Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lucía Novas: "A poesía debe levarnos ó noso interior e facernos reflexionar"

A autora presenta hoxe na súa vila natal de Bueu o seu novo poemario, titulado "Cervatos" e editado por Kalandraka

A poeta Lucía Novas recita os seus poemas nun acto. // Kalandraka

A sala Amalia Domínguez Búa é o lugar escollido para a presentación de "Cervatos", o novo poemario da poeta Lucía Novas, natural da propia vila de Bueu. O acto está organizado pola editorial Kalandraka, que publica o libro a través da súa Colección Tambo, e pola Librería Miranda. A autora estará acompañada polo crítico Ramón Nicolás e polo escritor e director da Colección Tambo, Luís Rei Núñez. Será hoxe a partir das 20.30 horas.

- Esta é a primeira presentación como tal do seu novo poemario, "Cervatos", e vai ser na "casa", en Bueu. Era unha decisión case obrigada a de empezar na casa ?

-En realidade o libro foi xa lanzado ou presentado no Culturgal, en Pontevedra, en decembro, pero realizouse no marco dun Faladoiro de poesía co poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e co tamén poeta, aínda que alí estaba en calidade de tradutor, Isaac Xubín. Deste xeito esta si que é a primeira presentación ortodoxa, individual, e para min si que é algo especial comezar pola casa, pola miña vila, Bueu. Á parte, neste libro falo das figuras dos meus avós paternos, o meu avó Pepe e a miña avoa Carme e, por exemplo, de como me transmitiron o seu amor polas plantas e os cuartos de costura (os bordados, os botóns, os tecidos...), e resúltame tamén especial facerlles esta pequena homenaxe.

- "Cervatos" é o seu primeiro poemario desde a publicación de "Neve", co que gañou o premio Johán Carballeira en 2010. Por entonces dicíame que non concibía a escrita como volcarse directamente sobre un papel en branco, senón como un proceso de maduración interior dunha idea ou dun imaxinario. Foi iso o que necesitou durante este tempo antes de que "Cervatos" vise a luz?

- Completamente, si. É como se todas as experiencias, o que percibo polos sentidos, as lecturas, a arte que consumo, a música... fosen pasando por unha peneira ata o meu interior, e dentro de min vaise elaborando unha determinada estética que, chegado un momento, necesita saír cara ó exterior e volcarse no papel. De todos modos, aínda despois dese proceso, o libro necesita outro proceso posterior bastante longo de puído e maduración.

- Como son os poemas de "Cervatos"? Hai algún tipo de temática común entre os poemas, algo que os conecte e que necesitase expresar?

-En "Cervatos" intentei falar do paso do tempo. Deste xeito, aparecen as figuras dos meus avós paternos. Aparece tamén a figura da miña tía avoa Elvira, da miña familia materna, que simboliza no libro ese mundo da aldea que está, desgraciadamente, esmorecendo.

Por outra banda, realizo unha crítica á posmodernidade, á velocidade dos nosos tempos, ó individualismo, á sociedade de consumo, á sociedade do espectáculo, ó culto excesivo á mocidade (e que por machismo sufrimos máis as mulleres), ó medo ó amor e á frustación, ó hedonismo... Mais á vez aparece tamén unha fascinación pola súa estética, o concepto do híbrido, da collage, do pastiche...

Tamén falo das relacións amorosas na miña xeración, intentando fuxir dos convencionalismos, afectados polo medo ó amor e á frustración da posmodernidade e intentando construír relacións igualitarias e libres mais aínda mediatizados por todos os relatos do machismo e o patriarcado. Por último, tamén debería engadir que o libro dialoga coa fotografía e a collage (con artistas como Olivia Bee, Raquel Bravo ou Natalia Umpiérrez), con toda a cultura do audiovisual e o videoclip (Twin Peaks, os Gremlins, videoclips de Summer Camp...) e coa música (detrás do libro hai unha playlist con temas de Sonic Youth ou Suede, por exemplo).

- Iso é algo que precisamente vén destacar a crítica: atmosferas kitsch , influencia dos novos medios de expresión e crítica á "postmodernidade", pero sen darlle ás costas. Era a súa intención?

-Plenamente. Procuro a beleza no kitsch, nas marxes, no que normalmente non se considera dun gusto sofisticado, nos pequenos obxectos. E, como xa expliquei, dialogo con todas estas artes. De feito, case podería dicirse que o libro é unha enorme collage, ou que intentei que algúns poemas semellasen videoclips. E si, como tamén xa dixen antes, trátase dunha crítica á posmodernidade pero tamén dunha fascinación pola súa estética.

- No caso de "Neve" destacábase a "riqueza léxica" e a creación "dunha obra orixinal a partir de técnicas de composición clásicas ". Como evolucionou a súa escrita neste tempo?

-Polo que comentan os críticos que xa analizaron o libro (e eu creo que fan unha lectura acertada), sigo indagando na técnica da acumulación léxica, das enumeracións e da ausencia de verbos, e radicalizo esa estética. A novidade radica en que neste caso na súa totalidade trátase de poemas curtiños e na súa maioría de prosa poética. Tamén é nova a inclusión de palabras e frases doutros códigos, como o inglés.

- Neste mundo cheo de urxencias, inmediatez, redes sociais e novas realidades como a postverdade, cal cre que debe ser o papel da poesía?

-Exactamente o que ti nomeas foi o que tratei de reflectir no libro. A poesía debe analizar eses aspectos, reflexionar sobre eles, levarnos cara ó noso interior e facernos acougar.

- No seu caso, para quen escribe, se se pode dicir desta maneira? Para vostede ou pensando no lector que vai ler os seus poemas?

-Para min mesma. Nese sentido, son tremendamente egoísta: para min a poesía é unha necesidade moi íntima. Por outra banda, é algo tan íntimo que no momento no que o escribo non podo pensar nun hipotético lector.

- En Bueu hoxe estará acompañada por Ramón Nicolás e Luís Rei Núñez, que dirixe a colección Tambo, de Kalandraka. Como acolle ese interese pola súa obra?

-Sentinme inmensamente afortunada porque o meu libro se publicase na mesma colección que autores ós que admiro dende hai tantos anos e que son referentes para min, tanto galegos, como vascos e cataláns. Á parte, o traballo de edición é impecable e Kalandraka é unha editorial de referencia, e da que admiro o seu traballo innovador e creativo. Foi deses regalos afortunados que me trouxo o solsticio de verán, ou quizais trouxéronmo os astros...

Compartir el artículo

stats