Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (XXII): Aula San Narciso (II)

"Juul, iguais pero diferentes" foi unha montaxe moi querida e na recepción do centro está como símbolo do seu ideario

Ao curso seguinte (2002) foi tamén en Cangas no seu Auditorio onde representaríamos no seo da VI Mostra de Teatro do Morrazo a obra "Odisea 2001" unha recreación en clave de comedia a partir do famoso título de Kubrick, onde os personaxes homéricos viaxaban dende o pasado épico ao decepcionante presente.

Sobre o que aconteceu no seguinte curso, no ano 2003 quixeramos destacar esa dimensión didáctica do teatro para un centro e nos bos resultados que nos deron as experiencias que anualmente realizamos no tocante aos recitados. Efectivamente neste ano obtivemos un destacado premio na categoría de recitado no concurso Entre Nós, en galego co poema Digo Vietnam e digo basta de Celso Emilio Ferreiro onde diremos que introducimos música en directo, unha das nosas debilidades, coas que nos gusta contar á hora de realizar calquera montaxe teatral.

Á VII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo celebrada en Bueu presentamos unha versión teatral propia sobre un poema de Bertolt Brecht que titulamos "A cruzada d@s

Volvemos ao Auditorio de Cangas ao ano seguinte con "Palabras para Antígona", unha versión moi singular dun texto clásico de Sófocles ao que incorporamos, como se das capas dunha cebola se tratase, as versións de JeanAnouilh e de María Xosé Queizán ademais de facela nosa... Sirvan unhas liñas acerca dunha personaxe tan teatral como universal para entender como traballamos os personaxes clásicos ata chegar a podelos facer nosos. A nosa Antígona parte de elementos esencias da traxedia tal e como a entendían os gregos,a hibris (en grego antigo ?????, é dicir, o comportamento soberbio que enfronta aos dous personaxes principais, neste caso a Antígona co seu antagonista, Creón). Mais como traer á vella Antígona á Galicia e ao mundo de hoxe? Para achegala a nós puxemos na súa boca palabras de autores galegos e non galegos que nos axudan a entendela, a facela máis nosa e máis universal. Usando a Rosalía, a Neruda, a Cortázar, a Celso Emilio... Antígona, por iso é un mito, unha resposta ás mesmas incógnitas universais que en todos os séculos é necesario repetir. De elementos formais tan vellos como o CORO da traxedia clásica, ese personaxe colectivo que danza e ten carácter poético e musical, nós ofrecemos quizás a súa actualización máis arriscada ao utilizar tanto a música de Mercedes Peón, como unha coreografía que mesturaba elementos tan propios como a muiñeira con outros máis universais como o valse. Así traballamos.

Ao curso seguinte tocaba comedia e creamos un texto moi dinámico en base a diversas sesións dedicadas á improvisación dun grupo de homes fronte a un grupo de mulleres partindo dos textos do Diario de Eva de Mark Twain, que nós transformamos finalmente"No camiño de Eva".

Os altos e baixos que sofren todos os grupos tamén os experimentamos. Na nosa historia temos obras sen estrear, proxectos que non foron quen de madurar como "As Carapuchiñas" (despois dun curso enteiro traballando coas distintas versións do conto popular non demos rematado a montaxe e tocounos participar na Mostra como público). Se cadra estabamos a reservar folgos para afrontar o que sería a segunda ocasión na que se levou a cabo a Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo en Marín, no Salón de actos do Colexio San Narciso. Aquel curso a longa experiencia contribuíu a tentar novos revulsivos ao redor do evento como foi neste caso a participación nun Proxecto piloto denominado Caixa Escena que nos levou a representar a nosa montaxe, realizada para a XI Mostra tamén na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. A montaxe era unha versión un tanto heterodoxa das Aves de Aristófanes que titulamos "Paxaros na testa".

Houbo máis ocasións nas que non puidemos participar nas Mostras. Pero nunca choveu que non escampara e, de novo, puidemos remontar e lograr participar regularmente na Mostra de Teatro no ano 2010 coa representación da obra "Narciso na procura do eu", unha relectura sobre o mito grego cargada de lirismo coa música de Guadi Galego que nos inspirou profundamente. Tamén houbo algunha montaxe que, tras moito traballo, nunca se chegou a estrear por razóns alleas ao grupo, como nos pasou coa que titulamos Bailando co tempo (2011).

Ata o ano 2011 participamos e colaboramos na organización de 12 edicións da Mostras de Ensino Secundario do Morrazo, en maior ou menor medida, Manuela Rodríguez, Alfonso Calvar, Darío Suárez, Adolfo Caamaño e Héctor Silveiro. Nos últimos anos, a partir da XVI edición do 2012, distintos motivos impedíronnos seguir participando de forma regular, como viñamos facendo. Mais, a pesar diso, a nosa actividade teatral no centro permanece. A pesar de que, tras deixar a docencia, botamos en falta a nosa gran dinamizadora, a Manuela Rodríguez ao se incorporar plenamente a un brillante labor profesional na prestixiosa editorial Kalandraka, tras da súa marcha, asumindo en solitario a dirección da Aula, non quixemos deixar pasar o 2013, un ano especialmente significativo para o teatro galego ao dedicar o Día das Letras ao autor dramático Roberto Vidal Bolaño. Con esta ocasión montamos dúas obras do autor unha versión reducida de Agasallo de sombrase a adaptación feita polo autor da obra tamén versionada por Bertolt Brecht A ópera do patacón. Xa no curso 2014-15 realizamos de novo dúas montaxes, unha máis elemental sobre textos de Made in Galiza de Séchu Sede, un texto de reflexión sobre a lingua. A outra, Non só fiaron lá unha obra na que, acudimos de novo aos textos sobre a muller na antigüidade botando man á parda música máis recente de Guadi Galego. No 2016 con motivo das Olimpíadas X. Cortizo antigo director da Aula realizou a montaxe: "O mito de Medusa" e baixo a dirección de Héctor Silveiro, coa axuda escenográfica de Darío Suárez, montamos unha segunda representación Olimpia, a orixe dos xogos. Trátanse de montaxes de teatro ao aire libre con motivo dun evento no que participan un número elevado de alumnos/as ante a presenza de toda a Comunidade escolar do centro na realización duns Xogos Clásicos a imitación dos que se celebraban na Antiga Grecia nas amplas instalacións das que dispón o San Narciso.

O curso pasado representamos "Labirinto de carencias", inspirándonos nos personaxes mitolóxicos de Ariadna, Teseo e o Minotauro trasladando os seus conflitos, como se dun cadro cubista se tratase, a diversas situacións de rabiosa actualidade, usando como fío da acción varias coreografías inspiradas nas montaxes da coñecida directora alemá Pina Bausch. No presente curso temos como obxectivo incorporármonos de novo á Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo.

Non quixeramos rematar sen lembrar aos centos de actores e actrices, mozos e mozas que pasaron polo escenario do noso centro, algúns para logo desenvolver a súa vida profesional ligada aos escenarios dun xeito ou outro. Foron da aula alumnos/as que hoxe son contadores de contos, locutores, actores, actrices ou técnicos de son. Tamén é preciso dicir que outros moitos non volverían a pisar un escenario dende aquela, pero seguro que esa experiencia permanece viva na memoria do seu paso polo San Narciso. É imposible neste espazo citalos a todos, son centos, pero queremos agradecer o seu ilusionado traballo a prol da Aula con agarimo, coa nostalxia dun tempo pasado, un gratísimo recordo de cada un deles que foi posible grazas a esta marabillosa vivencia compartida que nos ofreceu este gran invento, retrato da humanidade, chamado Teatro.

Compartir el artículo

stats