Pepo Suevos e Marcos Pereiro pregoarán o sábado 9 de decembro a II Festa Gastronómica do Porco, que se celebrará en Silleda ese día mailo seguinte. Desta volta incorpora unha feira de artesanía para a que hai xa unha trintena de inscritos, todos de gran nivel, tal como indicou Antonio Rodríguez Loureiro, presidente de IdeaSilleda, a asociación organizadora. Trátase dun complemento para a festa a partir dunha primeira edición que tivera lugar "con grande éxito" hai catro anos. A cita tamén inclúe este ano postos de venta, dous de produtos do porco e outros dous de agricultura da zona.

A comisión engade tres novas racións á oferta da primeira edición e alcanza así as 17. As novidades son panceta e costela á prancha e chourizo de cebola, que se suman ás preexistentes: Fuciño, lingua, patas, rabo, panceta, lacón e costela cocidos, empanadas de chourizo e panceta e de raxo, xamón curado, chourizo, cacheira, orella, raxo e pataca con verzas, todo cociñado en vivo ao xeito tradicional. Os prezos mantéñense entre 3 e 4 euros e tamén o funcionamento, mediante a compra de tiques para logo canxear pola comida elixida. Iso si, haberá unha caixa rápida para mercar pan e bebidas.

Festa e feira compartirán ubicación na rúa Pintor Colmeiro e permanecerán abertas en horario de 11:00 da mañá a 12:00 da noite o sábado e de 11:00 a 18:00 horas o domingo. De feito, as datas previstas inicialmente para a II Festa do Porco modificáronse para coincidir tanto coa Santa Baia -patroa de Silleda- como co festival de orquestras Closing Tour, que congregará a Panorama, París de Noia e Marbella na Feira Internacional de Galicia (FIG). De feito, compoñentes das tres orquestras acudirán á carpa durante a xornada sabatina.

A festa arrancará coa presentación a cargo dos actores e humoristas Pepo Suevos e Marcos Pereiro, advertidos onte polo alcalde, Manuel Cuiña, de que tiñan un "traballo difícil", dado que José Antonio Touriñán deixara "o listón moi alto". "Vimos nós porque entre os porcos hai que axudarse", bromeou onte Suevos na presentación dun evento que aspira a consolidarse como o noveno de carácter gastronómico do municipio. "Si que nos molesta un pouco esta foto de Touriñán no cartel -proseguiu o artista-, esperemos que polo menos o ano que vén estea a nosa". Os presentadores mostraron "moitas gañas" de participar no evento: "Todo o que sexa promoción do noso, do galego e da gastronomía..., porque somos comedoriños, para que nos imos enganar!", proclamou Suevos. "Non poñan moito pan, porque enche moito", pregou Pereiro.

A música do sábado correrá a cargo de Pao de Buxo e o grupo PK2. Esta formación repetirá o domingo, no que tamén tocarán a Banda Xuvenil de Silleda e Os Sin Son Ghaiteiros. Manuel Cuiña aproveitou para facer un "recoñecemento ao traballo e o esforzo da comisión".