A terceira edición de Deporúarte terá como eixo central a arte urbana, baixo o eslogan Pintando Alternativas. O programa que impulsa a Deputación de Pontevedra estará focalizado en dez institutos da provincia, que serán os escenarios onde se deseñarán as obras artísticas, froito dunha reflexión previa e debate do alumnado.

Entre os centros de ensino que participarán no programa figuran dous da zona: Os IES Laxeiro, de Lalín, e Chano Piñeiro, de Forcarei. As obras finais poderán verse nos muros dos seus patios e recintos.

Noutra orde de cousas, o Laxeiro acolleu onte un obradoiro impartido polo pintor e ilustrador Xosé Cobas. A creación re-partida era o título da actividade, á que acudiron alumnos de 1º de Bacharelato.