Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Benigno Grimar "O Moreno", o fotógrafo da xente

Natural de Huelva, estableceuse en Cangas e percorreu festas e romarías retratando a vila dos 50 até os anos 80

De romaría.

A fotografía era a memoria e os retratos auténticos documentos notariais das persoas de toda posición. Daban fe das vodas e das comuñóns, das xuntanzas familiares, dos amigos, das tabernas e das comparsas. Centos de vidas hai detrás das fotografías Benigno Grimar, coñecido popularmente coma O Moreno, que van conformando un completo encrucillado que o di todo das nosas identidades, de nós mesmos, como persoas e como protagonistas da nosa vida colectiva. Todas as casas teñen fotos da súa autoría. Nelas aparecen os veciños retratados nos traballos, nas festas e nas romarías.

Benigno era moi moreno, de mediana estatura e aspecto triste e apagado. Moi boa xente, atento e discreto, unha persoa entrañable. Tiña un trato moi familiar e atento cos clientes. Serio e formal no traballo, valía para o negocio. De falares doces e suaves, quedou na memoria a idea que falaba un pouco raro para os falares de aquí. Con el traballaba un compañeiro alto e fraco, un pouco retraído, que algúns din que era o seu irmán.

Benigno Grimar é natural do concello coñecido hoxe como Isla Cristina en Huelva. O seu apelido catalán foi levado polos seus antepasados a terras andaluzas fronteirizas con Portugal onde fundaron unha colonia pesqueira na Real Isla de la Higuerita (ou da Figuereta, segundo a lingua que se usara).

Supoñemos que Benigno O Moreno veu a Cangas buscando un lugar con moitas semellanzas ao seu concello natal, para vivir tranquilo naqueles anos convulsos da posguerra, posiblemente escapando da represión política. Aquí refixo a súa vida de traballo e atencións aos veciños. Era un habitual do bar da Ferrolana (hoxe super Juanito na rúa Real) centro da vida social de Cangas, local de reunións da Peña Machaca; pero sempre mantiña unha certa distancia e discreción. Falaba con moi poucas persoas e sempre era moi respectuoso.

Polas casas

Facía as fotos alí onde era requirido. Tanto viña polas casas como agardaba no adro ao pé da oliveira centenaria de Darbo, na rampla da finca do cura. E os domingos andaba polo paseo, preto do Bonin, na procura de clientes, daquelas familias que, ao saíren ao paseo, reclamaban os seus servizos para que os inmortalizara.

Naqueles anos todo o traballo fotográfico de revelado tiñan que facelo de maneira artesán. Cos produtos axeitados que coñecían utilizaban unhas cubetas de madeira que enchían de auga na fonte do Cabalo e pousaban no muro. O adro era daquela o centro da vida comunal dos rapaces. Alí xogabamos ao quirín, ao frontón e ao fútbol, estaba a escola de Barbicas e os locais da Acción Católica e do Fronte de Xuventudes coas mesas de pimpón, o xadrez e os futbolíns. Alí, os rapaces, mirabamos apampados, coma os negativos se ían facendo realidade aparecendo corpos e caras.

Bicicleta

Para os seus desprazamentos O Moreno dispoñía dunha bicicleta e dun daqueles velosolex Orbea que tiña o motor na roda de adiante para axudar a subir as costas. E ía polas festas e romarías, ou polas praias, tirando fotos coa súa cámara de funda marrón Despois mercou un económico Vespino branco que arrincaba tamén cos pedais e que lle permitía circular en chans e costas abaixo coma se fose unha bicicleta.

Este gran fotógrafo ambulante percorreu todas as festas e romarías retratando a centos e centos de persoas. Que recordos tan grandes! Moitas das fotografías que andan polos caixóns e as gabetas sen asinar son da súa autoría.

Olle con atención as fotografías antigas que ten na casa. E repare naqueles rostros que nos miran. Onde vostede está agora mirando, estivo o ollo e a luz deste gran fotógrafo e mellor persoa que foi Benigno Grimar, O Moreno. Repare tamén no que aparece por detrás das persoas e en tantas miradas, tantas lembranzas. Recordos para gozar de vagariño!

Un día chegoulle a hora da xubilación e marcharon para Andalucía. Sería bo ter algunha foto de Benigno Grimar (O Moreno). Aínda que fose só unha, para ilustrar esta páxina; pero non a temos. El que tantas persoas fotografou en Cangas, non nos deixou ningún retrato seu, facendo certo aquel dito que na casa do ferreiro, coitelo de pau. Seguiremos buscándoa e mentres tanto, agradecidos lle quedamos polo seu formidable traballo!

(*) Membro da Cepa/ Veciño de Coiro e sindicalista da CUT

Compartir el artículo

stats