Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Yolanda Díaz: "Na política non se pode desconectar nunca de todo, hai que estar a pé de rúa"

A deputada desfruta das súas vacacións en Cangas, sempre atenta á actualidade

Yolanda Díaz na Praia de Rodeira. // G.N.

Aínda que é propia de Ferrol, a deputada de En Marea pola Coruña visita Cangas nas súas vacacións. Rodeada pola súa familia, a praia é un dos atractivos que chamou a súa atención. Aínda que non deixa de estar atenta a todas as novidades que están a ocorrer na actualidade política, así como de formarse e estudar para o momento no que teña que regresar a Madrid. Con ganas de descansar, afirma que tamén é importante repensar as cousas antes de volver ao traballo para poder miralo todo cun pouco de perspectiva.

-Que tal as vacacións ata agora?

-Arrincando [risos]. As vacacións son a medias sempre, pero estou en contacto coa natureza e iso é sen dúbida unha marabilla. Serve para desconectar.

-Entón non desconecta totalmente da vida política?

-Non, eu creo que na política non se pode desconectar nunca de todo. Sobre todo porque temos que estar pendentes do que pasa e sempre pode ocorrer algo. Isto é o bo da política, do servizo público, realmente está a pé de rúa.

-E como compaxina o traballo político coas vacacións?

-Con normalidade, realmente fago a vida normal. Madrugo moitísimo, hoxe mesmo levanteime ás cinco e media da mañá e estudeime o Informe do Consello Económico Social, que non o lera ata agora. Traballo con normalidade, despois vou un ratiño á praia?O normal.

-Soa a vacacións entre comiñas.

-Pode ser, pero si que axuda. Pensade que nós estamos en Madrid e a vida alí é súper intensa. Realmente estamos pechados toda a semana e cun nivel de actividade que sobrepasa, entón isto é unha marabilla.

-E por que Cangas como destino para as vacacións sendo vostede de Ferrol realmente?

-En Ferrol temos uns espazos e unhas praias marabillosas, pero é certo que gústame moitísimo Cangas. Por suposto, as súas praias, pero tamén a propia idiosincrasia do pobo. Curiosamente si que é moi parecida a Ferrol, son como dúas vilas moi distintas do conxunto do país. De sempre gústame a min e a miña familia, así que cando podo veño.

-Entón vacacións de praia?

-De praia, de estar coa nena, cos amigos? Non fago nada especial, son vacacións nas que me gusta a vida normal. Ler, estar coa familia? o que non podo facer normalmente.

-Que está lendo agora mesmo?

- "Wonder Woman, el feminismo como superpoder " de Elisa McCausland. Creo que nestes tempos precisamos a grande mudanza que está xurdindo e ademais creo que hai un cambio fondo agora mesmo nas xeracións que nos anteceden. Realmente ten mudado todo e que é imprescindible que haxa todo tipo de actividades en todos os eidos para garantir que sexamos iguais os homes e as mulleres. Gustariame un mundo no que a miña filla Carmela non tivesa as dificultades que temos na actualidade o común das mulleres. Hai cousas marabillosas que se están a producir dende as distintas artes para afondar nunha sociedade igualitaria.

-Non parece unha lectura moi lixeira.

-Estou lendo este e tamén un de Juan Andrade, que é da miña xeración, sobre a historia do Partido Comunista e do PSOE na transición. Un libro que tamén tiña moitas ganas de ler e aproveito para facelo agora.

-Podería dicirse que durante as vacacións gústalle estudar un pouquiño máis?

-Claro. O que máis me gusta do mundo é estudar e iso é o que nunca podemos facer. Cando traballamos en Madrid estamos a estudar todo o día, pero para cousas moi pragmáticas. "Hai que falar sobre ciberseguridade", entón tragamos uns mamotretos enormes, pero non son realmente cousas que nos gusten, por así dicilo. Sen embargo, creo que coñecer a historia ou afondar en aspectos que teñen que ver ca vida é o que nos axuda a camiñar e é o que nos diferenza doutros animais.

-Que é o que opina da actualidade política agora que pode observala dende certa distancia?

-En Galicia dáme moitísima tristura porque temos un país cunha enorme potencialidade a nivel industrial, enerxética e de recursos productivos en xeral. Realmente estamos gobernados por xentes cuxa característica é a de non facer nada, cunha pasividade absoluta e que as cousas case flúan por si mesmas. Dáme moitísima tristura porque Galicia ten moitísimas asignaturas pendentes. Unha delas, a fundamental, creo que é a que nos debería ocupar o tempo diariamente, son as relacións de desigualdade absoluta como é o desemprego. Eu creo que esta ten que ser a tarefa inmediata e despois modernizar o país en sectores produtivos no que temos un potencial enorme e co que non facemos nada.

-E, tamén dende a distancia, como ve o seu propio partido?

-Tamén con certa distancia creo que temos que pensar. Creo que os partidos son ferramentas para cambiar a realidade e creo que tocaría, nestes días que temos un pouco máis de descanso, que nos repensemos a nós mesmos o espazo político. Eu creo que teñen que ser abertos, versátiles, inclusivos e teñen que servir para o noso país. Se non é así estaremos equivocándonos. Entón hai que buscar nestes días de descanso outro tipo de formulación que sirva para todos os actores que estamos inmersos na grandísima tarefa de construír un suxeito político. Creo que estamos en construción e toca seguir pensándonos e pensando cales son as prioridades e alonxarnos das fórmulas vellas e clásicas que creo sinceramente que a xente non quere. Polo tanto, hai que repensarse noutro tipo de formulacións e cumprir co mandato que temos, que moitísimos miles e milleiros de persoas nos votaron e temos que estar á altura das circunstancias.

-As súas parece que van ser unhas vacacións moi reflexivas...

-Si, eu son unha muller activa e autocrítica. Creo que se non somos así non servimos para a misión que temos que cumprir. Polo tanto, a nosa prioridade é a xente que o está pasando moi mal e falar, aínda que sexan número fríos, de 215.000 persoas en desempreg. É un drama brutal. E falar dos mozos que dende 2008 abandonaron o noso país porque aquí non hai onde agarrarse para manterse, eu creo que é dramático. Estamos na vida pública para cambiar isto, pero creo que é o que nos debe de preocupar e tamén ocupar.

-Cando volve ao traballo?

-Estarei ata aquí o día vindeiro día 15.

-Vai estar en Cangas todas as vacacións?

-Si, eu non quero nada de jaleo, quero estar quieta [risos]. Durante o ano movémonos moitp, a cantidade de quilómetros que levamos feitos este ano é tremenda. Porque non só é que esteamos en Madrid, estamos aí e atendemos todo o país e aínda por riba temos actos no resto do Estado. Queremos vida normal, non movernos, sen tanta circulación[risos].

Compartir el artículo

stats