Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (IV)

Ideas como a alienación da identidade, a autodestrucción ou o consumismo influiron na obra "Apoteose do churrasco"

Performance de "Apoteose do churrasco", no I.B.María Soliño: Elsa de la Campa e Lucía Bernárdez.// Juan Pastor

Unha situación dalgunha maneira excepcional pois o normal é que, malia esta circunstancia, as ensinanzas artísticas en xeral: teatro, música e artes plásticas seguían, e seguen hoxe, a estar marxinadas en todo o sistema educativo español. Unha grave carencia para a formación da infancia e a mocidade.

Durante o curso 1993-1994 impartín a EATP/Teatro para o alumnado de 3º de BUP que elixira esta optativa mentres que Pedro Pablo Riobó o facía en segundo curso.Compre dicir que o profesorado que durante estes anos demos as clases de teatro, sentiamos unha intensa afección polo teatro e aproveitabamos as nosas vacacións para asistir a diferentes cursos de voz, de interpretación, de dirección escénica ou de expresión dramática. E para ver moito teatro.

Pois ben, como traballo práctico propuxen na aula reflexionar sobre o feito que elas e eles non falasen habitualmente en galego. Que motivos podería haber para que nono fixesen? Se ademais de ter nado aquí, en Galicia, tiveron durante a EXB e tiñan agora en BUP a oportunidade de estudar a Lingua e a Literatura Galega por que renunciaban ao seu uso na vida diaria?

Eran conscientes que se elas e eles,xente moza, non o falaban, o galego desaparecería?

Despois de varias sesións tentando dar resposta a algunha destas preguntas foron saindo ideas que coidei poderían recollerse para unha posta en escena: a falta de autoestima de sermos e sentirmos galeg@s; a alienación da propia identidade por mor da pertinaz hexemonía política dun partido de dereita "enxebrista"; o consumismo e banalización global; a escasa, nula ou lunática influencia de certas posicións políticas "nacionalistas"; a escasa motivación e estímulo que suscitan a nivel persoal as clases de língua e literatura galega que son percibidas por moito alumnado como unha asignatura máis e mesmo, ás veces, como das mais duras e odiosas...

Algunha destas ideas: autodestrución, alienación da propia identidade, consumismo... conducíronme á obra narrativa de Suso de Toro: "Polaroid" e máis en concreto ao seu capítulo titulado "Apoteose do churrasco. Galicia esa merda".

Reproduzo algún anaco que foi incorporado a nosa proposta escénica:

"Gallegos, vermes mutantes que habitades e vos mantedes deste país que é un morto que fede, unha prea que atufa. Galicia, esa rémora que odia o novo,os cambios, a vida, que se emborcalla na rutina, na ignorância, na desconfianza.

Galicia, patria noxenta da mediocridade.

Galicia,este territorio habitado por eses non-seres, sub-homes cunha leira na cabeza, eses seres mesquiños chamados gallegos...

...Non é a morte esas recuas de homínidos que periodica e ritualmente votan e escollen entre eles os mais infames para que os destrúan?....Non son a morte esa rapazada de pelo repeiteado, agoniada por chegar a madrileños de terceira categoria?

.....

NOS DESEXAMOS A DESTRUCIÓN E ENTERRO DESTE MORTO, o voso alimento.

Somos partidarios da eutanasia e queremos unha morte digna para este indigno ser semivivo.

¡PROFANEMOS O PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES!

¡DERRUBEMOS A CASA- MUSEO DE ROSALÍA1

¡FAGAMOS CROQUETAS COA MOMIA DE CASTELAO!

¡REMATEMOS CON GALICIA E O GALLEGO!

KAMIKAZES."

Houbo outro texto, unha frase, que tamén foi incorporada á representación pois resumía dalgún xeito os motivos aducidos para non expresarse en galego:

"YO NO HABLO GALLEGO PORQUE NO ESTOY ACOSTUMBRADA"

Mentres dúas actrices repetían esta frase bebendo unha coca-cola había como fondo unha pintada na que podia lerse: GALIZA NOM É ESPANHA. APU.

Interesábame que o alumnado e o público, maiormente xove, que poidese ver o espectáculo reparase na ironía, na amargura e no pesimismo que o autor manifesta sobre a NOSA situación como colectivo. Procurábase pois unha certa provocación.

O espectáculo que titulamos "Apoteose do churrasco" tiña un formato que poderíamos definir performativo. Estruturado en oito escenas independentes, desenvolviase simultaneamente en oito escenarios diferentes polo que o público debía transitar dun espazo a outro. Estes escenarios poidemos ubicalos, nas diferentes representacións que fixemos, nos corredores dun centro de ensino, un multiusos, dentro dunha clase, nun salón de actos ou nunha rúa... E dada a disposición do espectáculo mesmo tivemos a oportunidade de presentar algunha das escenas, ou accións, dun xeito aillado.

O título de cada escena/acción foi o seguinte: Apoteose informática- W.C- -Kamikazes--Autodestrución-Homínidos--Será o futuro?--O alleado-Lixo.

Actuaron: Silvia Lorenzo, M.Mar Núñez, Leticia de la Campa, Luís Hernández, Mónica Broullón,Reyes González, Paula Chapela, M.Helga González, M. Yolanda Chapela, Carolina Docio, Sergio Casás, Anahí Álvarez, Rita Barros, Mónica Fernández, María Galiñanes, Ángeles Camaño, Lucía Bernárdez, Carolina Bernárdez, Cristina Rodal, Pascual Molares e José Calvar.

Ademais da actuación no IB. María Soliño, fomos convidados a participar na VI Mostra de Teatro organizada polo IB. San Tomé de Freixeiro de Vigo en abril de 1994 e tamén estivemos no IB de Coia e de Gondomar.

Agradecementos pola información recibida a: Pedro P.Riobó, Carlos del Valle, Celso Parada,Mari Carme Bacelar,Paula Chapela, Luís Hernández e Sergio Casás.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

---> continúa o vindeiro domingo

Compartir el artículo

stats