Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

A escena política e social 1975-1985 (II)

Non podería comprenderse a aparición dos grupos do teatro no Morrazo nesta etapa fora da súa circunstancia política

Santiago Carrillo dándose a man co Rei Juan Carlos tras o golpe do 23-F. // EFE

Cambia lo superficial

cambia también lo profundo

cambia el modo de pensar

cambia todo en este mundo.

Cambia todo cambia

Cambia todo cambia

(Mercedes Sosa)

A morte de Franco o 20 de novembro de 1975 marcou o comezo da transición política desde a dictadura á democracia. Como é sabido, este proceso caracterizouse polo carácter pacífico das reformas e pola vontade das distintas forzas políticas de chegar a un consenso evitando calquera posible derramamento de sangue.

Aproveitando ó máximo as posibilidades legais do propio ordenamento xurídico franquista, o réxime vaise transformando de dictatorial en democrático e de unitario e centralista en autonómico.

As razóns deste drástico e rápido cambio hainas que buscar no desaxuste xeral entre as estructuras políticas, que se mantiñan prácticamente inamovibles dende décadas, e os cambios socio-económicos; no contexto xeral europeo, xa que eramos a única dictadura de Europa Occidental; na necesidade de cambios sentida por algunhas das propias elites franquistas e na organización e presión, cada día máis sólida e ampla das forzas de oposición.

Nun primeiro momento mantívose como presidente do Goberno a Carlos Arias Navarro co gallo de amortecer as tensións entre as propias faccións franquistas e os receos do "búnker". Tralo seu cese en xullo de 1976 e o comezo do gobernó de Adolfo Suárez o proceso de reforma controlada e pactada coa oposición emprendeu a súa verdadeira marcha imparable e irreversible. Uns meses despois coa legalización do Partido Comunista en abril de 1977- Sábado Santo Vermello-, a disolución do Movemento, o Sindicato Vertical e a ampliación da amnistía política, o Goberno de Suárez obtivo o aval da oposición para convocar eleccións xerais por sufraxio universal e democrático a Cortes Constituintes o 15 de xuño de 1977. En 1978 será aprobada a Constitución. A nova legalidade terá a súa orixe no principio da soberanía popular, a división de poderes do Estado, o recoñecemento dos dereitos civis individuais e a consulta electoral libre e democrática da cidadanía para a formación e sustitución de gobernos e parlamentos. Nada máis alleo ao rexime baseado nos poderes carismáticos dun caudillo providencial lexitimado pola victoria na guerra civil, que abominaba das supostamente trasnoitadas fórmulas liberal-democráticas e oufanabase de que "en España no hay división de Poderes, son unidad de mando y de dirección, y, bajo ella, orden y jerarquía".

O mito dda transición

Non son estas crónicas a ocasión propicia para analizar se a transición da dictadura franquista a unha democracia liberal foi a única posible, se foi a mellor opción a reforma que a ruptura. Maxime cando esta transición ten o seu propio mito fundacional na propia transición e como tal mito queren mantelo como exemplar e exportable.

1975-2016 , pasaron 41 anos desde a morte de Franco. Chegou a hora de substituir a amnesia pola memoria, o esquecemento conveniente polo recordo irrenunciable. Compre xa que logo dicir, cargados de razón, que no proceso de reconciliación de esas dúas Españas, no que a esquerda foi extraordinariamente xenerosa - non houbo vinganzas, non se lle tocou un pelo da roupa nin da conta corrente dos que tiveran o poder, os franquistas foron amnistiados sen necesidade de leis de amnistía- nese proceso sacrificouse a memoria. Hai que lembrar que ese suposto consenso non era entre iguais xa que os herdeiros dos vencedores o tiñan case todo -incluindo o control dos aparatos do Estado e da maioría dos medios de información e persuasión- mentres que os herdeiros dos vencidos saían do cárcere, da clandestinidade ou voltaban do exilio. Non podía haber maior desequilibrio de forzas. E a Constitución reflectíu este desequilibrio.

Non necesitamos outra transición, resultado doutro contexto político, cunha correlación de forzas distinta e máis equilibrada que a que tivo lugar na primeira transición?

A transición en Galicia

En Galicia a diferencia de Catalunya e País Vasco, tamén Comunidades históricas que aprobaran o seus Estatutos na República, no proceso autonómico posterior á morte de Franco non se contou cos políticos exiliados. Se a Catalunya regresou Tarradellas e ó País Vasco Leizaola, a Galicia non regresou aquel político que foi Antón Alonso Ríos, o derradeiro representante do Consello de Galiza no exilio.

Quen isto asina tentou saber que motivos habería para que Antón Alonso Ríos non voltase de exilio arxentino e até agora non atopou unha resposta. Sobre todo porque o último representante do Consello de Galiza fora diputado agrario nas Cortes de 1936 e impulsor do Estatuto de Autonomía aprobado co 99,24% dos votos en plebiscito o 28 de xuño dese mesmo ano. Polo demais esta curiosidade levou ao cronista a indagar na vida de Antón Alonso e quedou abraiado ao saber que andivera fuxido durante tres duros anos esmolando e traballando de xornaleiro polo sur de Galicia agochado baixo o personaxe de Afranio do Amarala- Siñor Afranio- atá que conseguíu embarcar desde Portugal para Arxentina. Alí morreu en 1980, con 93 anos, tirándose baixo un tren? Un final paradóxico para un home ao que tanto lle custou vivir.

Pois ben en Galicia a transición estivo nas mans dun falanxista reciclado. A nosa nacionalidade histórica, así recoñecida pola Constitución democrática, vai estar presidida na etapa preautonómica por Antonio Rosón Pérez que era naquel tempo a encarnación do gran cacique. País, país!

Durante este periodo, os intereses de partido das diferentes forzas políticas galegas impediron que se lograra constituir unha plataforma conxunta en defensa dos intereses autonómicos. Esta situación dificultou e atrasou o proceso estatuario.

En 1976 as forzas políticas de carácter estatal e as esquerdas non nacionalistas foron integrándose en sucesivas organizacións: primero foi a Xunta Democrática (nacida oficialmente a comezos de ano en Vigo), logo a Taboa Democrática (xullo) e por último a Plataxunta (outubro) Os acordos quedaron recollidos nun documento conxunto enviado ó Goberno de Adolfo Suárez no que se formulaban as peticións democráticas: como a legalización simultánea de tódalas forzas políticas e sindicais, o recoñecemento e práctica das liberdades de reunión, asociación e expresión, a aplicación dos Estatutos de Autonomía e Gobernos Provisorios en Galicia, Catalunya e Euskadi e que a soberanía popular decidiría por referendo a forma do Estado? ó tempo que se facía un chamamento ás organizacións do Consello de Forzas Política Galegas. Este documento estaba asinado polo: PSPG, PSOE, ORT, PTG, UGT, USO, CCOO, PCG.

As forzas nacionalistas

Tamén a comezos de 1976, as máis significativas forzas políticas de carácter nacionalista agrupáronse no Consello de Forzas Políticas Galegas (UPG, PSG) ó que se sumaron formacións minoritarias (Partido Carlista, Partido Galego Social Demócrata, Movemento Comunista de Galcia) e algúns partidos galeguistas de centro-dereita (Partido Popular Galego, Partido Galego Independente). A tensión entre forzas tan dispares fixo que a principal formación, a UPG abandonase o Consello en outubro de 1976 considerándose a si mesma a única forza política auténticamente representativa do nacionalismo galego. Froito da unión da UPG coa ANPG nacía o Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG) do que- tralo fracaso electoral das eleccións xerais de 1977 - segregouse unha parte de carácter menos dogmático e máis posibilista creándose en 1979 o POG (Partido Obreiro Galego).

O Estatuto foi aprobado por referendo do pobo galego o 21 de decembro de 1980. Tódalas forzas políticas solicitaron o voto afirmativo , agás o BN-PG que pedía o Non e o POG (Partido Obreiro Galego)que recomendaba a abstención. Tralo maioritario SI cun 73,35 % fronte ao 19,77% NON pero cunha moi escasa participación cidadá dun 28% , o Estatuto de Autonomía foi ratificado polas Cortes o 17 de febrero de 1981.

Como dato curioso No referendo para o Estatuto de Autonomía de Catalunya o 25 de outubro de 1979 a participación foi do 59,6% e no celebrado pola mesma data para o Estatuto do País Vasco a participación foi do 58,85%.

Que ten que ver toda esta historia co "teatro no morrazo"? pode preguntarse alguén. Pois moito e en diferentes sentidos. Non sería posible comprender a aparición dos grupos de teatro que irán xurdindo neste periodo no Morrazo fóra destas circunstancias políticas. Lembremos que os "frontes culturais" e diferentes asociacións que alentaron o teatro e a cultura en xeral fronte a barbarie franquista, foron promovidas dalgún xeito por partidos políticos primeiro clandestinos e logo legalizados. E sempre cun denominador común: a defensa e promoción da lingua galega fronte á agresión de "Hable bien, sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero, que usted hable nuestro idioma oficial, o sea el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino. !Arriba España!" ( texto espallado polas rúas galegas en 1955 )

Ademais algunhas das persoas claves: Celso Parada, Pedro Pablo Riobó , Xosé Manuel Pazos Varela? que estimularon e integraron os grupos de teatro protagonistas destas crónicas foron militantes ou simpatizantes de organizacións políticas - ERGA, UPG, ANPG- opostas ao franquismo e que loitaron pola democracia e a liberdade. Xunto con outr@s, viviron, vivimos, aquela época con paixón e entrega, con afouteza e medo. E isa forma de vivir marcounos para sempre.

E xa para rematar con esta argumentación, dicir que as diverxencias políticas e ideolóxicas levaron -como xa comentamos no seu momento (Faro de Vigo 19 xuño 2016)- a diferentes conflictos "teatrais" e o mesmo acontecerá no grupo de teatro da Asociación Cultural Entrudio de Coiro coa elección dun texto para representar?

Mais isto non toca agora. Será en próximas entregas.

Compartir el artículo

stats