Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Moaña 1975-1985 (II)

Celso Parada monta o Grupo de Teatro de Moaña e a obra escollida foi "Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano"

Ensaio na Casa da Xuventude de "Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano". Juan Santomé e Maricarmen Eiroa. // Foto Xaime Boubeta

Recordando as palabras de Celso Parada pola fascinación que lle causou ver as veladas teatrais nas festas do Catecismo en San Martiño e impresión das montaxes vistas durante seu paso polo Seminario Menor de Santiago, que lle permitiu descubrir esa afección teatral de contar as cousas, con graza liberadora en tempos de prohibición. Motivos estes de abondo para enfocar a súa afección con gran satisfacción. Proba diso foron as participacións en crear grupos teatrais tanto no Instituto de Cangas ou no Ateneo de Moaña a partir do ano 1975, como xa comentamos anteriormente.

En 1977, Celso Parada vaise a universidade á Santiago, pero en ningún momento deixa a súa afección, e intenta montar o Grupo de Teatro de Moaña, basicamente formado pola mocidade da parroquia de Tirán. Aquí atopa a colaboración de Isabel Lorenzo, Beatriz Magdaleno, Nieves Parada, Pepe Santos, Alicia (de Vilela) e Olga, entre outros. A obra escollida era Falsa Morte e Certa Morte de Estoraque o Indiano de Eduardo Blanco Amor, na que tiveron moitos atrancos para poder ensaiala, pois só podían os fin de semana, cando Celso retornaba de Santiago. En principio ían ensaiar ao Ateneo pero tiveron que deixalo a fin de evitar problemas cos donos do inmoble. Despois foron onde podían: unhas veces en casas da Carrasqueira, outras nas do Camiño do Igrexario e outras situadas no propio Igrexario.

A pesares dos contratempos conseguiron finalizar a montaxe que a representaron en moitos puntos da xeografía galega entre 1977 e 1979. En Monteporreiro (Pontevedra) foi quizás unha das primeiras actuacións, para logo ser levada a Romaría de Bronlle en Meira, ao Ateneo Santa Cecilia de Marín, ou a un festival pro ASCÓN no cine Veiga e incluso ata Ferrol. Para solucionar o problema principal do aterezo, o pai de Alicia, carpinteiro de profesión, ideou un cadaleito desmontable e dobregado a fin de que coubese nos coches particulares de Manuel Álvarez e de Manuel P. Rúa, que eran os que máis axudaban no transporte. A pena que lle quedaron a estes actores e actrices de Tirán foi a de non poder representala na súa parroquia, concretamente na festa de Os Remedios, por negativa do párroco D. Manuel por considerar a obra unha blasfemia.

Ademais de Falsa morte e certa Morte... Nieves Parada e Beatriz Magdaleno formaron un dúo para representar en 1979, a curta titulada Unha Cousa pola Outra. O tema trataba de dúas veciñas, unha máis comenencieira que sempre engaiolaba a outra, ata que un día a máis coitada, cansa de tantos enganos, decide venderlle unha galiña coa peste, que emborralla con pemento moído para reavivarlle as cores. De certo que logra venderlla e para rematar a obra preguntándolle ao público.

A vós que vos parece!

Fixen ben ou fixen mal?

Si fixen mal perdoádeme!

E si fixen ben aplaudídeme!

Representaron a curta polo Primeiro de Maio en San Roque de Vigo e tamén no cine Prado. Aquí contan a anécdota de que ao final da representación, no momento preciso dos aplausos, a galiña saíu voando polo medio do público que enchía o cine.

A finais deste lustro temos dous acontecementos que se antollan fundamentais para o devir do mundo cultural moañés. Un, xa comentado, foi a baixa do Ateneo en 1978 nos rexistros oficiais de Pontevedra, tal como recollían os estatutos. E, a outra, foi o intento fallado da posta en escena da galardoada peza Morte Accidental dun Anarquista do escritor italiano Darío Fo, premio Nobel de Literatura en 1997.

Lembremos de novo que en 1977, Celso Parada marchara a estudar a Santiago e como lle gustaba tanto o teatro, amañouse para cobrar entradas ao salón de actos do vicerreitorado, e deste xeito puido mirar todo teatro que se facía por entón en Santiago. Alí chegou a admirar a primeira representación que se fixo en Galicia de Morte Accidental dun Anarquista, e gustoulle tanto que a quixo montar en Moaña. Para iso contou coa colaboración de Serafín Parcero Pérez, Manuel P. Rúa, Chelín Rodríguez Blanco e Jesús Cancelas Collazo. Os ensaios comezaron a facelos no Ateneo, pero unha vez clausurado, tiveron que ir á Casa da Xuventude, situado no barrio de A Martinga. Daquela, parte do elenco militaba no BN-PG e ao parecer a dirección da fronte nacionalista discrepaba coa montaxe da obra, ou máis ben formouse un problema semántico co título da mesma. Quizais fose este o detonante de discrepancias de maior calado. O resultado foi a expulsión de varios afiliados no Morrazo, entre eles Celso Parada e Manuel P. Rúa, pero iso non foi impedimento a seguir coa obra. De feito chegaron a desprazarse algún fin de semana a Santiago para ensaiar no piso que Jesús Cancelas alugara como estudante. Posiblemente a diáspora dos actores malograra o intento de finalizar a citada obra.

A dinámica de varios dos expulsados da coalición nacionalista, tivo consecuencias indirectas e directas na creación dunha alternativa cultural deixada polo Ateneo e de aí vaise a constituír a finais de 1979 a Agrupación Cultural Nós, xuntamente con antigos socios para pretender continuar coa mesma filosofía pero sen caer no erros cometidos na última etapa.

En canto a Romaría Popular de Bronlle sábese que levaron moitas obras teatrais das que se perderon case toda documentación e, de momento, so quedan memorizadas a de Os Vellos non deben namorarse (1975), Certa morte e falsa morte de Estoraque o Indiano (1978 e 1981) e Laídos para despois dunha guerra, estreada na propia carballeira en xullo de 1979 polo Grupo Matamoura de Coiro, comentada por Antón Lamapereira na crónica do Faro de Vigo do 31 de decembro pasado.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

---> continúa o vindeiro domingo

Compartir el artículo

stats