A aldea de Meiro xa está de celebración. Dende onte está en marcha unha nova edición do Encontro-Degustación do Millo Corvo. E non é calquera: con esta xa van dezaoito primaveiras, co cal esta cita considerada como Festa de Interese Turística de Galicia acada xa a súa maioría de idade.

Aínda que para ser máis exactos onte a festa comezou no entorno do Canudo, un entorno moi preto de Meiro e Trasouto e onde se atopa o muíño da Presa. Este é un lugar fundamental porque é onde se moe o gran do millo para obter a fariña coa que se farán as empanadas e o pan. Aquí tamén radica en parte a explicación de porque esta festa se fixo sempre a estas alturas do ano e non no verán, como outras moitas festas gastronómicas. "A recuperación do millo corvo implica tamén a súa moenda no muíño de auga. Agora é cando o río baixa con auga suficiente para poder moer o gran", explican dende a Asociación Cultural Meiro.

Nesta ocasión a colleita do millo corvo procede das fincas de Agrosouto e Barreiros e foi un ano bastante bo, sen a molesta presenza do xabarín. A muiñada de onte comezou a iso das seis da tarde e a festa prolongouse ata ben entrada a noite porque cando marchou o sol chegou a música da man dos Demos do Buraco. Previamente tivo lugar un obradoiro de follaco, no que unha artesán invitada pola Asociación Cultural Meiro explicou e amosou como facer cestos ou sombreiros coa folla do millo. O fin de festa, amáis da música dos Demos do Buraco, contou coa tradicional queimada. A encargada de ler o esconxuro foi Mari Luz, unha das integrantes da asociación.

O Encontro Degustación do Millo Corvo trásladase hoxe ao recinto da Morada, na aldea de Meiro. A partir das 11.30 horas abrirá a ecotaberna, onde se poderán adquirir empanadas, pan e os ovos fritidos con pan de millo. Todo un manxar que nada ten que envidiar a un menún dun restaurante con estrelas de Michelín. Ao mesmo tempo que a ecotaberna abre a exposición e venda de alimentos e produtos naturais e orgánicos. Tamén ás 11.30 horas sairá un roteiro guiado por Carlos Sánchez para coñecer as plantas silvestres do entorno.