Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Sagrario Corral, mestra da Escola de Massó

Destinada desde Ourense, fíxose cargo da aula de nenas e foi moi querida e lembrada polas súas alumnas

Nesta imaxe con outras compañeiras no ano 1965

Sagrario Corral Ferreiro nace o 18 de outubro de 1914 no seo dunha familia de mestres, a súa avoa foi a primeira muller directora das escolas do Carballiño alá polo ano 1880.

Comeza a traballar aos 22 anos en Monterrei nunha escola na parroquia da Magdalena. Aquí, no ano 1946 a Banda do Foucellas, o derradeiro dos guerrilleiros galegos antifranquistas, asaltou a casa da familia coa que vivía. Eran anos moi difíciles, de moitas carencias onde a propia comida non era nada doada de conseguir.

O transporte a aquelas escolas tan apartadas realizábase en burro. Todo se soportaba grazas ao agarimo co que as xentes do lugar trataban aos mestres porque os soldos eran moi cativeiros e facíase verdade aquel refrán "pasas máis fame que un mestre de escola".

Daquela escola marcha destinada para Beariz (Ourense) e dende o ano 1952, que abren as Escolas do Padroado Massó, fíxose cargo da aula das nenas chegando a ter até 100 alumnas matriculadas. A organización da aula era moi diferente a hoxe. En ocasións as nenas maiores ocupábanse das máis pequenas mentres que as medianas lían en círculo, arredor da mesa da mestra, copiaban mostras dun libro (a caligrafía daquela era moi importante) ou repasaban os mapas. Eran uns dez ou doce mapas físicos e políticos moi grandes e a toda cor, que colgaban duns eixes de madeira e que se enrolaban na parte superior. "A min era o que máis me gustaba. Localizar países, capitais, cabos e golfos".

A escola ao ser de Padroado tiña a axuda do persoal da fábrica, tanto de carpinteiros, electricistas e demais traballadores que axudaban na construción e na reparación de pupitres, xanelas, portas, etc e tamén realizaban unha limpeza semanal a fondo.

. Asistían os fillos e fillas das mulleres da conserva e doutros empregados da fábrica.

Pequena cociña

Tiña un baño para os nenos e outro para as nenas e tamén un bebedeiro dos de pulsar para a auga. Tamén dispoñía dunha pequena cociña que se utilizaba para quentar o leite en po que proviña da axuda americana. Na nosa zona a axuda de leite, manteiga e queixo, chegaba do estado de Oregón. Moitas lembramos con nostalxia aqueles recreos co cheiro ao leite feito con auga fervendo e ao que cadaquén lle engadía o cacao que traía da casa envolto nun cachiño de papel.

Co paso dos anos as escolas de Massó dividíronse en tres seccións: Don Paco Gil Ambrosiani para os nenos, Dona Sagrario para as nenas e a señorita Montse para infantil.

Na Escola de Massó aprenderon a ler e a escribir os fillos dos empregados da fábrica e unha boa parte das persoas maiores que estaban traballando, pois poñían clases nocturnas. O horario de saída ampliábao dona Sagrario por vontade propia para axudar ao alumnado que necesitaba reforzos. A maiores aínda preparaba para facer a Primeira Comuñón e distribuía as huchas e os sobres entre o alumnado para pedir diñeiro para "os chinos" nas campañas do Domund.

Co andar dos anos estas escolas pecharon en 1974 o, Ao seguinte ano trasladáronse ao novo grupo escolar de San Roque en Darbo inaugurado coa presenza da canguesa Olga Fernández recen elexida Miss España.

Mostras de agarimo

Dona Sagrario Corral gozou coa súa profesión até o dia que chegou a súa xubilación. Recibiu moitas mostras de agarimo por parte de compañeiros, alumnado e da asociación de pais e nais. Até os derradeiros días de traballo recibiu cartas e visitas das súas antigas alumnas que demandaban consellos en relación ao traballo e á familia.

Está claro que as boas mestras e mestres, aínda xubilados, nunca deixan de selo. E o caso de dona Sagrario Corral. Foi unha mestra moi querida e lembrada polas súas alumnas. Faleceu no ano 2007. A súa gran paixón foron as nenas e a escola.

Compartir el artículo

stats