Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O regreso de Xulio Formoso a Bueu

A sala Amalia Domínguez Búa acolle desde onte unha exposición con máis de 30 obras do artista galego-venezolano

A exposición está formada por máis de 30 ilustracións e poderá verse ata o día 23 de agosto. // Santos Álvarez

Máis de 50 anos despois da súa marcha para Venezuela Xulio Formoso retornou onte a Bueu. Aínda que somentes fose a través dos seus debuxos e en espírito. A sala Amalia Domínguez Búa acolle ata o día 23 unha mostra con máis de 30 ilustracións do artista galego-venezolano, nas que hai paisaxes, retratos de escritores e artistas galegos e incluso algún que outro recoñecido veciño de Bueu.

A apertura oficial foi onte e acudiron máis de medio cento de persoas. O encargado de presentar a exposición e a súa importancia foi o buenense Francisco Rodríguez, colaborador habitual de FARO e cuxos textos soen vir acompañados de ilustracións de Xulio Formoso. O acto estivo cargado de emotividade posto que tamén houbo tempo para a música, a outra faceta na que destaca Xulio Formoso. Interpretáronse dous temas do seu disco "Galicia canta", gravado e editado en 1970 en Caracas. Un dos temas que se tocou onte foi "Pandeirada do Che", que tiña letra do poeta Celso Emilio Ferreiro e música de Formoso. Na gravación orixinal o propio Celso Emilio Ferreiro tocaba o pandeiro e onte dalgunha maneira tamén estivo presente. O tema foi interpretado por Emilio Rodríguez á voz e guitarra e Luis Ferreiro, que é o fillo de Celso Emilio, no lugar do seu pai tocando o pandeiro. Tamén se interpretou outra canción dese disco, "O dedo na chaga" e antes da despedida os presentes entonaron "Notas necrolóxicas". Esta canción popularizouna Luis Emilio Batallán, a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro no que bromeaba ao respecto dunha noticia difundida por varias axencias informativas na que se aseguraba que finara nun accidente de tráfico en Caracas. O incidente si existiu, pero non tivo consecuencias graves.

A exposición poderá verse ata o vindeiro 23 de agosto, pero antes, o venres ás 21.00 horas, celebrárase a presentación de tres libros de autores de Bueu e que están ilustrados polo propio Formoso.

Compartir el artículo

stats