Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roi Casal: "Cumprimos o soño de Neira Vilas de celebrar a unión de Galicia e Cuba":

Presenta esta noite no palco de Moaña o seu espectáculo "Son galego, son cubano"

Roi Casal gravou o libro-disco en marzo no estudio de Pablo Milanés na Habana.

Músico, compositor e cantante, Roi Casal (Catoira, 1980) presenta hoxe en Moaña o seu espectáculo "Son galego, son cubano". Con letras de Neira Vilas, ao que homenaxea, encherá o palco da música (22.30 horas) con ritmos moi diferentes aos que nos ten acostumados coa súa arpa. Trátase dunha actuación organizada polo Concello e patrocinada pola Deputación.

-En que consiste o espectáculo "Son galego, son cubano"?

-Pois leva fraguándose os dous últimos anos e empezou como unha idea de Xosé Neira Vilas e miña á volta dunha xira que fixen eu por Latinoamérica. Durante a entrega dun premio en Cuba me propuxeron facer un traballo que puxera en valor a relación que hai entre Galicia e Cuba, que ten máis de 150 anos. Neira Vilas se ofrece a asesorarme do que faga falta e a escribirme incluso as letras. Pouco a pouco o proxecto foi gañando dimensión. Cos textos de Neira Vilas. Se lle incorporou tamén un documental e os videoclips que se están gravando.

-Neira Vilas volcouse co proxecto entón?

-Si. E conta nos textos historias moi bonitas das relacións entre Galicia e Cuba. Non somentes o que xa se coñece como pode ser a interpretación do Himno Galego ou a bandeira. Senón tamén de historias incribles de mariñeiros galegos. Se acabaron sumando moitos músicos como Pablo Milanés. En marzo estivemos gravando durante un mes co mellor de Cuba. Un disco exuberante de música para bailar.

-É unha música distinta á que ten acostumado ao seu público. Que acollida está a ter en Galicia?

-Unha acollida incrible con máis de 5.000 persoas en cada concerto, despois de estrear en maio na Habana, no gran teatro. Onde Neira Vilas quería que estrearamos e onde se estreou hai 100 anos o Himno Galego. Nese gran teatro enchemos nos dous pases.

-Ten que ser moi emocionante encher ese espazo na capital de Cuba.

-Si, sobre todo porque cumpriamos o desexo de Neira Vilas. O goberno cubano entendeu que era un proxecto de categoría e por iso estreamos alí. "Son galego, son cubano" hai tempo que deixou de ser un espectáculo de Roi Casal e Neira Vilas exclusivamente para convertirse no proxecto de dous países: Galicia e Cuba. E parece que así o entenderon tanto o público xeneralista como as autoridades dos dous países. En Cuba se emitiu en directo para toda a illa e aquí se vai emitir na TVG tamén.

-A xira deste espectáculo é unha homenaxe a Neira Vilas.

-Claro. El faleceu pouco antes de que este proxecto empezase a facerse realidade. É unha xira homenaxe a Neira Vilas, á emigración galega en Cuba e a emigración en xeral. Neira faleceu en novembro e foi un pau moi duro para todos. Deixara feita toda a súa parte, dende as letras das cancións ata o texto do libro ou a súa foto da portada do libro-disco. Todo o mundo di que foi case o seu epílogo, porque el viviu en Cuba 31 anos e sempre quixo un proxecto así, que relacionara Cuba e Galicia. A súa traxectoria vital representa a viaxe de miles de personas.

-É o segundo ano consecutivo que actúa en Moaña.

-O ano pasado actuei no Festival Intercéltico co meu espectáculo habitual. Este ano non veño co meu espectáculo habitual. Ademais en Moaña me sinto como na casa. Se hai unha localidade en Galicia no que me sita querido é en Moaña. Sempre que estreamos un espectáculo novo me chaman inmediatamente. Ademais, a modo de anécdota frívola, temos un clube de seguidores en Facebook e a presidenta é de Moaña.

-Cantos músicos actuarán esta noite no palco moañés.

-Somos 12 músicos no escenario. Este é, sen ningunha dúbida, o espectáculo máis grande da miña carreira. Pola dimensión, pola cantidade de discos que se venden e pola penetración que está tendo nos dous países. Trata a emigración dende unha perspectiva máis optimista, con exuberancia e música alegre. Celebrando a unión de dous países.

Compartir el artículo

stats