Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As artes antigas no mar de Cangas (IV)

Na mitade do XV o novo porto cobra identidade, con importantes capturas de congro, aparece a agrupación de mareantes do Buen Jesús e os pleitos pola pesca con Aldán e Porto Santo

Lañado e secado de peixe. // Arquivo do autor

A volta ao aproveitamento dos recursos mariños aparecería de novo na Idade Media como un complemento ás aportacións agrícolas proviñentes de arrendamentos ou foros, a maioría eclesiásticos. Do consumo do peixe dos ríos pasaríase á pesca no mar, motivado en parte pola obriga de cumpriren cos preceptos cuaresmais as numerosas comunidades relixiosas en expansión e a poboación suxeita a estas normas. Así, iríase conformando en inicio, unha actividade pesqueira de tipo familiar, utilizando liñas, anzois e nasas rudimentarios, colaborando as mulleres no marisqueo, no lañado ou escochado, no secado ou afumado ou na recolleita do argazo para os campos. A demanda de peixe (congros, pixotas, sardiña, polbo...) iría en aumento e os mosteiros comezarían a establecerse en puntos da costa para a sua explotación e consumo, aportando incluso fórmulas gastronómicas que perviven ainda hoxe. A aparición das grandes feiras do interior (Carballiño, Monterrei, Medina del Campo...) abriría un campo máis amplo para a comercialización destes produtos, creándose, xa que logo, impostos sobre a pesca como o décimo do mar. Para o control destes impostos e o servizo na Armada, aparecen as matrículas do mar e os gremios, que en Galicia, polo control eclesiástico dos portos, nacen imbricados nas confrarías relixiosas, baixo unha advocación que os obrigaba a participar nos gastos e actos festivos da Igrexa da que dependían. Asemade, o décimo do mar foi destinado en gran parte á construción de igrexas, capelas, hospitais e obras piadosas.

A pesca en Cangas

Ata mediados do século XV a pesca reducíase ao ámbito familiar na que os posuidores dunha embarcación, dorna ou lancha, benefíciano directamente, compartido ao quiñón ou alugando a sua utilización mediante acordos sobre o produto. As artes utilizadas que menciona a documentación son as cordas, liñas, combetas, espineis, polbeiras, raeiras, caçoeiras, bolantes (sic) e os xeitos e sacadas de uso antigo cos que se capturaban peixes e mariscos. De tempos anteriores tamén se explotaban ainda as camboas, comboas ou gamboas costeiras (almadrabas en castelán) de fácil captura pero escaso rendemento piscícola. Nestas datas é cando los habitadores de esta tierra en palabras de Del Hoyo decide potenciar nun outeiro do antano casal de Cangas, agora baixo o señorío dos Soutomaior, un porto no que explotar e controlar o produto do mar. Os datos sobre as características da pesca nestas datas apuntan basicamente, a importantes capturas de congro (de aí a Congroza) e de polbo, ademáis doutras especies como a sardiña, o xurelo, pescada, badexo... estes ainda en menor cantidade.

Ao ir cobrando entidade o novo porto de Cangas polo número de embarcacións (oitenta) e artes, xa aparece tamén a agrupación gremial dos mareantes na confraría do Buen Jesús, asociada á nova parroquia e fundamental na construción da primeira igrexa, logo Colexiata. Con isto tamén comezarían os pleitos pola pesca cos mareantes da ria de Aldán e Hío e sobretodo coa poderosa confraría pontevedresa do Corpo Santo polo monopolio que pretendía estender ata as Estelas de Baiona e exercitar sobre o uso de determinadas artes. Non era de estrañar isto pois no 1490 xa temos noticias da auxe alcanzada polos de Cangas na pesca da sardiña ao se constituir na vila un cerco, engadindo tamén a exportación deste e outros peixes a portos da península. O conflito co gremio pontevedrés do Corpo Santo mesmo chegaría á Chancelería de Valladolid no ano 1499 e non se habería de sentenciar ata 1501 por García Sarmiento, rexedor delegado do arcebispo en Pontevedra e a sua ria que incluía a de Aldán onde se deixaría pescar aos de Cangas da metade da ría cara as ribeiras do Hío.

Contodo, o incumplimento das ordenanzas e a forte competencia pola pesca habían ser permanentes, levando mesmo a que os de Aldán e os do Hío (de xurisdición señorial leiga) chegasen a alegar, en medio da nova voráxine conflitiva de 1561, que a súa antigüidade no aproveitamento do mar era maior e máis antiga que a de Cangas, vila de máis recente formación. Foron longos tempos de conflito entre os do cerco (mareantes de Cangas) e os que exercitaban a sacada (chamados os outros) e tamén de fortes denuncias xudiciais entre atalieiros (patróns) e quiñoneiros (mariñeiros) dun e doutro lado. Os enfrentamentos eran por veces tremendamente virulentos exhibíndose o uso de paus e pedradas, a corta de redes e os insultos máis soeces, destacando entre estes por usual, a mostra do traseiro remangando os mariñeiros as súas faldas (sic). A agudización dos conflitos, sobretodo polo uso das sacadas, tamén chegaría en ocasións, ao uso de espadas, lanzas, fouces, alabardas, béstas (ballestas) e incluso arcabuces.

Nesta información alegarían os de Aldán como eles estiveran sempre en posesión de pescar así ao oficio de sacadas como ao do "jeito e polbos e combetas e oytros oficios de todo género de pescado e congrio, en las rías de Vigo, Cangas, Aldán e Pontevedra". Ante isto os de Cangas argumentarían que despois das súas "acordanzas", lles competía a eles a facultade de vedar os lugares onde acostumaban a poñer as súas sacadas.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats