Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1975-1985 (VII)

O primeiro espectáculo do Taller da Escola Dramática Galega na vila foi "E vostede...como se chama", con varias pezas cortas

"E vostede... como se chama" no Taller da EDG de Cangas. // Arquivo autor

Elixido presidente da Escola Dramática Galega (E.D.G. )na terceira Asemblea Xeral, celebrada en xaneiro de 1980 en Coruña, sede central da cooperativa, viña desenvolvendo desde os meus destinos provisionais como profesor de Filosofía- en Ferrol primeiro e posteriormente en Cee- un copioso labor de recollida de información sobre as festas parateatrais. Na Coruña, o traballo sobre a parateatralidade fora prácticamente abandonado desde a saída da cooperativa de Joan Guisam. Alén disto exercía como dinamizador teatral e difusor do traballo da EDG.

En Cee, no curso 1980-1981, tiven a fortuna de coñecer a Manuel Vieites, profesor de inglés no entón Instituto de Formación Profesional Fernando Blanco, quen sería logo impulsor fervente da creación da Escola de Arte Dramática de Galicia da que na actualidade é director. Contaxiado tamén polo veleno do teatro, interesados e convencidos da fecunda relación entre teatro e ensino, emprenderiamos xuntos desde entón diferentes aventuras teatrais?

Unha das primeiras foi a organización dun obradoiro teatral no que participamos profesores de diferentes niveis educativos baixo a dirección de Alfredo Mantovani, pedagogo e animador teatral a quen eu coñecera nun curso organizado por Acción Educativa, Movimento Pedagóxico de Madrid. Resultado do curso foi unha actuación de rúa na que participou Pepa Barreiro, futura integrante do taller de Cangas da EDG e hoxe actriz profesional de Teatro de Ningures. Como se ve os fíos ían tecendo o futuro? Outra das actividades nas que participamos cun obradoiro de teatro foi na Universidade Popular de Corcubión organizada polo Concello sendo alcalde Rafael Mouzo Lago. Esta Universidade Popular trataba de suplir a través das súas actividades: cursos, conferencias, obradoiros, actuacións musicais, de títeres e proxeccions, a grande eiva educativa do sistema oficial. Na súa programación estaban outras persoas que se movían daquela dentro dos movimentos pedagóxicos de Galicia: Sabela Díaz Regueiro, Xurxo Torres,Manuel Sendón, Miguel Vázquez Freire etc..

Co traslado en setembro de 1981 ao Instituto da Guía de Vigo continuei co actividade en pro da Escola Dramática Galega. O feito de vivir na cidade olívica a máis poboada de Galicia e cunha importante tradición teatral: Xornadas e Mostra de Teatro, primeiros intentos de creación de Salas Estables: Sala Carral (1978), proxecto dun teatro estable galego presentado pola Agrupación de teatro Galego de Vigo integrada por Artello, Máscara 17, A Farándula, Escoitade, Saudade, Xiada e Alén Laboratorio - Cf. Faro de Vigo. Crónicas do Teatro no Morrazo do 6 e 13 de novembro 2016- impulsou o proxecto de descentralización creando unha Sección da EDG nesta cidade seguindo o esquema organizativo da sede matriz: Departamento de Dramáticas. Departamento de Didácticas e Departamento de Estudos Teatrais

Nesta altura utilizabamos un espazo compartido de danza na República Arxentina propiedade de Xulio González Lourenzo colaborador da EDG. Posteriormente os cursos impartiríanse na Universidade Popular na rúa García Barbón.

O Departamento de Didácticas programou un curso de Mimo a cargo do catalán Joam Ferreróns e outros en coordinación coa sede coruñesa.

Por outra banda, naqueles primeiros anos 80 comezaron a crearse no Estado Español diferentes Escolas Municipais de Teatro e a participación en nome da EDG nas xuntanzas da Secretaria Escolas e Talleres de Teatro da Administración Local (SETTAL) en Salamanca, Valladolid e Vitoria, levou a presentar no Concello de Vigo a posibilidade de crear unha Escola Municipal de Teatro. A resposta institucional a este proxecto facía referencia á necesidade de implicación doutros colectivos dramáticos vigueses - Máscara 17, Artello- que posteriormente presentou outro?- Como o acordo resultou imposible a proposta non foi atendida mais suxeriuse a posibilidade de que a EDG montase un curso na Universidade Popular. Desestimado o proxecto o Departamento de Didácticas organizou en colaboración coa Universidade Popular de febreiro a maio de 1983 un amplo curso coas seguintes materias e profesorado. Grupo Tanxarina "Obradoiro de títeres", Chelo Espinosa e Manuel Núñez "Expresión corporal", Xulio González "Pantomima" Manuel Conde (Interpretación) Xico Peña (Ritmo) Manuel Justo "O teatro de Valle Inclán" Chema Lamas "As festas parateatrais" e Bernardo Carpente "Dramática creativa". A pesar das dificultades de espazo a iniciativa recibiu unha acollida favorable. Aínda que a experiencia non puido ter continuidade no seguinte ano lectivo- a proposta presentada pola EDG reclamaba mellores condicións, que non foron satisfeitas- esta sección continuou a promover actividades divulgativas e de formación de persoas interesadas na arte escénica. En novembro de 1984 celebráronse en Vigo dous cursos organizados pola EDG co patrocinio da Dirección xeral de Cultura: o primeiro -do 5 ao 11- tivo lugar no Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e estivo a cargo de Antonio Malonda e o segundo na Universidade Popular acolleu entre o 12 e o 18 o impartido polo grupo Johannes Vardar que como veremos traballaría logo en Cangas.

En Estudos Teatrais: comezouse a edición dun Boletín de Información Teatral da EDG que completase a edición dos Cadernos da Escola Dramática Galega cunha información máis puntual da realidade do teatro galego: entrevistas inventario de grupos profesionais, afeccionados e escolares, bibliografía,etc?

E traballouse na investigación das festas parateatrais. Conferencias e traballo de campo xunto con Lamas Barbero- colaborador desde había anos coa EDG- na Residencia de Pensionistas de Vigo. Recolléronse testemuñas entre as persoas alí residentes sobre os carnavais e outras festividades coa finalidade de buscar as raíces da teatralidade na tradición popular: xestos, máscaras, textos, vestiario, accións? Un traballo interesantísimo que aprenderamos con Joam Guisán. Colaborouse ademais en varias edicións da Escola de Verán para ensinantes. E por suposto divulgábanse os Cadernos da EDG en cursos e por librerías de Vigo labor ista na que tamén colaborou Pepa Barreiro.

O Departamento de Dramáticas anunciaba en maio de 1983 a súa primeira posta en escena de cuxa dirección se encargaría Xulio González Lourenzo e para a que se contaba coa posible participación da formación musical Siniestro Total. O proxecto non foi finalmente adiante e houbo un segundo intento que nesta ocasión foille encargado a Joám Guisan quen fora membro fundador da EDG en Coruña mais que nese momento xa presentara a súa renuncia como membro da cooperativa. A proposta de montaxe era sobre textos do propio J. Guisan que posteriormente integrarían a súa peza "Teatro para se comer". O traballo iniciado non producíu ningún froito espectacular e unha sorte semellante correría unha tentativa posterior de Chelo Espinosa con "Quitatebras", de varios autores. Infelizmente por diferentes causas económicas e organizativas non foi posible durante este tempo poñer en pé o Departamento de Dramáticas.

Destino definitivo en Cangas

En outubro de 1983 con destino definitivo en Cangas como Profesor Agregado Numerario de Filosofía no Instituto de Bacharelato Mixto, entrei en contacto coa xente teatreira do Colectivo Múa. Se non lembro mal este encontro propiciouno o escultor César Lombera quen, como xa comentei na entrega anterior destas crónicas - Faro 15 xaneiro 2017- elaborara os cabezudos para o espectáculo de "Viva o duque, o noso amo". Polo demais, con César Lombera e Asun Rivero do Grupo de Animación Teatral Titirití participara nun espectáculo en Vigo en 1982 xunto con Xico de Cariño e Rosa Estévez.

Pois ben coa teima de activar o Departamento de Dramáticas propuxémoslle - escribo agora en segunda persoa do plural pois Manuel Vieites, a quen eu animara para que pedise destino en Vigo pois había "humus" teatral, foi un colaborador necesario neste afán- a Múa a creación dun Taller en Cangas da Escola Dramática Galega (Sección Vigo). O reto é recollido polo núcleo fundamental de Múa: Casilda Alfaro, os irmáns Pazos Varela e Carlos Soliño coas baixas razoables daqueles que non ían poder manter o ritmo de traballo. Ao grupo das catro persoas de Múa ímonos sumar Manuel Vieites, Xosefa Barreiro, Manoli Rivera e máis eu. Inmediatamente despois integraranse, Andrés Reboreda e Maite Campos quen rematara a súa carreira de Pedagoxía e coñecera a Manuel Vieites nun curso que il impartira nunha Semana de Educación organizada na Facultade de Pedagoxía en Compostela.

Únese aínda un grupo novo de actores e actrices nacidos desde o Teatro Estable do Instituto María Soliño, creado anos atrás polo actor Celso Parada (Lois Soaxe e Ricardo Soaxe, por exemplo). "Múa" aporta unha razoable estabilidade como Grupo e unha mínima estrutura material e económica, a EDG, a experiencia teatral e un nome recoñecido en toda Galicia e o Grupo do María Soliño, savia nova.

Con Johannes Vardar, Nómades do teatro dirixidos por Pino Capitani fixemos en Cangas un curso intensísimo na primavera de 1985. Un curso que nos marcou a tod@s coas técnicas e filosofía do teatro de Jerzy Grotowki, de Eugenio Barba e o teatro oriental.

Aprendemos e sentimos a necesidade da preparación física, do entrenamento, descubrimos as posibilidades de cada un, abríronse novas portas no camiño da formación actoral e no xeito de entender e facer teatro. Creouse entre nós unha nova sintonía de grupo.

Con estes folgos comezou o traballo do que sería o primeiro espectáculo do Taller de Cangas da Escola Dramática Galega, sección Vigo. O título: "E vostede? como se chama" que baixo a dirección de Manuel Vieites se estreou en novembro de 1985.

Estruturado en diferentes pezas cortas, adaptadas, de varios autores: Eugène Ionesco "A lición" traducido por Francisco Pillado Mayor, "Fando e Lis" de Fernando Arrabal, "As mans limpas" de Angel García Pintado" e outro texto baseado nunha banda deseñada. As transicións estaban resoltas cun traballo realizado con luz negra. No espectáculo, tinguido do teatro do absurdo e da crueldade, amosábanse atrevidas técnicas variadas e novidosas naquela altura en Galicia. e que percorre o país por medio dos "Circuitos Teatrais" recén inaugurados pola Consellería de Cultura.

Unha das actuación máis significativas para o grupo foi a actuación na Sala Luís Seoane de A Coruña onde o espectáculo foi moi ben acollido polo público en xeral e moi especialmente por membros da Escola Dramática Galega cos que conversamos con sumo interese por coñecer a súa valoración crítica. Se algo caracterizaba ao grupo neses momentos eran as súas ganas de aprender. Polo demais, ao estar concibido o espectáculo en sketchs, foi posible representar algúns deles por cafés ( Uff en Vigo, Canis Lupus en Cangas ou en Compostela, nun café agora desaparecido e do que non lembro o nome) establecendo deste xeito unha relación moi próxima co público.

O reparto de "E vostede? como se chama? estivo formado por: Casilda Alfaro, Maite Campos, Manoli Rivera, Pepa Barreiro, Carlos Soliño, Ricardo Soaxe, Xosé Manuel Pazos, Lois Soaxe e Antón Lamapereira.

Nos aspectos técnicos, a escenografía foi idea do escultor Alvaro de la Vega e da súa realización encargouse Gaspar Rivero. A luz e o son estiveron a cargo de Ricardo Conde e Andrés Reboreda; Sonia Rúa deseñou a maquillaxe e o vestiario en cuxa realización colaborou Rosita.

Agustín "Xa vou" era quen transportaba os focos e o material da escenografía na súa furgona.

Compartir el artículo

stats