departamento de Cultura de Moaña, desafortunadamente -que eu saiba- non tivo continuidade.

Vai ser a meritoria Asociación Cultural A Cepa de Cangas quen organice en 2002 o I Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) que aínda con intermitencias por falta de recursos económicos e problemas organizativos celebrou catro edicións (2002, 2004, 2007 e 2013). En 2014 súmase, para darlle continuidade, a colaboración organizativa da Asociación Cultural Entre Bambalinas o que permitíu chegar a súa oitava edición en 2017 baixo a coordinación de Xoán Carlos Riobó quen procura que nas próximas edicións, as sinerxías con outras asociacións culturais e grupos de teatro sexan maiores. Este proceso de ir rexurdindo das propias cinzas, da súa teima pola supervivencia, mesmo é unha demostración de que o CITEAMOR é necesario, de que compre a función de mostrar e aglutinar a vitalidade teatral afeccionada que xermola nestas terras.

Lecturas Dramatizadas. Café con Teatro. O teatro é para ser representado e visto polo público. Mais tamén pode lerse. E se a lectura é realizada en grupo para unha xente que escoite, mellor. Pois ben, está é unha póla máis da fermosa árbore do teatro que vai medrando nesta península coidada por diferentes colectivos como a Asociación Cívico Cultural Xiria, a Comisión Organizadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a Asociación Cultural Entre Bambalinas- Erregueté, a Lonxa Literaria de Moaña ou mesmo o Clube de Lectura do IES de Rodeira.

Algúns dos variados froitos recollidos desta árbore son, por exemplo, as lecturas de "Os dóces anos da guerra" de Luísa Villalta, "Mourenza" de Armando Cotarelo Valledor ou "Azos de esguello" de Euloxio Ruibal textos lidos hai xa tempo nas cafeterías Canis Lupus e no Café Agora en Cangas ou "As sombras da memoria" de Xosé Vázquez Pintor no Café Teatro do Real en Moaña.

A Lonxa Literaria de Moaña en colaboración coa Biblioteca de Quintela, inclúe, desde hai uns anos, o teatro no seu proxecto anual de lecturas. Ademais da lectura individual sempre realiza unha lectura dramatizada. "A cegueira" de Marcos Abalde, "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal" ou "Nome: Bonita" de Vanesa Sotelo son exemplos disto. Nestas lecturas é habitual a presenza dos autores para conversar sobre a súa obra ao redor dun xeneroso aperitivo.

Tamén o clube de lectura do IES de Rodeira desde 2013 contempla a lectura de un texto teatral por curso aínda que neste caso, polo de agora, non hai lectura en común. As obras propostas para ler foron: "Saxo tenor" de Roberto Vidal Bolaño, "0,7 Molotov" de Santi Cortegoso, "Monólogo do imbécil" de X.L. Prieto, "Os vellos non deben namorarse" de Castelao e "Azotea" de Vanesa Sotelo, quen estivo presente no faladoiro respondendo ás preguntas das persoas interesadas. Falouse de teatro?con café.

Velaquí un xeito de difundir textos dramáticos á vez que ter a posibilidade de conversar coas autoras e autores. Unha experiencia de colaboración entre persoas amantes do teatro onde se mesturan na lectura dramatizada xoves estudantes de instituto, actrices e actores profesionais, adultos de grupos afeccionado e o público que asiste. En suma, unha maneira de difundir a cultura, neste caso por medio do teatro, dun xeito participativo e sen grandes orzamentos.

Cumpriría xa que logo seguir sementando e potenciando máis estas manifestacións organizando periodicamente Ciclos de Lecturas Dramatizadas -aquí e polo resto de Galicia- nas que deberían comprometerse, entre outras entidades, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Dramaturxia e por suposto a Fundación Autor da Sociedad General de Autores e Editores (SGAE), organismo que en decembro de 2004 patrocinou un Ciclo de Lecturas Dramatizadas en Cangas e Ourense organizado pola Asociación de Actores Directores e Técnicos de Escena de Galicia. Un exemplo aillado que cumpriría normalizar.

N.B. Todas as obras de teatro citadas neste último apartado poden consultarse no Fondo Teatral María Casares (FTMC) da Biblioteca Pública de Cangas.

Compartir el artículo

stats