Acaba de saír da imprenta. Literalmente. "Medrar nas mans" é o novo poemario da buenense Asun Estévez e onte mesmo chegou ás librerías. O libro preséntase mañá ás 18.00 horas no Centro Social do Mar de Bueu cunha compaña moi especial: o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o escritor Xosé Neira Vilas, que se encargou de elaborar o limiar. Será unha presentación con recital poético, no que Jezabel Argüelles tocará o piano. Onte celebrouse a presentación do evento no salón de plenos de Bueu, un acto no que estiveron o alcalde, Félix Juncal, e o libreiro Fernando Miranda.

- Como é este novo poemario que temos entre as mans?

-É diferente aos outros, pero mantén a miña visión feminina e gústame non centrarme só nun tema. Ten dúas partes miñas: a muller ou a persoa que protesta ante o que está pasando no mundo coa lingua, coas mulleres maltratadas e as cousas que non me gustan. Esa é a parte do berro, da muller rebelde. Logo está outro lado, o amoroso, doce e erótico. En ambas as dúas partes manteño unha linguaxe clara, como eu falo porque escribo para que me entendan. Necesito ser entendida cando escribo, que o lector sepa o que quero dicir e que o sinta.

-Xa é o terceiro despois de "Pel de muller" e "Noites, amenceres... e algo máis". Hai unha evolución con respecto a eses poemarios?

-Penso que sí. Segue habendo poemas longos, pero esténdome menos. Gústame concentrar o pensamento e darlle forza en menos palabras.

-Como foi o proceso de xestación deste "Medrar nas mans"?

-Calquera que lea o libro vaise dar conta de que hai dúas partes diferenciadas. O escribín case todo deseguido e pensaba que o tiña rematado. Pero sentía que faltaba algo e dinlle outra volta. - cando acabei si que souben que o libro estaba completo. Esa segunda parte a escribín moi rápido, estaba especialmente creativa.

-Neste novo poemario hai dúas interesantes colaboracións: a de Xosé Neira Vilas como autor do limiar e Xosé Vizoso como ilustrador (tamén estará mañá na presentación).

-A verdade é que é moi especial. Teño boa relación con Neira Vilas, a quen lle gustaron os meus anteriores poemarios. Cando rematei este envieillo para que o puidese ler e respostoume enviando o limiar. As ilustracións son tamén marabillosas, de Xosé Vizoso, que traballou toda súa vida Sargadelos. El leu os poemas e creo que os reflectiu tal cal nos seus debuxos. As miñas palabras están perfectamente representadas nas súas ilustracións, resaltando moito a figura da muller.

-Tamén contará coa presenza do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero.

-Estou encantada e moi agradecida por toda a xente que vai estar. El presentou o meu anterior libro nun acto na Casa do Libro en Vigo e tamén quixo estar mañá en Bueu.

-Nestes días celébrase o Día Mundial do Cancro do Mama, una enfermidade que vostede tamén superou e coincidindo con esa época publicouse o seu primeiro poemario.

-É algo que todo o mundo asocia, pero son feitos que non están relacionados. Eu escribo dende pequena e cando estaba enferma xa tiña o primeiro libro en curso, pensando en publicalo. Por iso me serviu tanto: pelexei e loitei contra o cancro, colleume nun momento tan bo, escribindo e con ilusións de vivir que foi un acicate porque eu quería facer todo isto.

- Pódese dicir que vive algo parecido a un soño?

- Creo que logrei todos os soños que tiña dende pequena. Soñaba con escribir e cada vez que ao colexio viña un escritor a falar con nós soñaba con ser eu algún día a que acudiría a falar cos nenos.

-Por que "Medrar nas mans"?

-O tiven claro dende o principio, fai referencia á esperanza. A que mentras teñamos palabra teremos esperanza e que o mundo pode mudar.