Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Bueu 1960-1975 (I)

O teatro afeccionado xira en torno a "Acción Católica" con funcións baixo a dirección do capelán de San Xosé, Jaime García

O teatro en Bueu 1960-1975 (I)

A actividade de teatro afeccionado dos anos sesenta do s. XX en Bueu bebe da man da 'Acción Católica' con funcións teatrais organizadas baixo a dirección do capelán da igrexa de San Xosé, D. Jaime García Rodríguez (logo gozou de gran predicamento como cóengo en Santiago e delegado episcopal de Peregrinacións). Con el representáranse polo menos tres obras, da serie Teatro Moral, como o xoguete cómico dun acto e prosa arranxado do francés por Nonato Ovejuna Inia titulado "Hambre atrasada" na que actuaban os rapaces Eugenio Otero Freire, Agustín Gutiérrez Estévez, Savador Gelpí, Orencio Riobó, Gonzalo Calviño Vidal,...

O testemuño na actividade cultural tómao a Agrupación San Xosé que dirixía o seu fundador D. José Pena Collazo. Un exemplo do tipo de veladas ofertadas por esta Agrupación témolo o sábado 21 de decembro de 1963, no cine Avenida, neste caso co-organizada pola 'Acción Católica' parroquial coa finalidade de recadar fondos para o Corpus seguinte. Puxeron en escena a zarzuela "La estatua de Pablo Anchoa",obra que xa fora representada había 35 anos nun local da parroquia de Beluso, interpretada por Diz (Pablo Anchoa), Braulio Calviño (Alcalde), Manuel Cordero (Escultor), Berto Barreiro (Municipal), os irmáns Chapela. etc. Os decorados foran pintados por Deolindo Alfonso Delgado. Tamén actuou o coro S. Xosé acompañado ao acordeón por Julio Villanueva Pousada. Os máis rapaces representaron e cantaron unha pequena obra titulada "Los Monaguillos",na que actuaron Fernando Otero, José Manuel Gómez, Manuel Agulla e outros. Logo houbo un concerto da mesma coral interpretando diversas cancións de famosos compositores Palestrina, Perossi, Arcadelt, etc. Tamén actuaron os Coros e Danzas da Sección Feminina e un grupo de nenos escenificaron diversas cancións.

Posteriormente repetiron o Festival no Salón Guerra de Beluso.

Dende este ano 1963 e ata primeiros dos setenta a mesma Agrupación deu en organizar, o primeiro ou segundo sábado do mes de agosto, un Festival na esplanada da Capela San Xosé na honra dos veraneantes.

Algunha vez desprazáronse aos pobos da contorna como cando actuaron en Moaña, pobo natal do director José Pena, o día de Nadal de 1964 no festival benéfico en favor dos familiares do pesqueiro Centoleira que naufragara na ría ese ano.

Na parroquia de Beluso, na primavera do 1964, hai constancia dunha velada celebrada no local da Casa do Pobo que por esas datas estaba a ser utilizado pola igrexa para actividades parroquiais. Unha destas actuacións comezou coa "fantástica recitación de Ángel Ferreira, coñecido como 'Lito o Portugués'do poema "El borracho y el eco" de Francisco Añón".

"Noche oscura y tenebrosa

Tan achispado iba Antón

Que cayó de un tropezón

En la senda borrascosa

Lanzó un recio juramento

Diciendo: ¿quién se cayó?

Y en la pared del convento

Resonó el eco;

-YOOOOOOOO?

.............................."

Continuou o acto coa obra cómica "6 retratos, 3 pesetas" onde o papel de fotógrafo foi interpretado por José Ramón Álvarez Calleja 'Anguián" e a dirección correu a cargo de Carlos Fraga.

Ao ano seguinte a comisión das festas de Beluso, presidida por José Casaleiro Domínguez e estando como secretario José Estévez, decide organizar unha velada teatral no salón Guerra para recadar fondos para a mesma. Desta velada aínda perduran na memoria de algúns o ben que recitaba Carlos Fraga aquel "Airiños, airiños aires" ou a actuación da coral cantando o "Himno de San Campio" ou da obra teatral na que un xuíz, José Estévez Porto, era o protagonista acompañado doutros actores coma José López Ferradás "Pallal", Emilio Portela, Luz Portela, Cruz.

Compartir el artículo

stats