Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Os do Anguieiro, mártires da liberdade

O vindeiro verán cúmprense 80 anos do asasinato de once veciños por parte de pistoleiros falanxistas

Antonio Ferreiro

A primavera de 1936, aquel tempo de loitas e de soños, rematou pronto. Aos mariñeiros e aos canteiros de Cangas, ás atadeiras, aos militantes da Alianza e da Sociedade de Canteiros, ás súas familias, o fascismo tronzoulles a vida, arrebatoulles os soños, arrincoulles os dereitos e as ilusións polas que tanto loitaran. E deixáronos tirados como cans nas cunetas, á intemperie. Ou no fondo do mar. A eles que loitaran sen descanso pola xornada laboral de oito horas, por melloras salariais e por conseguir avances sociais para o pobo.

Once veciños de Cangas, tres mariñeiros, dous albaneis, cinco canteiros e un mecánico, militantes da Fronte Popular, comunistas, anarquistas e socialistas, foron asasinados na mañanciña do 28 de agosto de 1936 por falanxistas no lugar coñecido como Anguieiro. Algúns corpos apareceron aboiados na ría algúns días despois de seren asasinados e recibiron sepultura no cemiterio de Cangas, outros nunca apareceron.

Eugenio Bastos Fernández (Ghatón) tiña 20 anos e moitos soños por cumprir. Cruzaba a ría a diario para traballar como mecánico no asteleiro de Barreras, arelando que chegase o domingo para mocear ou ir á praia. Os seus soños tiñan moito que ver coa República e coas loitas dos traballadores por unha vida mellor. Como a súa irmá Esperanza e moitas outras mulleres organizadas en sindicatos e na militancia política de esquerdas.

Un namorado da vida era José Nores Rodríguez, de 16 anos, músico da banda e futbolista, xogador e capitán do equipo de fútbol infantil do Pósito. Albanel de oficio e militante socialista.

Antonio Blanco Rodal , mariñeiro de 26 anos, membro da agrupación Alianza Mariñeira e militante da primeira célula comunista de Cangas, foi detido nada máis chegar o barco a terra. Tamén eran mariñeiros e militantes no sindicato anarquista, Daniel González Graña, (Gadé) de 26 anos e Normandino Núñez Martínez, de 46.

Guillermo Fernández Fernández (O Pavito), de Seixo, un mozo forte de 27 anos que vivía en Darbo. Militaba no Partido Socialista. De oficio canteiro, traballaba de albanel na construción e tamén era boxeador. Uns falanxistas e un garda municipal fórono buscar á casa na mesma madrugada que os mataron.

Canteiros de Darbo eran tamén os irmáns Martínez Pazó: José, de 25 anos, socialista e Alejandro, de 20, xornaleiro das xuventudes socialistas. Ambos os dous mortos en Anguieiro. A Silviano matárono na Fronte ao querer cambiar de bando.

Antonio e Estanislao Ferreiro Núñez, de 32 e de 24 anos. Da familia dos Boreiros de Cimadevila. Foron secuestrados ás dúas da madrugada por un garda civil e catro falanxistas coñecidos en Cangas, segundo deixou escrito o seu pai. E Secundino Ruibal Villar, de 38 anos, de San Pedro que tamén era canteiro e directivo da Sociedade de Canteiros de Cangas.

A Casa do Pobo, o local que simbolizaba as loitas sindicais e o compromiso, foi asaltado e incautado. Escachifaron os mobles e queimaron os libros, nun ritual macabro coma noutros edificios construídos co sacrificio da clase traballadora que ficaron convertidos en cárceres e lugares de tortura.

Na madrugada do venres 28 de agosto un comando terrorista formado por falanxistas e gardas civís levaron once mariñeiros e canteiros nunha camioneta ao alto da Portela, a carón da fonte do Anguieiro. Fixéronos baixar coas mans atadas. Aqueles once homes e rapaces escoitaron por última vez o silencio da noite e o vento quente que viña do mar. E sentiron medo, anguria e sede. E entón soaron os disparos, rotundos, criminais, e o sangue correu a rolos.

Xa tiñan decidido como ocultar o crime. Non era a primeira vez que o facían, que guindaban os corpos ao mar. Cando chegaron ao peirao da fábrica de Cervera faltaba un corpo. Así que subiron os dez cadáveres nunha motora e fondeáronos no mar, atados ás parrillas que se usaban na conserveira.

Ao día seguinte foron na procura do corpo que faltaba (Estanislao Ferreiro). O rapaz resultara ferido e saltara da camioneta cando volvían a Cangas cos asasinados. Primeiro foi cara a Aldán á casa dun tío. Desde alí foi cara ao monte de Subrido. No Hío rodeárono 14 falanxistas que o buscaban. Levárono á casa de sinais, torturárono salvaxemente e alí o mataron a baioneta, tendo a menos de gastar pólvora.

Para as familias dos desaparecidos comezou daquela o tempo da anguria, da desesperación, na procura dos corpos nos cemiterios, nos lugares onde se oficiaba o terror. Se a morte, o asasinato dun ser querido é motivo de dor, canto máis saber do crime e non ter sequera un corpo para enterrar, un lugar onde levar as flores e as bágoas.

O venres 9 de outubro, 40 días despois de seren fondeados, a manobra dun barco fixo que saísen a flote os corpos de cinco dos asasinados no Anguieiro. As familias achegáronse á ribeira para identificar os cadáveres. Eran Antonio, Normandino, Daniel, Antonio e José. A morte foi inscrita no rexistro municipal cunha lenda ignominiosa: "morte rexistrada en Cangas a causa de hemorraxia interna por ferida de guerra". Os demais nunca apareceron.

Dende hai uns dez anos a asociación da Memoria Histórica 28 de agosto de Cangas organiza unha xornada de homenaxe aos Mártires do Anguieiro neste mesmo lugar onde un monólito os lembra como exemplo da dignidade, da liberdade e da xustiza.

"Que o libre voo das pombas da paz/ erga para sempre a memoria solidaria/ das xentes xustas que o deron todo/ pola liberdade e a xustiza". En palabras do poeta Claudio Rodríguez Fer. Pombas, mártires da Liberdade para sempre na Memoria.

*A Cepa e AC Memoria Histórica 28 de Agosto

Compartir el artículo

stats