Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Destruír, din

Os actores cumpriron co seu papel; o público entrou no espectáculo e riu

Os actores de "Tête de Pioche" no auditorio de Cangas. // Gonzalo N.

Un obreiro que respecta as normas e se alía co poder e outro que trata de zafar e vivir a vida sen preocupase en absoluto do traballo. O público, obviamente, ponse de parte do segundo. É escatolóxico, chocalleiro e ordinario, pero conta coa vantaxe de saír indemne do seu desacato ás regras, da súa transgresión da orde establecida. Ese é o seu atractivo, aínda que insulte, ameace e reparta algún que outro golpe entre os espectadores.

A súa forma de gañar as risas do público non é especialmente sutil: o repertorio vai do ordinario ao fácil sen matices. Pero ese é o xogo: un ensaio de liberación que dea paso aos baixos instintos que todos reprimimos en aras da convivencia e que, non obstante, desexaríamos desbloquear en certas ocasións. A figura do clown é unha recreación do demo, e todos levamos un demo dentro que, de cando en vez, pide paso.

O contraste entre as dúas actitudes é o que permite que o humor branco exhiba un pico de mordacidade: os protagonistas personifican o que facemos e o que nos gustaría facer. Non se trata dese humor do pallaso impregnado de melancolía, senón de mala uva en estado puro, de avidez destrutora. Que a obra estea ambientada no mundo da construción non é de todo inocente: a catarse que anhelamos comeza sempre polo traballo asalariado.

O espectador recibe esa tensión cómica que se dá cando se cumpren as nosas previsións: sabemos que o capataz vai caer da estada e é a espera desa caída a que provoca a risa. Non esperamos que prevaleza o sentido común, senón que a catástrofe se materialice diante dos nosos ollos.

Os gags poden non ser novos porque o que importa é que o desenlace se manteña dentro da tradición. A clave está no acerto do ritmo, da expresividade dos xestos, da harmonización dos movementos entre os personaxes. E, claro, de que o golpe apareza no momento oportuno: que se consume a infracción do código de comportamento educado.

Nese sentido, o espectáculo ten a vantaxe de que acepta case todo o que se lle queira engadir: improvisacións, apelacións ao público, pantomima? E os actores botaron man de todos os recursos que o decorrer da representación lles foi deparando. Quizais quedaron algo curtos nese afán de demolición: xa postos a ser irrespectuosos coa norma, sobran as deferencias coa audiencia. En todo caso, cumpriron co seu papel. O público da Mostra entrou inmediatamente no espectáculo e riu e ovacionou cada un dos despropósitos dos protagonistas: a maior loucura, máis gargalladas. Talvez as ganas de desobedecer sexan maiores do que habitualmente cremos.

(*) Crítico teatral

Compartir el artículo

stats