Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Bueu 1900-1960 (I)

O historiador Arturo Sánchez Cidrás fai constancia documental da labor teatral neste municipio

Un dos antigos anfiteatros romanos na Península Ibérica.

Cando comeza a actividade teatral no concello de Bueu? Quen son os promotores, responsábeis, benfeitores,... da mesma? Quen conforma os grupos de Teatro e Declamación? Que tipo de obras representaron? Cal era o grao de participación da xente nestes actos? ...

A esta e outras preguntas arredor da actividade teatral do concello de Bueu tentaremos darlle resposta nestes artigos. Respostas que, algunhas delas, puideran, por afinidade social e cultural, seren extrapoladas aos concellos da contorna e quizais moitas delas evocarían á súa vez outras preguntas que de poñelas na boca dos protagonistas derivarían con moita probabilidade en enfrontamentos dialécticos a semellanza dos Razoamentos Xusto e Inxusto de 'As nubes' de Aristófanes. Nós non entraremos en debate senón máis ben tentaremos ser expositores dunha actividade lúdico-cultural que ao longo do século XX deleitaba a unha poboación desexosa de vivir outras vidas ou simplemente de evadirse ao través das historias interpretadas por outros. Coma moito interviremos dando unhas pequenas e case que diluídas pinceladas ao decorado do teatro en Bueu.

Non fai falta remontarse á época clásica da antiga Grecia, e posteriormente Roma, para ver o arte dramático coma un elemento importante de cultura e goce social. Mesmo se damos un grande salto no tempo e nos achegamos á época da reconstrución da antiga igrexa románica de Santiago de Ermelo (s. XII) veríamos que por esas datas o papado tentaba abolir as representacións e espectáculos teatrais que como costume inmemorial víñanse celebrando polas festas relixiosas nos mesmos templos e nos que moitas veces o clérigos participaban coma actores mesturando os misterios relixiosos cós praceres e miserias humanas. Polo que non é de estrañar que o papa Inocencio III chegara a prohibir aos curas participar neste tipo de farsas introducidas nas representación sagradas.

Esta idea fíxolle escribir a EugenioOchoa no seu tratado sobre a historia do teatro "Tesoro del teatro español" (1838): "As festas eclesiásticas foron, en efecto, as que deron ocasións aos nosos primeiros ensaios na arte escénica. Os individuos dos cabidos foron os nosos primeiros actores..." Ao que teríamos que engadirlle: Con permiso dos actores que actuaron ao longo de séculos na máis da decena de grandes teatros da Hispania romana...!

No caso de Bueu o illamento territorial permitiu a autoxestión da actividade cultural lúdico-creativa no que, ao igual que noutros pobos da contorna, o teatro afeccionado serve, coma un instrumento máis, para rachar ese estar afastado de actividades de entretemento de vilas, no noso caso como Pontevedra ou Vigo, cunha estrutura cultural máis estábel.

1900 - 1919

Con anterioridade a 1900 non hai constancia documental de labor teatral no concello de Bueu. Pero iso non indica que non houbera tal actividade, máis ben dedúcese todo o contrario ao estudar o tratamento que ten esta cando aparece por vez primeiras nos medios de comunicación, como a prensa local "La voz de Bueu" (1904-1906). O fai cunha viveza descritiva que denota tradición e continuidade non só nas persoas que dirixían aos grupos senón na variedade de locais onde se representaba: Salón Paraíso, salón do Sr. Pardo, de Antonio Domínguez, Atador do Sr. Bolíbar, Círculo Mercantil, Recreo Gimnasio de Artesanos de Bueu, etc.

Serían estes inicios do século XX cando a profesora Matilde Bares Giráldez colle a batuta organizativa destes eventos e comeza a súa importantísima labor de promotora, directora, coordinadora, etc. dun grande número de funcións teatrais, actos de declamación, pequenos concertos musicais... Polo que non é de estrañar que a primeira referencia documentada, primaveira do 1904, dun evento teatral en Bueu a teña como promotora-directora e, para máis novidade, dunha pequena obra en lingua galega do escritor e xornalista Javier Valcarce Ocampo titulada "Miña sogra no inferno". Desta obra só coñecemos que o papel do protagonista "Gregorio Cachamuzas" o representou José López Díaz "O Forneiro", personaxe que chegaría a ser o primeiro presidente da SD Bueu, segundo propietario que tivo o cine Victoria de Bueu... Esta obra con algunha outra son excepcións en canto á utilización do idioma galego polo menos ata principio dos anos 80 do século pasado período no que comezou a notarse un xiro de achegamento ao noso idioma.

Nese mesmo mes de abril de 1904 houbo a representación, neste caso no salón do Sr. Pardo, dunha comedia en cinco actos titulada "El pelo de la dehesa", do comediógrafo e escritor Manuel Bretón de los Herreros. Todos os actores eran afeccionados locais coma Pura Galup, Benito Pardiñas... Nos entreactos tamén actuou unha rolda de Bueu dirixida por Eugenio Carballo.

Con algunha incorporación, como o que sería alcalde de Bueu e Presidente da Deputación Provincial D. Ramón Domínguez pero practicamente co mesmo elenco de actores, no mes de maiorepreséntase a segunda parte de "El pelo de la dehesa" co título "Don Frutos en Belchite", de Bretón de los Herreros e, para completar o acto, outras pequenas obras.

No mes de xuño, e no mesmo salón do Sr. Pardo, actuou o primeiro grupo profesional foráneo do que temos constancia documental. Da que só sabemos que era unha compañía dramática e que estaba dirixida polo tamén actor Antonio Sánchez Palma.

Tamén houbo veladas de zarzuela, que por ser un xénero que combina declamación, cantos e partes instrumentais atraía a moita xente (como ocorreu en 1916 do xoves 18 de xaneiro ata domingo 21 que se esgotaron as entradas no Círculo Mercantil). Puxérase en escena "El Puñao de Rosas", "La reina Mora" e o "Pobre Valbuena", recibindo merecidos aplausos as señoritas Rubio, Millagrasa e León e os señores Artiaga, Presilla, Ibáñez" (estes dous últimos eran os directores).

Das dúas primeiras décadas do s. XX non temos moitas referencias máis agás dunha pequena recensión de José Mª Estévez que sinala que "no atador da casa Bolíbar houbo funcións por afeccionados".

Tamén por estas datas habería que mencionar a unha nena que comezaba a despuntar coma 'canzonetista" e que chegou a ser un referente na canción e no teatro bueuense ao longo de varias décadas, refírome á coñecida en Bueu coma Lolita Pais.

É de supoñer que en paralelo á actividade interna de grupos afeccionados segue a haber unha actividade 'esporádica' de compañías ambulantes que viñan de fóra. Pauta que se repite e se constata ao longo doutros períodos posteriores.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

Compartir el artículo

stats