Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Ruth Matilda Anderson, fotógrafa americana

Viaxou a Galicia en1924 por encargo do filántropo Milton Huntington para recoller 5.000 fotografías e visitou Cangas

Café Cosmopolita e Capela do Hospital. 1920.

A fotógrafa estadounidense desembarcou no porto de Vigo na mañá do 7 de agosto de 1924 acompañada do seu pai, o tamén fotógrafo Alfred Theodore Anderson. Trouxeron con eles moitas cámaras e moito material fotográfico e traballaron con moitas dificultades tanto ao fotografar coma no procesado dos negativos. Durante 13 meses, até o 28 de agosto de 1925, percorreron as nosas vilas e cidades a cabalo, a pé ou en carriola para cumprir coa misión encargada pola Hispanic Society of America.

Ruth Matilda Anderson mostrou interese pola nosa cultura e traduciu textos de Rosalía e dos poetas medievais ao inglés. Nunha segunda viaxe tomou 2.800 fotos de costumes rurais na procura do máis típico e mercou preto de 3.000 fotos a fotógrafos locais.

No texto titulado "A guerra dos aparellos no mar das sardiñas" a fotógrafa narra a súa visita a Cangas: "Entre as sesións de laboratorio e as xiras polas festas do verán decidimos visitar Cangas, que está na banda norte da Ría de Vigo. Dende a nosa galería non podiamos ver a vila por mor dos tellados, pero desde a ribeira aparecía coma un trazo branco entre o esmeralda e augamariña da ría. Para irmos tiñamos que coller o vapor desde o Berbés. No peirao ían e viñan mariñeiros cos pés descalzos, pantalóns de pana e camisas de todas as cores posibles. (...) Fixemos a travesía da Ría practicamente sos no departamento de primeira clase, cos billetes verdes do vapor ben amarrados para que non os levase o vento. As peixeiras que ían noutro departamento do barco empezaron a saír segundo chegabamos. No extremo máis oriental da vila salientaba un gran edificio branco con moitas xanelas. Era unha das corenta fábricas de conservas da Ría de Vigo. Así que o vapor comezou a manobra de atraque, as peixeiras comezaron a abrirse paso e ocupaban practicamente todo a borda coas súas figuras rexas e fortes".

"No camiño da beiramar demos cun home e unha muller que conducían cadanseu carro de bois cargados de redes que levaban á praia para secar. (...) Achegámonos ao Café Cosmopolita que estaba encol da praia. Sentamos na terraza cun patrón e co rapaz que nos axudaba coas cámaras. (...) O patrón pegou un grolo da súa cervexa e comezou a falar: "Así que lles interesa saber como traballan os nosos mariñeiros. Pois agora llelo explico: -Houbo un tempo no que nesta ría nunca faltaba a sardiña. Agora marchou e hai que ir atrás dos bancos á costa de Portugal, a sardiña escapou para alá por causa da dinamita. (...) Pedimos outra rolda de cervexa e cafés e o patrón seguiu co seu monólogo. De mozo eu fun nunha traíña a remos pero agora pescamos a vapor. Fomos os primeiros que tiramos con esa escravitude dos remos . (...) Daquela o único aparello que se utilizaba era o xeito que resultaba barato, pequeno de tamaño e duraba toda a vida. (...) en Cangas eramos todos xeiteiros e nese arte eramos o primeiro porto de sardiñas da Ría de Vigo, así que declaramos a guerra ao cerco".

Despois da conversa no Café Cosmopolitan, pai e filla fan fotos na Ribeira de Cangas e collen camiño de Moaña. Fotografan un estaleiro de Domaio, pasan logo a Marín e seguen o seu labor para encherse de imaxes daquela "pequena terra máxica". O que Ruth Matilda Anderson captura coa súa cámara é o universo rural de Galicia dos anos 20, das clases menos favorecidas e dos elementos máis enxebres e exóticos para o ollo do espectador que verá as imaxes na Nova York: tecedeiras, redeiras, aldeáns, mulleres que carrexan algas para estercar, nenas leiteiras son algunhas das temáticas.

Naqueles anos 20 o catalán Pelayo Mas e o alemán Otto Wunderlich percorreran tamén a provincia de Pontevedra para converter as fotos das praias de Sanxenxo, Bueu ou Cangas en símbolos turísticos. Outros viaxeiros da luz que nos visitaron (Borrow, Ford, Meakin, Bell ou Walter Wood) achegáronse á nosa terra nas súas andainas. Outros como Thomson documentaron aspectos concretos como o baleirado do Pórtico da Gloria para a réplica do Victoria and Albert Museum de Londres. Entre todos eles destaca o importante traballo de compilación de fotografías da Galicia de Ruth Matilde Anderson Ela deixounos unha visión que compón o maior cadro fotográfico coñecido sobre Galicia do seu tempo: Unha mirada de antano!

(*) Membros da Cepa

BIBLIOGRAFÍA

Ruth M. Anderson: "Pontevedra and La Coruña. Gallegan provinces of Spain". New York, 1939

A GUERRA DOS APARELLOS NO MAR DAS SARDIÑAS, artigo publicado no caderno Galiza na ollada dos viaxeiros. A Nosa Terra. 1989

Ruth M. Anderson: Fotografías de Galicia 1924- 1926. The Spanish Society of America. Xunta de Galicia.1998

Sandra Sider: "Ruth Matilda Anderson, esbozo biográfico". 1998

J.L. Cabo: "O proxecto galego de Ruth Matilda Anderson". 1998

Compartir el artículo

stats